O propio nome o di: fin da terra

Finlandia non é só ese país avanzado do norte de Europa coñecido en todo o mundo por ocupar sempre as primeiras prazas do informe PISA (Informe do Programa Internacional para a Evaluación de Estudantes). Finlandia, ou como din os finlandeses “Suomi”, non é só iso senón que é moito máis. Este país escandinavo limítrofe con Suecia e Rusia, veciños un tanto conflitivos no pasado, pode presumir da súa gran cantidade de lagos. Só fai falta botar unha ollada ó mapa finlandés para ver que todo o sueste do país ten case máis auga que terra. Esta privilexiada orografía permite ós finlandeses desfrutar durante todo o ano dun dos seus pasatempos favoritos: a sauna. Aínda que pareza unha loucura encerrarse nun cuarto a case 100 ºC para bañarse despois nun lago practicamente conxelado, os finlandeses fan isto a diario e incluso disque é saudable. Din por aí que non se pode xulgar algo que non probaches e como a Finlandia non se vén tódolos días esta humilde colaboradora decidiu probar a sauna. Resultado? Unha pel incriblemente suave despois de sentirme como un polo nunha pota e hiperventilar un par de veces ó bañarme no lago. Valeu a pena a experiencia? Sen dúbida.

Mens sana in corpore sano

O porto de Lapiniemi nevadoO primeiro día que pisei a Universidade de Tampere decateime da importancia do deporte neste país. A entrada da Universidade estaba cuberta de bicicletas apoiadas as unhas contra as outras. Nese momento pregunteime se os estudantes seguirían vindo en bicicleta cando chegasen o frío e a neve. A semana pasada comezou a nevar e semella que o número de bicicletas non baixou demasiado. Manexar unha bicicleta por unha rúa cuberta de neve non é doado mais os finlandeses parecen estar acostumados. Pero non só os mozos e mozas fan deporte. Sempre que saio a dar un paseo ó redor do lago que está ó lado da miña residencia vexo moitas parellas maiores facendo jogging. O deporte e a boa alimentación forman parte da vida finlandesa. Tanto é así que os estudantes universitarios só teñen que pagar 2,70 euros por un prato grande de comida, un pequeno de ensalada, pan e bebida. Agora ben, outras “necesidades universitarias” como o alcohol son moi caras. Solución dos estudantes? Un viaxe a Tallinn, Estonia, e xa mercan alcohol para todo o cuadrimestre.

Un país seguro

Finlandia é un país que nunca deixa de sorprender. Hai dúas semanas perdín o meu móbil no Mcdonalds despois de saír de festa. Cando me decatei á mañá seguinte fun correndo á hamburguesería con poucas expectativas de atopalo. Cal foi a miña sorpresa cando vin que o meu móbil seguía alí, sano e salvo, despois de que sabe deus cantas persoas pasaran por esa mesa. Na Universidade, por exemplo, podes colgar a túa cazadora no hall e deixala alí durante todo o día sen ningunha preocupación e na cafetería todo o mundo deixa as súas mochilas e incluso carteiras enriba da mesa cando van coller a comida. A xente aquí non ten medo de que lle rouben: “por que nos ían roubar?”

Outra educación

A Universidade é diferente en Finlandia. Na carreira de periodismo, por exemplo, os estudantes teñen que cumprir un número de créditos para finalizar os seus estudos pero poden elixir que materias cursar cada ano. Na miña clase de Introduction to Academic English hai estudantes finlandeses de terceiro, cuarto e incluso quinto ano. Así, non hai unhas materias preestablecidas para cada ano senón que son os propios estudantes os que deseñan o seu horario. Agora ben, en tódalas materias explícase cales son os obxectivos e cal é o nivel recomendable: non é unha boa idea cursar unha materia de nivel avanzado cando estás a cursar o teu primeiro ano. Ademais, hai unha gran oferta de clases en inglés. Estas clases non son só para os estudantes de intercambio senón tamén para os propios finlandeses. Os estudantes finlandeses teñen un nivel de inglés alto e desenvólvense nesta lingua sen ningún problema. Eles mesmos recoñecen que non cursan nin cursaron moitas horas de inglés polo que podemos adiviñar a calidade das súas clases. O inglés é unha lingua máis en Finlandia e case todo o mundo pode facerse entender sen problema. Hai un par de días estiven mantendo unha conversación en inglés cunha señora duns 70 anos na parada do autobús. O seu inglés non era unha marabilla pero puidemos entendernos mutuamente. Nese momento acordeime dos meus avós, ós que xa lles custa falar en castelán, e dos meus pais, que pouco poden falar en inglés.

Curiosidades

Pegadas no porto de LapiniemiTeño que confesar que cada día aprendo unha cousa nova en Finlandia. Por exemplo, cando cheguei ó meu cuarto na residencia por primeira vez e abrín a porta do baño quedei un pouco sorprendida. A ducha non é máis que o chan do baño cunha lixeira inclinación para que a auga vaia polo sumidoiro. Ó principio pensei que ía encher o baño de auga pero co paso do tempo decateime de que, se tes unhas boas cortinas, o baño é máis fácil de limpar. Pero non só se aprenden cousas dos finlandeses senón tamén do resto dos estudantes. O outro día estaba falando cun rapaz turco sobre o tema de sacar os zapatos cando entras na casa. Cando lle dixen que iso non se acostumaba a facer en España miroume estrañado e díxome: “Ou tedes as rúas moi limpas ou as casas moi sucias”.

Aínda que teño que dicir que unha das cousas que máis me sorprendeu é que os finlandeses teñen que facer o servizo militar obrigatorio. Tiven a oportunidade de falar con algún finlandés sobre este tema e nas súas respostas sempre aparecía Rusia. Hai que ter en conta que Finlandia só leva sendo independente durante 95 anos xa que sempre estivo dividida en dúas partes: a rusa e a sueca. Aínda que os finlandeses saben que iso pasou hai moitos anos e que actualmente a “mili” non é moi útil aínda hai algún que che responde: “se Rusia decide atacarnos pode tomar Finlandia en dous días”. Pero aínda así os finlandeses tamén fan bromas sobre este tema. Por exemplo, unha das súas cervexas máis coñecidas é Karjala, unha zona situada en Finlandia que pertence a Rusia. Esta cervexa non era moi coñecida cando saíu ó mercado pero cando a embaixada rusa comezou a queixarse polo nome desta cervexa- debemos ter en conta que os finlandeses puxéronlle este nome para reivindicar que Karjala tamén é finlandesa- incrementáronse as súas vendas.

Así, Finlandia non é só ese país avanzado situado case no fin do mundo. Finlandia é un país que merece a pena visitar e que espero ir coñecendo co paso do tempo. O meu próximo destino é Laponia, a terra dos Samis, e espero vir con máis anécdotas e experiencias que contarvos.