Trinta equipos, un campión
Miami parte como máximo favorito para revalidar o título, pero repasamos para Compostimes as alternativas ós de Florida. Boston, New York ou os novos veciños de Brooklyn no este aparecen como as principais opcións para derrocar ó actual campión. No oeste os dous conxuntos de Los Ángeles, Clippers e Lakers, Oklahoma City Thunder e os xa habituais Spurs parecen ser os maiores rivais para os Heat. Denver Nuggets pode dar a sorpresa. Repasamos o resto de equipos por divisións:
ESTE
División Atlántico: comeza como a priori a división máis dura este ano na NBA, pero a realidade é que está chea de incógnitas. Para iso, en primeiro lugar debemos falar dos veteranísimos Boston Celtics, que aínda xogando con 500 anos cada un seguirán pelexando ata o derradeiro minuto de Playoffs. Comandados por un Kevin Garnett reconvertido ó posto de pivote e baixo a batuta de Rondo, perden este ano a Ray Allen que se vai a Miami en busca do ansiado anel de campión. Suplido coas altas de Terry e Barbosa, a recuperación de Jeff Green e a explosión de Bradley auguran que os Celtics seguirán pelexando outro ano máis. New York Knicks aparece como unha das alternativas. Comandado por Carmelo Anthony e Amar’e Stoudemire, o rendemento das dúas estrelas antóllase clave para o obxectivo de pasar de primeira ronda de Playoffs. Se eles funcionan, con Chandler, Kidd, Felton, JR Smith ou o tirador Novak estarán na pelexa por algo maior. Brooklyn Nets pola súa parte ten moitas esperanzas postas na súa principal alta este verán, Joe Johnson. Xunto con Deron Williams, Gerald Wallace e Brook Lopez o magnate Prokhorov espera algo grande dos Nets despois do desembolso deste verán. A estrela ACB Teletovic debuta este ano cos de Avery Johnson. Philadelphia 76ers é o cuarto galo do curral que é a División Atlántico. Comandados polo ex-Laker Andrew Bynum e acompañado por Holiday, Thaddeus Young ou os tiradores Jason Richardson, Dorell Wright e Nick Young o cambio do habitual estilo defensivo de Doug Collins será clave no devir do ex equipo de Iverson. Toronto Raptors apunta a ser un dos equipos divertidos da tempada. Co capataz Kyle Lowry e a promesa Valanciunas, é o momento de que DeRozan dea un paso máis. Será clave para poder entrar en Playoffs a suma de veteranos como Calderón ou Bargnani.
División Central: o mellor equipo da pasada tempada regular, os Chicago Bulls, aparecen como o principal interrogante neste ano. Coa baixa de Derrick Rose polo menos ata o comezo dos Playoffs, a dirección de xogo recae en Kirk Hinrich, quen volve a casa. Baixo o estilo defensivo de Thibodeau, o aporte de Deng, Boozer, Noah ou Hamilton amósase clave se queren acercarse ó resultado do ano pasado. As altas de Nate Robinson e Belinelli aportan revulsivos desde o banco. Indiana Pacers aparece como un importante outsider no Este, máis incluso tralos Playoffs realizados o ano pasado. Paul George, Hibbert e o lesionado Danny Granger son os homes claves e o seu crecemento será fundamental para ver se Indiana pode loitar para estar entre os tres primeiros do Este ou se loitará tan só por entrar en Playoffs. Pola súa parte, ós Milwaukee Bucks debemos consideralos como o equipo de Jennings e Ellis. O seu entendemento será clave para ver se o equipo pode loitar por Playoffs. Xunto a eles, espérase un maior rendemento de promesas como Tobias Harris, Ekpe Udoh ou Larry Sanders, ademais do pasiño adiante que aínda pode dar o turco Ilyasova. Detroit Pistons ten unha nova tempada para crecer e por fin ten a base para facelo. Apoiados en Brandon Knight na dirección, cos pivotes Drummond e Monroe os Pistons poden posicionarse como un dos equipos do futuro. Xunto a eles volverán estar clásicos como Stuckey, Maggette ou Tayshaun Prince. Por último, Cleveland Cavaliers será o equipo dun Kyrie Irving que pinta a futura estrela da liga. Xunto a el veremos o rendemento de promesas como Tristan Thompson, Dion Waiters ou Tyler Zeller. Varejao porá a intensidade defensiva nun equipo entendido para crecer.
División Sureste: desde Florida chegan os actuais campións como os máximos favoritos para revalidar o título. Miami Heat suma a Ray Allen e Rashard Lewis ó seu grupo comandado por un claro líder como é Lebron James. Un xogador total, capaz de xogar nas cinco posicións e de condicionar cada partido. Un dos mellores da historia. E xunto a el, a batería á que xa estamos acostumados. O poderío de Wade, a calidade de Bosh, a dirección de Chalmers, a defensa de Battier ou o pundonor de Haslem forman o equipo a bater. Un equipo que conseguiu por fin que as críticas sobre o adestrador Spoelstra cedese. Un club temible. Na súa división o principal rival configúrano os Atlanta Hawks, que perden a Joe Johnson sumando no seu lugar a un xogador cun contrato máis asumible como Lou Williams e a excelsos tiradores como Anthony Morrow e Kyle Korver. Con Devin Harris e Teague na dirección, a responsabilidade de levar ó equipo a algo máis que unha primeira ronda de Playoff recaerá sobre Al Horford e sobre un Josh Smith baixo a mira dun posible traspaso. Washington Wizards apunta a un equipo que pode estar cerca de entrar en Playoffs. Con John Wall como estrela; Ariza, Nene e Okafor deben aportar a veteranía e seriedade que lle faltou ó equipo nos últimos anos. O que aporten Jordan Crawford e o número tres do draft, Bradley Beal, serán fundamentais para ver o lugar do equipo na táboa final. Orlando Magic apunta pola contra a unha das decepcións. Coa baixa de Dwight Howard, xente como Vucevic, Redick ou Glen Davis teñen a oportunidade de dar un paso adiante na súa carreira. Charlotte Bobcats buscará con Kemba Walker e Kidd-Gilchrist enderezar un pouco o horroroso rumbo que levaba a franquicia con Jordan. Xunto a eles, veremos as melloras de Mullens ou Biyombo, ademais das balas que lle poden quedar ó francontirador Ben Gordon.
OESTE
División Suroeste: os San Antonio Spurs serán de novo o rival a batir. Se Tim Duncan mantén o nivel da tempada pasada, e cun Parker máis anotador que nunca, estarán loitando por facer algo grande. Sen embargo, este ano terán máis competencia que nunca dentro do suroeste. En primeiro lugar os Dallas Mavericks de Nowitzki, ós que se sumaron OJ Mayo, Chris Kaman, Darren Collison e Elton Brand por Jason Terry e Kidd. Se se acoplan estes novos xogadores, poden dar moitos sustos ós grandes favoritos. Despois os Memphis Grizzlies que ante a perda de OJ Mayo reforzouse co escolta Wayne Ellington. Coa base xa feita de Conley, Gay, Allen, Randolph, Marc Gasol teñen moito camiño feito. Aspirarán a mellorar a derrota en 1ª ronda fronte ós Clippers a temporada pasada. Unha das incógnitas será Houston Rockets. Non é a época dos Barkley, Olajuwon e compañía, pero teñen outro ídolo: James Harden. Xunto á barba máis famosa estará a sensación da tempada pasada, Jeremy Lin. Aínda así custaralles volver a ser ese equipo que eran a mediados dos 90. Chegar a playoffs será o seu obxectivo. Nesa división tamén está New Orleans Hornets, que contarán como maior aliciente a presenza do número un do draft, o campión olímpico en Londres, Anthony Davis, que coa axuda do fillo de Doc Rivers, Austin, e de Ryan Anderson buscarán alonxarse das últimas posicións de toda a NBA.
División Noroeste: dous proxectos mellorados, un de continuidade, outro cun gran cambio e un que pide a gritos un xiro de 360 graos. Denver Nuggets e Minnesota Timberwolves fixeron trocos nos seus “rosters” para mellorar a súa actuación. Os de George Karl terán como novidade a uns dos mellores defensores da liga, André Iguodala. Javale McGee ou Danilo Gallinari, entre outros, acompañarano no que pode ser a gran revelación da temporada. Os Wolves aportan experiencia á base do ano pasado. Á xuventude de Ricky, Love, Williams súmase Brandon Roy que volve trala lesión que o mantivo retirado das canchas e Andrei Kirilenko tralo seu paso por Europa. Ademais tamén desde Rusia chega Alexey Shved para facer unha liña exterior moi rápida xunto ó propio Rubio, Ridnour e Barea. Seguirán divertindo e cos playoffs no punto de mira. Utah Jazz opta por seguir coa base que os fixo chegar á 1ª ronda. O seu forte seguirá sendo o xogo interior, con Al Jefferson, Paul Millsap, Derrick Favors e Enes Kanter teñen minutos de calidade garantidos. A sorpresa chegou desde Oklahoma. O seu sexto home e un dos mellores anotadores do equipo, James Harden foi traspasado a Houston. O seu substituto será Kevin Martin que está lonxe do seu mellor nivel. Aínda así, Durant e Westbrook intentarán loitar outra vez polo anel de campións. No extremo oposto está Portland Trail Blazers, que este ano suma outro español máis á súa historia, Víctor Claver. Lamarcus Aldridge será a referencia dun equipo que busca un cambio de rumbo e pode que os rookies Damian Lillard e Meyers Leonard sexan os culpables dese novo obxectivo nun par de anos.
División Pacífico: pelexa entre os “irmáns” de Los Ángeles nesta división. Os Lakers non están tan ben como aparenta o seu plantel. Nash e Howard súmanse ó duo formado por Kobe Bryant e Pau Gasol e parecen ser o rival a bater. Aínda así, fáltalles moito que mellorar e teñen toda a temporada para facelo. Con Mike Brown destituido falta por ver quen será o substituto para volver facer gañadores ós de púrpura e ouro. Sen cambiar de cidade están os Clippers. Están mellorando ano tras ano e aportan as pezas necesarias nun equipo campión. Suman veteranía coa volta de Lamar Odom e coas ansias de anel de Grant Hill. Tamén será clave Jamal Crawford, que será un dos mellores sextos homes da liga. Pode ser o seu ano. Por detrás dos dous grandes desta división aparecen os Phoenix Suns. Veremos como se recompón o equipo trala marcha de Steve Nash, o seu “alma máter” durante tantos anos. Reforzáronse sen unha estrela. Luis Scola e Michael Beasley xuntáranse ó poder polaco de Gortat e todos remarán cara un mesmo destino, aspirar ós playoffs. Os Golden State Warriors loitarán por mellorar o balance da temporada anterior. Sen grandes cambios, salvo o drafteado Harrison Barnes, seguirán con David Lee e Stephen Curry sendo os referentes do “run&gun” que propón Mark Jackson. O que terá un difícil reto será Sacramento Kings, que con superar o 33% de vitorias pode dar por cumprido o obxectivo. É o momento de que apareza Tyreke Evans para tirar dun equipo que suma ó nº5 do draft, Thomas Robinson. A adquisición de Aaron Brooks pode frear a progresión de Isaiah Thomas que foi unha das revelacións a campaña pasada.