O perfil: Joseba Beloki
Catorce de xullo de 2003. Festa nacional en Francia. O pelotón do Tour sube a Cote da Rochette, un pequeno montículo que aparece a escasos quilómetros da meta situada en Gap. Trátase dunha etapa de media montaña que chega trala gran xornada do día anterior coa mítica subida a Alpe D’Huez. Alí, Ibán Mayo deuse a coñecer no pelotón internacional e, ao mesmo tempo, Joseba Beloki conseguiu poñer por primeira vez en apretos ao dominador da ronda gala nos últimos anos: Lance Armstrong. Beloki, no seu mellor Tour ata o momento, ataca ao norteamericano nesa cota de terceira e lánzase sen medo no descenso tentando cazar a Alexandre Vinokourov. Os ciclistas están avisados do perigo do descenso, pero Beloki só pensa no maillot amarelo, en alcanzar a gloria nos Campos Elíseos. De súpeto, nunha curva mal asfaltada, a bicicleta do corredor vasco tambaléase, e o ciclista acaba no chan nunha tremenda caída. Lance Armstrong ten sorte e esquiva o perigo mentres decide continuar campo a través ata saír de novo na estrada correcta. En Gap, a cidade dulce, o kazajo Vinokourov levanta os brazos. Mentres, Beloki permanece sobre o asfalto con múltiples fracturas. Pero sobre todo coa fractura definitiva da súa ilusión, a de gañar o Tour de Francia despois de tres pódiums consecutivos. Alí, na maldita Cote da Rochette pódese dicir que acabou a súa carreira ciclista. Gap sempre será unha cidade amarga para o ciclismo español.
Joseba Beloki Dorronsoro naceu en Lazkao o doce de agosto de 1973, pero pronto mudouse a Vitoria onde viviría toda a súa infancia. Aos catro anos conseguiu a súa primeira bicicleta nunha tómbola de Beasain. Tratábase dunha marabilla de dúas rodas de cor vermello para un rapaz coma el. Aos nove anos comezaría a dar as súas primeiras pedaladas con sentido no clube ciclista de Iturribero, onde tentaba imitar aos seus grandes ídolos Marino Lejarreta e Greg Lemond. A súa carreira estivo a punto de truncarse no campo amateur por numerosos probemas de saúde, pero no ano 1998 conseguiu o seu primeiro contrato profesional no Euskaltel Euskadi. Beloki conseguiu entrar nese mundo co seu gran amigo Aitor Kintana. Entre outras cousas, por unha axuda da Deputación de Álava que apostou pola súa contratación.
A traxectoria profesional de Beloki foi curta pero intensa. No Euskaltel estivo simplemente dúas temporadas, saíndo de forma abrupta cara ó Festina de Juan Fernández. No equipo vasco xa apuntaba maneiras, era un corredor diesel, que se conseguiu adaptar ben ao tremendo cambio que supón subir a profesional. A súa marxe de erro era mínima, xa que subiu con vinte e catro anos e con poucas opcións de ter máis oportunidades. Euskaltel era o seu único e último tren para subirse ao ciclismo e Beloki non o quixo perder. Foi unha época de aprendizaxe que se vería recompensada con éxitos dende a primeira campaña no Festina.
O cambio de século supuxo o descubrimento de Joseba Beloki para o ciclismo mundial. Poucos o podían crer, practicamente nin el mesmo, pero como corredor debutante no Tour de Francia conseguiu pisar o pódium de París con todos os merecementos. O ciclista vitoriano xa avisara en Romandía e en Asturias con triunfos de calidade, pero aínda así ninguén apostaba por el. A confianza gañada nesas citas e un abraiante rendemento de todo o Festina foron os grandes apoios para Beloki, que demostrou un gran idilio coa carreira francesa dende o primeiro día. As condicións do Tour eran boas para o seu perfil: portos largos con calor, onde era un especialista, e algunha que outra contralerroloxo onde tamén se defendía con valentía. Armstrong levouse ese Tour e Ullrich foi segundo, pero a afección española descubriu a Beloki, e soñaba con volver a ver un español levantar os brazos en París despois do dominio do “Extraterreste” Induráin durante cinco anos.
Despois dun ano cargado de éxitos, Beloki regresou a España co equipo ONCE-Eroski, baixo a dirección do polémico Manolo Saiz. Foi alí onde viviría os seus mellores anos como profesional. Cun equipo que traballaba para el, conseguiu subirse ao pódium dos Campos Elíseos dúas veces máis, en 2001 e 2002. No 2001 foi terceiro e no 2002 logrou mellorar un chanzo e conseguir a súa mellor clasificación, sendo segundo por detrás de Armstrong. O seu idilio co Tour era un feito xa que en tres participacións alcanzara tres veces as prazas de honra. Beloki non foi un ciclista de grandes ataques na Grande Boucle xa que vivíamos na época do US Postal e o tren do equipo norteamericano comandaba todas as subidas ata que Lance Armstrong remataba a etapa. Era un dominio aplastante co que Beloki e Ullrich só podían combatir con regularidade. 2003 parecía o seu ano, o seu Tour. Beloki presentouse en Francia con todas as credenciais e cun carácter máis ofensivo: “Xa fun pódium tres veces e agora dáme o mesmo quedar quinto. O que quero é gañar e para iso hai que atacar”. Con ese lema afrontaba as etapas e con esa idea atacou a Armstrong no Mont Ventoux e no Alpe D’Huez facéndoo sufrir na primeira gran etapa de montaña da ronda gala. Simplemente estaba a corenta segundos do liderado e os Pirineos parecían o lugar onde se produciría a batalla final. Porén, a Cote da Rochette cruzouse no seu camiño no momento menos oportuno.
A Volta España tamén foi outro dos seus grandes obxectivos, pero coma no caso do Tour portouse de forma desigual co ciclista vasco. A ronda española non se adaptaba tan ben as súas condicións, pero apoiado por Manolo Saiz e todo o equipo ONCE presentouse en 2001 como un dos grandes favoritos. Con todo ao seu favor e vestido co “maillot ouro” viviu un dos momentos máis duros da súa carreira deportiva no porto andorrano de Envalira. Tratábase dun porto de transición, pero no que xa sucumbiran noutros tempos ciclistas como Anquetil ou Riis. Alí, foi onde Beloki sufrió o gran desfalecemento da súa vida. Beloki baixou Envalira chorando e perdeu en meta dezanove minutos e cincuenta e cinco segundos. Todo o equipo acompañou a súa triste procesión ata a meta excepto Igor González de Galdeano que tentaba salvar a honra do equipo ONCE-Eroski. Foi un golpe tremendo e que Beloki nunca foi capaz de explicarse. A imaxe do ciclista vasco comparecendo diante dos micrófonos de prensa con bágoas nos ollos, que disimulaba coas gafas de sol, é outra triste imaxe para a súa historia. Un ano despois, a Volta recompensou a súa desgraza cun pódium, o que fixo dese 2002 a súa mellor campaña como profesional, aínda que Beloki quizais esperaba algo máis. Definitivamente, esa non era a súa carreira.
En Gap comezou a súa penitencia, xa que as lesións producidas pola caída non lle deixaron competir en todo o ano. ONCE retirou o seu patrocinio do ciclismo ese ano, e o futuro dun corredor en vías de recuperarse de graves lesións parecía incerto. Manolo Saiz prometeulle unha praza no seu novo equipo pero as cousas non saíron ben e Beloki rematou no equipo francés de Brioches La Boulangère, onde Bernaudeau quixo darlle asilo. Porén, a adaptación ao ciclismo francés non foi a esperada e a mediados de ano Beloki rescindiu o seu contrato ao ver que no seu equipo non lle deixaban utilizar corticoides para curar a súa asma. A súa lenta recuperación tampouco axudou a que as cousas funcionasen ben.
O Saunier Duval foi o seu segundo lugar de asilo e con eles deu algún atisbo de recuperación na Volta a España. Finalizado ese ano de penitencia regresou a casa, ao Liberty-Wurth e a dirección de Manolo Saiz. Beloki voltou ao Tour en 2005 pero nunca foi capaz de recuperar o nivel, xa que sufriu por rematar esas tres semanas onde Lance Armstrong conseguiu o seu sétimo Tour. As heridas físicas e psíquicas da caída de Gap foron demasiado para el. En 2006, o Tour voltaba a pasar pola Rochette, pero Beloki non puido nin sequera participar no prólogo dese ano porque xusto días antes da salida deuse a coñecer a Operación Puerto. A maior operación de dopaxe descuberta no noso país golpeou de cheo a Manolo Saiz e o médico do seu equipo, Eufemiano Fuentes, arrastrando con eles a todos os ciclistas aos que dirixían. Nos papeis da operación puerto aparecía o nome de Joseba Beloki, co pseudónimo “Blk”, e ao mesmo tempo aparecía o tratamento que ían a seguir con el nesa campaña. Como el, outros tantos ciclistas dos “azuis” (Liberty Wurth) e dos “verdes” (Kelme) aparecían nos documentos da investigación. Beloki non tivo sanción xa que nunca deu positivo en ningún control antidoping pero si que non puido competir máis a espera dunha sentencia favorable. Dezaoito meses despois, e sen poder volver a portar un dorsal, Beloki anunciou a súa retirada definitiva.
Dende aquela Beloki escribe no seu blog como un afeccionado máis o ciclismo. Un afeccionado que todavía podemos ver nalgunha das míticas ascensións do Tour de Francia esperando á chegada dos ciclistas, como un máis. Un home que vive por e para o ciclismo, que na actualidade colabora con Radio Euskadi e coa Revista “Ciclismo a fondo”, e que trala investigación da USADA sobre Lance Armstrong puido converterse no gañador do Tour de 2002. Pero como dixo el, o que queda é o que pasa na estrada e gañar agora non tería sentido. Esta é a historia de Joseba Beloki, un ciclista que quizais non vaia a ser recordado polo público xeral, pero que si recordaremos moitos afeccionados ao ciclismo como ese home que tentou plantar cara a Lance Armstrong pero que nunca tivo a sorte necesaria nos momentos puntuais. Ese ciclista, que ilusionou a afección española na transición entre a ditadura de Indurain e os triunfos de Contador. Ese corredor, que quería e podía gañar o Tour de 2003, pero que perdeu todas as esperanzas camiño da amarga cidade de Gap.