Sacade as cámaras, forasteiros!
En Compostimes estamos convencidos de que hai moito talento na USC. Moito talento que está adurmiñado, sepultado entre unha maraña de cañas a un euro ou baixo a insoportable gravidade da lousa da vida diaria da universidade. Pero detrás de moitos estudantes, frustrados e indignados hoxendía polos máis diversos motivos, hai cirurxiáns que farán historia cun bisturí, xornalistas que destaparán o escándalo do século, politólogos que analizarán as razóns estruturais deste escándalo, físicos que farían palidecer ós de The Big Bang Theory, economistas en cuxa cabeza está a saída da crise…
Dende este pequeno (pero matón) xornal gustaríanos dar cabida a todos estes talentos. Por desgraza, énos moi complicado albergar aquí unha operación a corazón aberto ou a demostración da teoría de cordas. Pero non nos resignamos: queremos pór o noso gran de area. Un gran de area luminoso, amais. Que transmita, que ilusione. E hai algo que encerre unha mensaxe máis grande e luminosa no seu interior ca unha fotografía?
Porque estamos seguros que entre os nosos lectores hai moitos Cartier-Bresson, moitos Robert Capa e moitas Annie Leibovitz en potencia, hoxe queremos anunciarvos o nacemento do I Concurso de Fotografía “Compostimes”.
Un tema: “Novembro en Compostela”. Infinitos participantes: todos aqueles de vós que queirades plasmar este concepto nunha imaxe. Un premio marabilloso para a gañadora ou o gañador: unha camiseta, unha taza de almorzo, un chaveiro de tecnoloxía punta e aínda máis… unha cea para dous nun restaurante que vós decidades! Aínda así, o máis importante de todo é a ledicia de saberte con esa habilidade case máxica de captar o que Cartier-Bresson chamaba “o intre decisivo”. De ver como a túa fotografía esperta paixóns entre tódolos lectores (que xa somos moitos) deste xornal. Ten para vós o novembro compostelán algún intre decisivo? Amosádello a toda Compostela!