A encrucillada do reitor

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long, e o seu equipo están a vivir uns dos momentos máis duros do seu mandato. Esta mañá non se puido celebrar o claustro universitario por mor das protestas do estudantado e do persoal de administración e servizos. A situación da universidade é crítica e os problemas da executiva, crecentes.

En menos dun mes foron varios os golpes recibidos no seo da USC. Primeiro, a Xunta de Galicia anulaba 25 prazas de profesorado e logo disto, como consecuencia, Casares Long tivo que aceptar a dimisión da vicerreitora de titulacións Carmen Fernández Morante. Esta, nunha carta trala súa dimisión, criticaba duramente a xestión do reitor e explicaba que están a ser obrigados dende o goberno galego a someterse ás ordes deles.

Nesa carta, Fernández Morante aseguraba sobre a anulación das prazas: “No puedo avalar una decisión personal que plantea claras dudas de legalidad y que da respuesta exclusivamente a los intereses de algunos grupos y áreas de conocimiento de la universidad en detrimento de otras. Una decisión que no comparto, que se ha adoptado contra mi criterio, excluyéndome del proceso negociador de la toma de decisiones y que me obliga a renunciar súbitamente de mis responsabilidades de gobierno”.

Son varios os motivos que esgrimen os opositores a Casares Long para pedir a súa dimisión e a de todo o seu equipo. Desde que é reitor, hai dous anos e medio, creáronse arredor del xa varias polémicas. A súa imputación polo conflito ocasionado por unha contratación ilegal na fundación USC Deportiva, a normativa de permanencia, o caso dos Parga Pondal, o conflito co persoal de limpeza, os recortes orzamentarios impostos polo goberno central, a suba das taxas e, aínda que non foi toda a culpa da reitoría, a polémica coa empresa concesionaria da reprografía Maxín e o impago aos seus traballadores.

A mañá de onte estaba convocado un claustro ordinario onde se decidiría se eran aprobados os orzamentos para o ano 2013 e o plan plurianual para o próximo bienio. O plan plurianual xa fora tumbado en anteriores claustros e a necesidade de aprobalo é a cada paso maior. Aínda así, os distintos colectivos que integran o claustro non están polo labor de aprobar ningunha das propostas do reitorado xa que foron presentadas sete emendas á totalidade de cada unha, polo que sería difícil que obtivesen a aprobación deste órgano.

Ás portas do salón de actos da facultade de Medicina agolpábanse centos de estudantes e de afectados pola anulación das 25 prazas de profesorado, así coma do Persoal de Administración e Servizos, os PAS. Estes intentaron entrar para pedirlle ao equipo reitoral que dimita e convoque novas eleccións, pero llo impediron os axentes de seguridade. A súa reacción foi, coa axuda de estrondosos golpes nas portas que facían imposible a comunicación no interior, intentar entrar. Non o lograron ata que varios colectivos de estudantes nacionalistas tentaron tamén saír da sala. Nun principio a porta estaba pechada con chave pero tivo que abrirse tras a solicitude dos que estaban no interior.

Momento no que os manifestantes pedían a dimisión do equipo reitoral ante a mirada da Mesa do Claustro // Foto: Alberto Rivera

Os manifestantes puideron entrar finalmente no salón plenario e pedir a berros a dimisión do reitor baixo a ameaza de que se non acepta as demandas o acontecido hoxe seguirá a pasar en futuras reunións, sempre que a dirección da universidade se negue a modificar as súas políticas. Logo disto, Casares suspendeu a sesión do claustro ata, en principio, comezos do mes de febreiro.