O teatro catalán
“A campaña das nosas vidas”.
Así de tópico amosábase o speaker do mitin que, nun Palau Sant Jordi ateigado por case 20.000 mil almas, pechaba antonte quince días de caravana converxente. Mais esta vez era certo.
Non somentes CiU, senón tódolos partidos e cidadáns de Cataluña viviron unha campaña electoral histórica, que culminará hoxe domingo coas décimas -e cecais derradeiras?- eleccións autonómicas. O centro-dereita nacionalista é o gran favorito nestes comicios, nos que a principal incógnita atópase na posibilidade de que a coalición do president Mas obteña ou non a maioría absoluta. Unha maioría necesaria para “tirar endavant” o proceso de autodeterminación aberto trala multitudinaria manifestación do 11-S, tal e como ten reivindicado o propio Mas en numerosas ocasións. Pero non o terá doado.
Conscientes diso, as grandes figuras de CiU decidiron elevar o ton dos seus discursos nos últimos días, coa inestimable colaboración de Pedro J. Ramírez. As dubidosas informacións publicadas por El Mundo -nas que se acusa a Artur Mas da posesión de contas ilegais en Suíza- teñen marcado o treito final desta campaña electoral, ó alimentar o papel que máis lle gusta interpretar á compañía nacionalista: o de vítima. O mitin de antonte foi, precisamente, unha das súas mellores actuacións, atrezzo incluído.
O teatro converxente
A función comezou con máis dun cuarto de hora de retraso, cecais para esperar ós moitos vellos que, chegados en autobuses dende as bisbarras do interior de Cataluña, foron enchendo o palau ata ben entrados os discursos. Nas gradas, xente de tódalas idades agardaba impaciente pola entrada dos políticos, nunha espera amenizada por un grupo de músicos inmigrantes que cantou en catalán.
O primeiro en aparecer foi Jordi Pujol, ó que se describiu como a “persoa que o deu todo por Cataluña”. A continuación, Duran entrou en escena entre berros de “IN, IN-DE, IN-DE-PEN-DEN-CI-A”, que deixaban claro que a maioría da coalición non concorda coa ambigüidade do líder de Unió neste asunto, oposta á claridade de Mas. O president recibiu unha grande ovación á súa chegada, ó tempo que se despregaba un mosaico cunha estelada -bandeira independentista- na “grada jove”.
O resto da noite transcorreu nun ambiente festivo, case eufórico, que deixaba claro -por se aínda quedaba algunha dúbida- que nos atopamos perante un momento histórico. As bandeiras de Cataluña e de Europa, as actuacións musicais, os himnos nacionalistas e os discursos grandilocuentes proliferaron nunha velada cunha posta en escena milimetrada, que lembraba ós movementos de masas doutras épocas. O público amosaba un entusiasmo pola política que había moito tempo que non se vía. O mesmo entusiasmo que, nun senso ou noutro, embebe toda a sociedade catalá dende hai dous meses.
Mais a barreira entre a ilusión e o populismo é moi feble. Os partidos sábeno, e tentan vender a primeira empregando o segundo, nunha campaña de grande intensidade emocional e pobres argumentos da que CiU é paradigma.
O teatro do debate
O populismo converxente atopa o seu contrapeso no PSC. Co discurso máis “moderado” no que á cuestión nacional se refire -o seu lema é “A alternativa sensata”-, ó partido de Pere Navarro tocoulle interpretar o papel máis difícil: aquel no que non hai atrezzo e o actor tense que amosar tal como é, sen o acubillo de ningunha bandeira. A obra federal está ben escrita, mais o resultado da actuación é moi cutre. Todo parece indicar que os espectadores, aburridos, marcharán en masa do teatro, causando un gran afundimento dos socialistas cataláns nos comicios.
Esta falta de liderado do PSC amosouse no debate a sete do domingo pasado, todo un fito de pluralismo democrático no que Navarro apenas puido participar. Moito máis activos estiveron Alicia Sánchez Camacho (PP), o flemático Oriol Junqueras (ERC) ou Joan Herrera (ICV). Os tres discutiranlle, por esta orde, o segundo posto ós socialistas nas urnas.
Na tónica da campaña, a contenda desenvolveuse cun máis que aceptable nivel de forma -que contrasta coa pésima dialéctica dos líderes galegos-, pero cun discurso de fondo moi pobre. Artur Mas -que era o que máis tiña que perder- saíu airoso, aproveitando o “privilexio” de inaugurar e concluír as intervencións. Camacho estivo nerviosa, Junqueras tranquilo, Rivera -Ciutadans- motivado, López Tena -Solidaritat- “cabreado” e Joan Herrera amosouse como líder da oposición, tal e como lle recoñeceu o propio president fóra de micro.
Todos eles foron unha metáfora das sensacións que os seus partidos transmitiron durante a campaña: o “voto do medo” no PP, a seguridade de independencia en ERC, o ascenso de Ciutadans, a agresividade secesionista de Solidaritat e a unión da esquerda fronte ós recortes de Iniciativa. No caso do PSC, a incomparecencia de Navarro foi mostra da súa irrelevancia.
Faltaron, iso si, as CUP, un movemento marxista e independentista que de seguro entrará no Parlament. Cando menos iso é o que din tódalas enquisas, que deixan fóra á Plataforma Per Catalunya do xenófobo Josep Anglada.
A función definitiva
Mais de pouco serven os sondeos se non se traducen en votos. E aquí é onde todo se torna incerto.
A irrupción do debate independentista fai que estas eleccións sexan distintas ás demais. O elevado sufraxio oculto converte os datos de intención de voto nunha estatística pouco fiable, a participación elevada sementa dúbidas sobre o destino das papeletas dos novos votantes e o número de indecisos achégase ó 40%. Este último segmento terá un peso decisivo no resultado final, inclinando a balanza cara un lado ou cara o outro.
E o máis importante: ninguén sabe o camiño dos numerosos trasvasamentos de votos que se producirán. Estes descorrerán por canles pouco habituais, ó interferir o debate sobre o “dereito a decidir” no seu fluxo tradicional. Semella que os partidos coas mensaxes “identitarias” máis claras -como o PP ou CiU- pescarán neste río revolto, deixando á esquerda -sobre todo ó PSC- fóra de xogo. A cuestión soberanista servirá, pois, para ocultar os recortes dos gobernos de Rajoy e Mas, pero está por ver en que medida.
Sexa como for, tódalas suposicións semellan ensaios dunha obra que aínda está por se representar. A función definitiva terá lugar a partir de hoxe. Desta volta, será o público a que a escriba cos seus votos.