Stoke City, o éxito da tradición inglesa

“Saque de banda a prol do Stoke. Os seareiros presentes no Britannia Stadium levántanse e comezan a aplaudir. Os xogadores senten o alento dos seus. Os cánticos sucédense. Rory Delap utiliza a súa camiseta para limpar o suor das mans e da pelota. Suben os centrais na busca do remate. Delap respira fondo e colle unha pequena carreira. A frecuencia das palmas aumenta. Vai sacar Delap de banda. O estrondo dos seareiros cada vez é maior.  Vai Delap! O balón vai cara Crouch que non chega, si o fai Fuller…gol! GOOOOOOOOOOL de Ricardo Fuller! Saque de banda de Delap que Ricardo Fuller introduce na porta do Arsenal no segundo minuto de partido! Os Potters mandan por 1 a 0 no marcador ante o estoupido dos afeccionados no Britannia”

Isto que acabades de ler posiblemente fora a xenial historia de película onde un equipo pequeno vence a un todopoderoso cunha actuación máis propia da heroica ca do fútbol propiamente dito. Pero… que pasaría se ese sentimento, esa paixón e ese fútbol tan arcaico fosen reais?

Pois isto ocorre habitualmente en Stoke-on-Trent, unha pequena cidade no condado de Staffordshire duns 240.000 habitantes. Lugar de nacemento de estrelas da sona de Robbie Williams, Slash ou Lemmy Kilmister, cantante da exitosa banda Motorhead, o fútbol de elite volveu nos últimos anos a Stoke-on-Trent por medio do principal equipo da cidade, o Stoke City. Fundado en 1863 baixo o nome de Stoke Ramblers, foi un dos equipos da primeira liga inglesa en 1888. Club habitual da primeira división inglesa na primeira parte do século XX, converteuse nun equipo ascensor durante a segunda parte do mesmo ata 1985, momento en que comezou unha época escura sumido nas profundidades do fútbol inglés. Esta mala etapa remataría en 2008, onde baixo o mando de Tony Pulis ascendería a unha Premier League na que se mantén na actualidade. Xogador de equipos modestos, Pulis fíxose cargo do Stoke no 2002 e en 5 anos (posto que tivo un breve parón dun ano sen adestralo) logrou ascender ó Stoke dúas categorías desde a League One do fútbol inglés. Tendo como característica principal a de ser un estratega excepcional, Tony Pulis destaca por sacar o máximo dos recursos de plantillas limitadas. Cun estilo aguerrido e peleón, basea o xogo do equipo nos balóns aéreos, como podemos ver partido tras partido.

O fútbol tan “tradicional” do Stoke é a contraposición ó avance do deporte rei cara un fútbol de toque, técnica e estilismo. Pulis centra o seu fútbol nunha táctica completamente contraria a ese tiki-taka tan en auxe na actualidade. E o certo é que o publico do Britannia está encantado. Coñecidos por ser unha das afeccións máis fieis e ruidosas de Inglaterra, desfrutan cada fin de semana co fútbol tan diferente que ofrece o seu equipo. Dese xeito, o balón largo e continuación buscando os extremos rápidos, os balóns ó área na busca de cabezas que rematen ou inclusive os saques de banda colgados ó área son o selo de identidade dun dos equipos máis veteranos de Inglaterra. Un fútbol especial e que só se practica en Stoke-on-Trent. E non funciona mal nos últimos anos a tenor dos resultados. O conxunto inglés disputa a súa quinta tempada consecutiva na Premier League logrando ademais un posto na final da FA Cup no ano 2011, a cal perderían cun solitario gol de Yaya Touré por 1 a 0 fronte ó Manchester City. Dese xeito, a tempada pasada o Stoke disputaría por terceira vez nos seus 149 anos de historia unha competición europea. Xogou desta forma a Europa League, onde caería fronte ó Valencia nos dezaseisavos de final.

Crouch(2.02) e Owen(1.71) coa selección inglesa. Agora son compañeiros no Stoke.

Pero para este estilo característico fan falla xogadores. E aquí é onde o Stoke ten claro o que quere, xogadores que se amolden ás bases da filosofía de Pulis. Describirei por posicións os requisitos que caracterizaron estes últimos anos 0 4-4-2 do equipo inglés.

  • Portería: tanto Sorensen como Begovic, os porteiros dos últimos anos, son capaces de chegar desde a portería propia á portería contraria co balón, buscando así que un dianteiro peine a pelota e crear xa unha ocasión de gol.
  • Defensa: a característica máis importantes é que os centrais deben ser altos. Así o demostran Shawcross(1.92), Huth(1.91), Upson(1.90), Woodgate(1.90) ou Collins(1.85). Cunha defensa bastante atrasada disimúlase a lentitude e son fundamentais para o xogo a balón parado, tanto en saques de banda como córners ou faltas. Os laterais adoitan ser defensivos e con moito aguante e recorrido (Wilkinson, Wilson, Higginbotham). Algúns como Geoff Cameron ou Shotton son utilizados para colgar o balón ó área desde o saque de banda.
  • Centro do campo: comeza sempre con 2 medios centros pelexadores e molestos para o rival. Importantes defensivamente, con recorrido e que habitualmente executan a estratexia, como é o caso de Rory Delap, o maior especialista mundial nos saques de banda. Diao, Whelan e Whitehead son os máis representativos xunto con Delap, mais na actualidade o ex do Liverpool Charlie Adam dálle por primeira vez ó Stoke de Pulis un grao de calidade no centro.
  • Extremos: destacan pola velocidade e a capacidade de desborde e centro. Habitualmente pequenos, son o que en España definiríamos como un Crusat. Matt Etherington, Pennant ou actualmente Kightly son os máis representativos.
  • Dianteiros centro: e agora si, vén o máis peculiar. Peter Crouch(2.02), John Carew(1.95), Mamady Sidibé(1.94), Ricardo Fuller(1.92), Dave Kitson(1.91), Kenwyne Jones(1.87), Cameron Jerome(1.85), James Beattie(1.85), Jonathan Walters(1.84) e Richard Cresswell(1.84) son os dianteiros que pasaron polo Stoke City nas últimas 4 tempadas. É un requisito clave medir máis de 1.90, e en caso de non facelo, ser un excelente cabeceador, como Kenwyne Jones ou Beattie. A característica principal é que son xogadores que van ben por arriba, tanto para rematar a estratexia como para peinar balóns. Asimesmo destacan pola súa coraxe, entrega e pelea, como o resto do equipo baixo influencia de Pulis. Para contrarrestar, o equipo conta esta tempada con Michael Owen(1.71), balón de ouro no ano 2001.

Delap limpando o balón cunha toalla para sacar de banda

Con esta serie de particularidades é un equipo admirable e adorable. Máis aínda cando comprobamos o dato de que os saques de banda de Delap produciron un total de 29 goles para o equipo nas últimas 4 tempadas. O Stoke é o equipo que mellor xoga ó fútbol coa cabeza e o que máis aproveita este recurso. A metade dos seus goles son así, o cal é altamente meritorio. Un estilo que de non velo creríamos imposible no fútbol actual, cada vez máis desenvolvido e cun nivel técnico asombroso; incluso máis se o comparamos co fútbol dos anos 50, 60 ou 70, que eran os anos que podíamos atopar equipos que se parecesen un pouco ó Stoke. É unha verdadeira mágoa que ós seus 36 anos Delap, o seu xogador máis carismático, non estea para ser titular, mais o relevo nos saques de banda, a xogada máis espectacular do Stoke City, está asegurado. Tanto o seu pupilo canteirán Ryan Shotton como o lateral estadounidense Geoff Cameron están capacitados para colgar o balón no área. Realmente eu só podo dicir que en min os seareiros do Britannia teñen un fan máis. É unha oda ó fútbol neste tempo de tanto reggaeton imitando (e mal) o modelo Barça. Non sabemos que rendemento se lle podería sacar nestes anos ó equipo con outro estilo, pero queda demostrado que o tradicional tamén é bo. Para que vexades dun xeito máis sinxelo o que é o Stoke é de obrigada visión este vídeo. Se vos gustou o artigo, por favor, védeo enteiro e xulgade por vós mesmos.

Fotos: itv.com e zimbio.com