Unha ría que agoniza, unha forma de vida en perigo de extinción
Situemos ao lector no tempo e no espazo: Ferrol, ano 2007. A Xunta de Galicia afirma que a ría está demasiado contaminada e que ao marisco lle afecta unha toxina que impide a súa comercialización. Ponse en marcha o Plan de Dinamización da Ría de Ferrol. Como consecuencia, cada mes os mariscadores reciben unha axuda e dedícanse a trasladar a ameixa da denominada Zona C (con alto grao de contaminación) á Zona B (na que si está permitido faenar) para que esta se depure de forma natural. Ata aquí todo parece correcto: ninguén queda no paro e rexérase marisco para garantir esta actividade no futuro.
Outubro de 2011: Os mariscadores empezan a ter problemas para cobrar, os prazos non se cumpren e a Xunta maréase de tanto dar rodeos. Os traballadores do sector non quedan parados e deciden facerse ver: acampan diante do edificio da Xunta en Ferrol e tratan de concienciar á cidadanía dos problemas que asolan ao sector. A Xunta propón unha solución: un sistema de bateas de depuración. Isto implicaría ademais a supresión do sistema de axudas que se viña dando ata o memento. Para esta crónica, tiven a oportunidade de falar con mariscadores da Confraría de Ferrol. Os seus nomes non importan, é a súa voz a que nos parece relevante. Segundo eles esta proposta ten moito que ver con esa palabriña que últimamente consigue coarse en todos os asuntos importantes, incluso nas conversacións cotiás: CRISE. Argumentan a súa postura dicindo que as bateas instaladas non son suficientes para a cantidade de marisco que se recolle e que gran parte deste marisco morre no proceso de depuración. Ademais, a Xunta non cumpre os pagos ás persoas que realizan o transporte en barcos e camións.
Así, as bateas son unha solución manifestamente insuficiente. Cando lles pregunto se para eles o ideal é a volta ao sistema de axudas responden que aquel dáballes máis estabilidade, pero tamén apuntan que o sistema actual podería ser unha solución se se levara a cabo de forma correcta. Por exemplo alegan que só lles deixan someter a este proceso a especie de ameixa babosa pero que “también hay almeja fina y berberecho pero ni te los dejan comercializar ni te dan otra alternativa de depuración”. A Xunta tampouco se fai responsable desa porcentaxe de marisco que morre no proceso. Os mariscadores declaran que “instalaron todo pero no comprueban que funcione y tú ya te arreglarás.”
Pero os traballadores deste sector, aínda que cansos de ser derrotados, están lonxe de renderse. O 3 de novembro tiraron diante do edificio da Xunta 200 kg de ameixa inservible para a comercialización. Trantaron con esta medida que a administración se percate de que o sistema non funciona. Cando lles pregunto o porqué estas accións tan contundentes, alegan que a Xunta funciona “a base de si hay guerra o no hay guerra”, e explícanme que están fartos de que non lles contesten ao teléfono. Tamén me din que todo este conflicto está causando un dano difícilmente reparable á reputación do marisco da zona e que neste período perderon opotunidades de expandir o sector: “estás perdiendo mucho de entrar en otros mercados”.
Este conflicto aberto implica unha inestabilidade económica cada vez máis difícil de sobrelevar para o medio millar de familias que viven do marisqueo. A situación é delicada, os rostros dos meus interlocutores son os da impotencia de verse estancados, pesan no ánimo todas as batallas perdidas, pero deixan claro que aínda non acabou a súa loita: “vamos a seguir luchando por lo nuestro”. Reflexionan sobre as consecuencias que a desaparición deste sector pode ter para a zona, que unido aos problemas que asolan ao sector naval, contribuiría ao estancamento económico da comarca.
Pero este non é só un desastre económico, senón tamén ecolóxico. Os mariscadores explícanme que a solución non radica na limpeza da ría, pois isto sería inútil tendo en conta que as empresas que operan nas súas inmediacións seguirían contaminando. Existe unha depuradora, pero por razón incomprensibles, non está en funcionamento.
Esta crónica da para reflexións varias: de verdade non debe ser considerada prioridade a conservación do noso patrimonio natural aínda en épocas de crise? Non é unha medida económica sensata invertir no futuro dun dos principais sectores da bisbarra?
Esta historia de luces e sombras, de impotencia e esperanza, faime recordar uns versos de Xoan Manuel Casado que serven de sentencia a esta cuestión:
“Nasce e morre unha espranza
no porvir.
É unha folla no vento
alento e desalento.
O meu país.”