A mellor forma de comezar o ano

O 31 de decembro ofrécenos cada ano a posibilidade dun novo comezo. Non se trata de esquecer todos os feitos do ano vello, pero a sensación de frescura  e reinicio dan un pequeno empuxe para continuar o que é, ó fin e ó cabo, o paso do tempo. Porén, decidimos buscar as máis atractivas actividades para o aninovo. Ata chegamos a ordenalas por preferencia, o que deu lugar a xa por sempre “Festa de Noitevella”.

A mellor forma de comezar o ano

A mellor forma de comezar o ano

“Non hai mellor xeito de iniciar o ano que indo de festa”, entre outras escusas. De inicialo ou poñerlle fin como experimentamos recentemente cos mallas. Parece que todo acontecemento é propicio á hora de pasar unha noite de festa cos amigos e agardar o nacemento dun novo día. Quen son eu para dicir o contrario, pero… somos amigos das tropecentas persoas coas que compartimos noite? Se o autor da mancha que nos terá todo o día dous de xaneiro aplicando disolvente sobre a recentemente estreada tea fose amigo noso todo sería menos grave, pero o máis probable é que iso non sexa así. De todos os xeitos, xa todos estamos afeitos a estas situacións, non imos facer un drama do asunto. O problema non provén da multitudinaria reunión, senón dos preparativos da mesma. O sinxelo xesto de comer a duodécima uva da sorte leva tras del infinidade de labores que nos fan retroceder a un mes antes.

30 de novembro: Os primeiros carteis colgan nas pareces da parada do teu autobús habitual. Milleiros de preguntas acoden ó teu cerebro, xunto cos recordos da noitevella anterior. “Este ano tamén hai fin de ano, claro… Haberá que decidir que facer”. Á axuda da túa solitaria neurona, acode o grupo de Whatsapp que todos temos para estas ocasións tan especias.

– Ei, xa falta pouco para fin de ano, non? Que imos facer?
– Buf, é certo. Que rápido pasou este ano, ou son cousas miñas?
– A verdade é que si… Parece que foi onte cando caín dos tacóns baixando as escaleiras de Apolo…

No mellor dos casos, tres días de conversacións profundas levaranvos a decidir o lugar de destino. A decisión non foi doada. Escoller o lugar e as condicións do atraco non está feito para mentes sensibles. Non obstante, antes de concluír coa separación dunha amizade de toda a vida, é preferible doar o ril que che sobrou do ano pasado e ceder ante a abafante maioría. Ó fin e ó cabo, é unha noite para o recordo, non? NON.

6 de decembro: Tras tres pre-findeanos que a noite universitaria nos ofrece, dámonos conta de que quizais non era mala idea comezar a buscar a indumentaria da noite do 31. Sempre haberá aqueles máis precavidos que o teñan escollido dende o 1 de setembro do ano 1967, pero os demais mortais deciden afrontar o risco de encontrar algo que non semelle a estrela que guiou ós Reis Magos a Belén. A loita por un vestido único, exclusivo, marabilloso, precioso e tan só trinta veces repetido esa noite é a tortura que tantas e tantas raparigas sofren dende tempos inmemoriais. Sen esquecer os correspondentes zapatos e accesorios que han de combinar en cor e estilo con dito vestido. Son sensacións que se superpoñen na vida dunha muller dende que ten unha certa idade. Todos os vestidos parecen iguais, igual de feos e sen gusto. Da igual na marca en que busquemos, parece que en decembro só se fabrican vestidos de medidas desproporcionadas, cores estridentes e estampados cegadores. Os mesmos que uns días antes nos parecían ideais, pero que á hora da verdade non son suficientemente bos para ser os elixidos. Cando aparece un só vestido que non recolle as características anteriores, agarrámonos a el coma a última Coca-Cola do deserto, e decidimos que xa dá o mesmo. Xa é noso.

A parte masculina teno un pouco máis doado. Aínda que a reciclaxe de traxes da comuñón é unha actividade cada vez menos empregada, a atracción polas  cores rechamantes sobrevive entre os máis festivos. É así como descubrimos, a través dos traxes destes suxeitos, novas cores producidas da mestura de grises, morados, azuis e prateados. Non volveremos atopar esa cor nin eses brillos durante o resto do ano, polo que non perdades a oportunidade. Os máis clásicos presentaranse co sempre útil traxe negro que só nos permite innovar a través das gravatas e o seu correspondente nó . Todo un arte, dende o meu punto de vista. Parece que dende este ángulo, a preparación da festa de noite vella deixa de ser unha obsesión para converterse nunha noite de simple celebración. Pero é conveniente recordar que á hora de valorar as diferenzas cunha noite normal, a transformación é máis brusca. O mesmo que renega de calquera signo de elegancia durante o ano, lucindo o seu mellor suadoiro, semella todo un galán por esa noite. Pode que sexa a falta de práctica o que provoque as arriscadas posturas de “mans nos petos” e “pernas abertas” que lle quitan, automaticamente a coroa ó príncipe.

23 de decembro: Tropezas coa bolsa que contén o tesouro de vestido que mercaches. Fas reconto. “Xa teño todo o necesario, só me falta … pedir cita na perruquería!”. Pode que os cabaleiros que continúen a ler este soporífero diario non saiban que a día 23 de decembro, pedir cita para peitearse é, como diría eu … impensable. Tras a risa descontrolada da perruqueira, que retumbará nos teus oídos tres días vista, decides que nada do que ela poida facerche o fará mellor ca túa santa nai. Polo tanto, tras darlle a noticia, que a encherá de alegría (pode que mesmo se poña a dar brincos por toda a casa), inicias a escolma do peiteado máis apropiado. Moita sorte con esta parte.

30 de decembro: Non queda nada. Parece que os traballos quedaron atrás e agora soamente resta aproveitar a noite, e celebrar a chegada do novo ano. Tampouco foi para tanto. 40 euros na entrada a un local ateigado de xente, 60 nun vestido que non vas volver poñer, 40 nuns tacóns que che provocarán dores por todo o corpo, outros 15 no caso de que conseguiras unha cita a tempo na túa perruquería de confianza e uns 20 aproximadamente en bolsos e complementos. Qué menos para a noite máis especial do ano! Por que é a noite máis especial do ano, non? …

31 de decembro: Chegou o gran día, ou a gran noite. O certo é que practicamente todo o día se destina a preparación da noite, ou sexa que se pode dicir dos dous xeitos. Todo ten que estar listo para recibir o ano, para comezar a pintar nese lenzo en branco con 365 pinceis de distintas cores. Os preparativos parece que serviron para que si que haxa algo de especial neste día. A cea en familia e o brinde polo minuto un, animan os ánimos a calquera. Pero a noite non fixo máis que comezar. Por suposto, cada un vivirá as seguintes doce horas do xeito que mellor considere, mesmo haberá algún que consiga sacarlle un verdadeiro proveito a cada unha delas. A pesar de todo, o normal é que nese amplo período de tempo poidamos divertirnos, sentarnos a ver pasar o tempo, e mesmo soñar coa teletransportación ás nosas respectivas camas. Xa todos os vestidos teñen a mesma cor, os tacóns abandonaron a súa habitual posición para servir de segundo bolso e os peiteados parecen de todo menos o que nós planearamos que foran. O que se supón ser o inicio de algo novo, trae consigo a fin dun mesmo. É así, como decidimos pasar o primeiro día durmindo, que claro está, ocupa o posto número dous na listaxe de actividades preferidas para dar comezo ó ano. Non sen antes tomar unha merecida, aínda que pouco apetecible cunca de chocolate quente con churros.

Non hai lugar para a improvisación. As regras do xogo están marcadas, e por moito que trates de rebelarte na súa contra acabarás por ceder ante algunhas das pautas aquí sinaladas. Ou equivócome? O conto leva a toda unha reflexión existencial. A pesar disto, é moi probable que mentres estás a ler este artigo ultimes os detalles da túa velada, ou no caso extremo, que non atopases tempo nun día tan axitado para ler Compostimes e xa te atopes na fase de reconstrución “post-festa”.

feliz-2013

revistaecclesia.com

Sexa como sexa, que sexa leve. E sobre todo feliz aninovo!