The Snuff Times
Imaxinádevos que, por un desgrazado casual, vos vedes na necesidade imperiosa de escribir a man. Tendes folios no voso caixón, unha mesa sobre o devandito caixón e ideas na cabeza. Pero vos falta algo co que escribir. Unha das opcións para solucionar este problema sería baixar ó chinés do lado e coller un fabuloso pack de cen bolígrafos azuis por 0,99€. Ó escollermos esta opción, é moi probable que non poidamos cubri-lo folio enteiro sen gastar menos de trece bolígrafos, entre os que se van destintar, os que se che partirán na man os que directamente non escriben dende o principio. Non pasa nada, máis ou menos imaxinábamonos un rendemento así. Outra opción, igualmente respectable, sería mercar un Montblanc Meisterstuck, que Amazon che deixa en 315 dólares. Que pasaría se esta nosa flamante Montblanc nos dera o mesmo rendemento cos bolígrafos de a 0,0099€ a unidade? Seguiría íntegra a mesa na que pensabamos escribir?
Ó igual que o escritor non espera o mesmo dun bolígrafo do Hiperchino ca dun Montblanc e que o lambón non espera o mesmo do chocolate do Día ca dun Côte D’or de importación, o cidadán non está esperando ver en El País, un diario de calidade dende o principio ó fin o mesmo sensacionalismo barateiro e reseso que botan no Sálvame Deluxe, por exemplo. Porén, parece que a amarelización da prensa non ten xa volta atrás: “Tamara Falcó acode a misa cada día puntualmente ás sete da tarde”, alimentaba as nosas conciencias críticas hoxe De Luns a Venres. Este amarelismo produce no lector con algo de sentidiño un efecto similar ó dun alfinete chantado nun ollo, que se combina coa dor dun puntapé no bazo cando no asunto hai algunha morte incluída.
Catro rapazas morren nunha multitudinaria sesión do DJ Steve Aoki no Madrid Arena. Que esperamos que nos diga Sálvame Deluxe ó respecto? Que nos amose, por exemplo, as fotografías do perfil de Facebook das pobres mozas, por exemplo. Apostaríame algo a que así o fixo e a ninguén lle estrañaría. Ora ben, que esperamos que se escriba en El País sobre esta traxedia? Unha reportaxe de investigación sobre os presuntos vínculos do vicealcalde de Madrid co promotor da festa, por exemplo. Unha reflexión sobre por que os chavales saen masivamente fumar e beber fóra do recinto e logo entran de xeito igualmente masivo sen que ninguén llelo impida, por exemplo.
O realmente triste é que ó abri-lo xornal El País (e estouno usando só como exemplo) descubrimos que a nosa carísima Montblanc non era máis que outro bolígrafo defectuoso do chinés. Por que sucedeu o que sucedeu no Madrid Arena? Polas drogas, a codicia e porque os promotores do evento e asistentes ó mesmo eran seres “humanos” (sic), como argumenta este revelador artigo. Simplista? Si. E é só o aperitivo ó festival snuff que se nos abre a continuación. Ó igual que os amantes deste xénero cinematográfico gozan vendo a xente ser torturada, este diario asume que os lectores buscamos o mesmo. En consecuencia, deciden obsequiarnos cun titular tan merecedor do Pulitzer como “Había gente llorando, aplastada“. Deciden ofrecer contarnos como unha das falecidas e o seu mozo “estaban muy bien juntos”, acompañándoa dunha magnífica fotografía (que adxunto) dos dous, cubatazo en man, que non se sabe moi ben se foi extraída do mellor fotógrafo da axencia Mágnum ou do Tuenti. Deciden responder ás seis “W” dunha tacada informándonos de que outra das vítimas era “muy amiga de sus amigas”. Convirten “nauseabundo” nun adxectivo libre de calquera tipo de valoración cunha reportaxe coroada pola frase maxistral “la imagen de cuatro chicas aplastadas sobre la conciencia”.
Seguindo esta corrente de estulticia xornalística, os políticos deciden non ser menos e rebaixar un pouquiño máis o cociente intelectual medio da situación. A inefable Ana Botella respondeu ó clamor popular cortando polo san: non máis “macroconcertos” (cando pasa un concerto a ser macro?) en espazos públicos, o que vén sendo semellante a tentar rematar coa gripe prohibindo o bacilo que a provoca.
Non estou en contra do sensacionalismo, sempre que as vítimas del o autoricen. Do que estou en contra é de que pretendan vendernos un bolígrafo defectuoso como unha pluma da máis alta calidade. Estou en contra de que os xornais de calidade se convirtan en Sálvames en papel, porque creo que os lectores mereceríamos algo máis que ter a Belén Esteban como analista política.