A nova vida de Monsieur Liberty
A quen de nós non nos pasou algunha vez unha situación como a de estar na procura de algo e non atopalo ata que deixas de buscar? Un feito cotián que se dá en máis contextos dos que pensamos. Podemos extrapolalo incluso aos medios de comunicación e ao xeito de producir os contidos que neles se publican. Jorge Pan, honorable e excelentísimo (haberá que facerlle un pouco a pelota de cando en vez) director deste xornal poderá dicilo. Seguro que ao finalizar a semana pasada non pensaría que ía escribir “Rápidos no río da vida”, pero a información e a desventura tocaron na súa porta. Hai ocasións nas que a información chega a ti coma de casualidade. Probablemente estás a facer outras cousas que non teñen nada que ver co teu oficio, ou están lixeiramente vencelladas e, de súbito, zas! alguén comeza a falar de máis e cóntache ata o seu número de DNI ou domicilio social. O ideal sería que a información transmitida fora de tanta importancia como para pertencer aos arquivos segredos do Centro Nacional de Intelixencia, mais iso si que acontece en menos ocasións.
O xoves pasado, mentres vendiamos entradas para a festa de Compostimes (podedes ler a crónica que escribiu Sara Yáñez pinchando aquí) aconteceume o que acabo de relatar. Aproveitamos para achegarnos a Liberty e falar co dono por cuestións alleas a este xornal, pero claves para outros asuntos. Logramos entrar gratis, algo que xa é todo un logro tendo en conta que se estaba a celebrar o pre-fin de ano de enfermería. Dende logo os atuendos casual que levabamos non eran nin de Noitevella nin nova, por iso o porteiro creu as nosas intencións e nos deixou pasar. Baixar esas máis que coñecidas escaleiras preto da 1 am e sen ter realizado paradas estratéxicas de reposición de combustible fai que se vexa a realidade de maneira moi distinta. O sitio parece outro e ata te podes fixar no volume (excesivamente baixo) da música e da cor do papel de parede. Un dos traballadores dirixiunos ao que parecía ser o despacho do xerente de Liberty. Esperando atoparnos a un rapaz novo coma Mariano, rexedor de Shangó, ou toda unha estrela do cine para adultos coma Totó García, levámonos certa sorpresa ao ver o cabecilla dunha das grandes discotecas de Compostela. Frente a nós estaba un home entrado en anos, de pelo canoso, cun atuendo aínda máis casual ca o noso e moi agradable. Recibiunos no momento cun apretón de mans e unha lixeira desculpa polo estado do seu despacho. Comezamos a falar da organización de festas e de datas chave que atraerían a un gran volume de clientes cando nos contou, en exclusiva, cal é a súa idea para o próximo ano en Liberty. Pode que o que vaiades ler a continuación non sexa de suficiente importancia coma para ser portada de El Mundo. Nin sequera merecerá ser mencionado polo De Luns a Venres na súa sección Abrente, mais os lectores (e sobre todo lectoras) de Compostimes afeccionados a pasar algunha que outra hora á semana neste local seguro que agradecedes coñecer por onde van os tiros a partir de xaneiro de 2013.
O home que estaba no despacho atendéndonos tan amablemente resultou ser o novo xerente da discoteca. Leva pouco máis dun mes e xa foi consciente das limitacións que un local de máis de 40 anos trae consigo. Se os vosos país estudaban en Santiago ou, cando menos, frecuentaban a vida nocturna da capital seguro que coñecerán Liberty e nos poderán contar ata onde se atopan os sofás ou as barras. Está exactamente igual que hai case un lustro, de aí que o novo xerente nos confesara o seu desexo de reformalo e darlle un toque máis actual, máis do século XXI.
A súa idea pasa por darlle unha cara totalmente nova, como xa sufriron locais tan de moda agora coma Shango (antigo Yacaré). Quere cambiar o papel de parede que me deixou hipnotizada nada máis entrar e darlle uso á sala VIP. Si, queridos lectores de Compostimes, Liberty ten sala VIP. Trátase dunha estancia preto do roupeiro e separada do resto da sala por unha parede onde, segundo o xerente, caben máis de 100 persoas. Esa habitación, agora inservible, sería utilizada para festas máis exclusivas, cun público de maior idade e cunha música personalizada e diferenciada do resto da discoteca. Estaría separada, no canto de por unha parede, por un cristal, que sempre é de máis categoría e clase. Ademais diso, quere mellorar o sistema de son para pasar de música “ambiental” a música discotequeira que estaba a brillar pola súa ausencia. Estamos a falar dunha gran inversión de capital nun equipo de son co que quere levar a grandes DJ’s para que pinchen no seu local, o cal atraería á súa vez a máis público. As obras ademais levaríanse a cabo (se a idea deste home chega a bo porto) nas primeiras semanas do mes de xaneiro, días onde a Conchi ten máis ambiente que calquera pub de Santiago. Cantas vantaxas, non si? Parece que todo son boas novas, mais… cal é a parte negativa (ou positiva para algúns) de todo isto? Liberty vai a deixar de ser un Apolo da vida para convertirse nun local como Ruta. Superarase por fin o machismo imperante na noite compostelana e un local máis unirase ao cobro a ambos sexos. Mulleres e homes pagarán a mesma cantidade por entrar, que aínda non podemos dicir de canto se trata. A idea que subxace nisto é dobre: por unha banda, ao xefe do lugar non lle parece ben esa moda de usar ás mulleres universitarias como reclamo sexual para que os homes (non só universitarios) entren nun determinado local. E é da concepción de que a xente ten que pagar por entrar nun local con estilo, boa música e bo ambiente, de aí que decida reformar para ter un motivo de peso polo cal cobrar o prezo da entrada. “Que estou a ofrecer agora mesmo para cobrar 5,50?” preguntábase o dono. A resposta pode cambiar se estas melloras se levan a cabo. Xa temos un motivo para rematar canto antes os exames de xaneiro: comprobar cos nosos ollos a apertura dun novo ciclo en Liberty, 40 anos despois.