A incendiaria reforma de Wert

Segundo adiantou na tarde de onte a Cadena Ser, o Goberno está a plantexar -plantexar vén sendo o paso previo a aprobar, como afirmou José Ignacio Wert, “con ou sen consenso”- unha reforma da lei educativa que garanta que calquera materia poida ser impartida en castelán nas diferentes comunidades autónomas bilingües. Como a nova lei non parece que vaia implicar que as linguas cooficiais desaparezan do ensino, enténdese que se avoga por instaurar a dobre oferta, segundo a lingua escollida, en todos os centros educativos de titularidade pública. Tendo en conta os (escasos) recursos cos que o Goberno está a dotar a educación, a posta en práctica da medida parece complicada. Pero non se preocupen por este duro revés que a priori afectará aos plans de Wert e compañía. O executivo de Rajoy -xa sabemos que pensan en todo- anuncia que mentres non se implante o novo sistema, ofrecerá aos pais que o desexen a posibilidade de que os seus fillos reciban unha educación íntegra en castelán. E como o vai facer? Pois moi sinxelo: sufragando con fondos públicos a escolarización destes alumnos en centros privados. Paradoxal? Si. Sorprendente? Tampouco demasiado.

Si, señoras e señores. Non freguen os ollos. Leron ben. O Estado pagará a educación privada e monolingüe en castelán de todos aqueles alumnos cuxos pais así o esixan. Non sei vostedes que pensaron tras coñecer a noticia, mais na miña cabeza resoou unha voz profunda, chegada de tempos non moi lonxanos: “se están riendo del contribuyente”. Sóalles? É esa frase da que o PP (e non só) fai bandeira sempre que se ve relegado á oposición. A verdade é que ten a súa graza que, coa que está caendo -é dicir, con esa farsa de crise que todos nos vemos obrigados a pagar-, con recortes de fondos para a educación, a sanidade ou as pensións venres si e venres tamén; haxa cartos para este tipo de cousas. Supoño que iso vén sendo o que chaman adelgazar o Estado do benestar: empeorar os servizos que cobren necesidades básicas dos cidadáns e fomentar a tensión social, a división e a crispación con medidas que van contra a convivencia e o respecto á diversidade cultural; e que ademais responden ás esixencias de grupos que practicamente non contan con representatividade social a pesar da súa destacada presenza nos medios.

Reflexionando sobre o asunto tamén pensei, como é lóxico, na constitucionalidade ou non da medida, sobre todo despois de que o TSXG veña de anular parte do decreto do plurilingüismo que a Xunta de Feijóo aprobou durante a pasada lexislatura. Aínda que iso é o de menos. No que á Constitución se refire -e tampouco pretendo outorgarlle á Carta Magna un carácter sagrado e inmutábel-, sempre hai tempo para unha reforma express para a que non se precisa consenso nin referéndum. “As leis son como as mulleres, están para violalas“, que dixera o outro nunha gloriosa afirmación, digna de calquera tipo duro sacado dun western de Sergio Leone. A parte das leis, claro, porque a que fai referencia ao xénero feminino cústame poñerlla na boca até a un personaxe de ficción do estilo de Torrente.

A reforma en cuestión, volvendo ao rego, semella incendiaria por varios motivos. En primeiro lugar, sen dúbida, pola situación económica que estamos a vivir. Se os recursos son escasos e día tras día se lle está a pedir ao cidadán que aprete o cinto, o Goberno non debe, por pequeno que sexa o gasto, utilizar cartos das arcas públicas para un asunto así de banal e que ademais non resolve ningúnha problemática real.

Isto enlaza coa segunda razón. O problema que o Goberno presenta era inexistente até que se comezou a fomentar desde as institucións, como sabemos todos os que coñecemos o caso galego. Que un rapaz teña, por lei, que cursar unha serie de materias en galego (e outras en castelán) non é algo que atente contra ningún dereito. Simplemente vai na liña dunha das funcións que a Xunta ten que levar a cabo segundo o recollido no Estatuto de Autonomía e na Lei de Normalización Lingüística: fomentar o ensino e a promoción da lingua propia de Galiza. A división dos alumnos segundo a lingua que escollan os pais, ademais de ser totalmente prexudicial de cara á aprendizaxe dos dous idiomas cooficiais -especialmente do galego, xa que fóra do ensino está en peor situación que o castelán-, non fai máis que dar pasos adiante no camiño do sectarismo e o enfrontamento nas sociedades bilingües.

Por último, o terceiro aspecto que cómpre destacar é o das chamadas tensións territoriais que agora mesmo axitan o Estado Español. Se en Catalunya a opción soberanista colle forza e o Goberno central quere relaxar a situación, aprobar medidas desta clase é unha acción totalmente desafortunada; do mesmo xeito que o é afirmar que interesa españolizar aos alumnos cataláns. Como se pode alguén sentir identificado cun Estado que non respecta as súas particularidades? O que se dá a entender con todo isto é que o castelán é a única lingua española que merece todos os privilexios, mentres o resto son idiomas de segunda clase que nin sequera hai que defender como se fosen propios. A riqueza que supón a diversidade cultural, esquecida. O discurso da crispación e a discordia de novo sobre a mesa nunha España que parece non gostar das diferenzas. De verdade cren que compensa?