O “crack” de 2012 nos Paradores de España
“Paradores anuncia un ERE del 14% de la plantilla y el cierre de varios establecimientos”.
Este é un exemplo de como rezaban os diarios españois ante a noticia do peche de sete paradores no territorio nacional. O Expediente de Regulación de Emprego que quere levar a cabo o seu director, José Juan Zaballa, deixaría no paro a 644 traballadores, aproximadamente un 14% da plantilla. O propio director afirmou que o peche de sete establecementos non resposta só a criterios económicos, senón á perda de demanda. En 2007 a ocupación hoteleira rondaba o 70%, mentres que cinco anos despois, en 2012, acada a nada despreciable cifra de 52%. Ademais, hai paradores onde a ocupación aínda se incrementou, como é o caso do Hostal dos Reis Católicos, edificio emblemático do corazón da capital galega.
Nacemento e historia dos Paradores
Paradores de España é unha rede de hoteles con case 87 anos de historia. En 1926 o Marqués de la Vega Inclán impulsou a creación do que sería o primeiro Parador coñecido, na serra de Gredos. Foi o punto de partida para a constitución da “Junta de Paradores y Hosterías del Reino”. A razón da súa titularidade estatal é de carácter histórico, posto que se querían instituir hoteis onde a iniciativa privada non chegaba, pero había condicións idóneas para atraer turismo. A partires do parador da serra de Gredos a idea cobrou forza e pretendeuse rehabilitar algúns dos numerosos monumentos históricos e artísticos abandonados.
A creación desta rede supuxo a rehabilitación de castelos, monasterios, monumentos e outros edificios emblemáticos ao longo da nosa xeografía. A partires de 1928, data considerada como a orixe oficial dos Paradores, comezáronse a construir hoteis en lugares considerados “de estrada” ou de paso. A época de maior desenvolvemento foi a década de 1960, debido ao auxe do turismo no país e onde se pasou de 40 a 83 hoteis integrados na rede de Paradores.
O máis sorprendente é o plan estratéxico de expansión 2009-2012, que pretendía rehabilitar novos edificios emblemáticos para chegar á cifra de 100 establecementos hoteleiros e a súa expansión internacional.
Peticións e protestas
Lonxe de expandirse, a situación parece encamiñada a ir por uns derroteiros ben distintos. A decisión do órgano encargado de regular e xestionar a rede de hoteis tomou unha decisión drástica que sorprendeu a propios e estranos. Os traballadores dun dos paradores afectados por este expediente afirman que detrás deste peche hai argumentos que non se están a contar, posto que un descenso do 18% en plena crise económica non xustifica o despedimento de 644 persoas. Compostimes puido falar con algúns deses afectados, concretamente, do Parador de Monterrei, na provincia de Ourense. Nese hotel traballan máis dunha docea de persoas e a maior parte delas levan toda a vida vencelladas á empresa pública. Levan semanas de protestas para conseguir, mediante a negociación colectiva, que os paradores de Ferrol e Verín non se pechen.
Manifestacións, marchas e reunións que tiveron como consecuencia un repregamento da dirección de Paradores Nacionales que estiman 350 baixas no tocante das case 650 previstas. Ademais, todo apunta a que o Parador de Verín non pechará as súas portas definitivamente polo de agora, aínda que os traballadores non se amosan de todo optimistas. A semana pasada convocouse un pleno extraordinario no Concello da localidade ourensana onde o alcalde e os grupos da oposición recibiron aos afectados para escoitar as súas peticións e transmitirlles todo o seu apoio. A esperanza de moitos deles era aproveitar o cargo do alcalde verinense, Juan Manuel Jiménez Morán, como senador en Madrid para facer presión e evitar o peche. O portavoz dos 15 traballadores de Monterrey afirmou a comezos do mes de decembro que “nos enteramos do peche pola prensa. Ningún dos responsables de Paradores de España nos comunicou nada previamente”. “O que non ten sentido é que se pechen paradores sen buscar unha solución. Os hoteis están mal xestionados, todo se decide desde Madrid e ese non é o camiño”.
Unha proposta alternativa
Os empregados dos 27 establecementos que tiñan previsto botar o peche reclamaban reunións co organismo Paradores de Turismo para intentar frear esta iniciativa. O mércores pasado celebrouse unha reunión que tivo aos representantes de ambas partes negociando durante horas. Paradores propuxo unha nova vía ao Comité Intercentros, onde se aglutinan CCOO e UGT, que consistiría en reducir á metade o número de despedimentos e unha rebaixa das condicións que moitos traballadores consideran aínda inxustas e nas que se inclúe: ningún peche definitivo, a redución de cinco a tres meses o peche temporal dos 27 paradores e unhas indemnizacións de 25 días por ano traballado por un máximo de 18 meses.
Algunhas voces na localidade verinense apuntaban por unha clara privatización do Parador de Verín que parecía que xa contaba cun comprador, unha persoa de influencia na contorna. Porén, dadas as novas circunstancias non está claro aínda o que vai a acontecer, posto que os sindicatos de traballadores non aceptaron esa nova vía proposta dende o executivo de Paradores de Turismo. Está previsto que haxa unha nova reunión o día 27 de decembro onde se poidan achegar máis as posturas de ambos, xa que o que parece inevitable é o peche por tempadas. A páxina de Paradores reflicte que, no caso do Parador de Verín, manterase pechado dende o 13 de decembro ata o 1 de febreiro.
Cara un novo modelo de xestión?
Moitas son as voces que avogan por un cambio drástico no modelo de xestionar os Paradores. Algúns continúan coas mesmas estratexias, sen adaptarse aos novos tempos e ás novas circunstancias. Moitos dos hoteis configuráronse como lugares de descanso da burguesía da época ou como lugares de paso para os viaxantes. Actualmente, o desenvolvemento dos transportes provoca que os paradores perdan o seu sentido máis histórico e que non se busque unha renovación ou un novo modelo de xestión. De feito, os quince traballadores de Verín maniféstanse radicalmente en contra de que os 93 hoteis estean xestionados dende Madrid, posto que representan hábitos de vida, cidades, gastronomías e culturas diferentes que se poderían explotar moito máis cunha xestión descentralizada. O cambio e a rendabilidade pasa ademais por unha maior adecuación calidade-prezo, adaptada ás novas circunstancias económicas e sociais.
E eu pregúntome… un sector como a hostelería debería ser dependente do Estado? Quedaría desprotexida a súa finalidade se pasan a ser xestionados por entes privados? Cal é a solución máis adecuada para este asunto?