O mérito do Lugo
Vinte e catro de xuño de 2012. Arde Lucus, en tódolos sentidos. Son as festas grandes da cidade, xunto co San Froilán, claro. A afección está na rúa, congregada arredor dunha pantalla xigante na praza lucense de Augas Férreas. Na outra punta do país, en Cádiz, Manu disponse a tirar un penalti. Once metros separan a gloria do fracaso, a ledicia da decepción. Con tranquilidade, engana a Aulestia e transforma a pena máxima. Agora si que Lugo arde en tódolos sentidos. Dezanove anos despois o equipo das murallas volta a Segunda División. A travesía polo deserto para os lucenses rematou.
Este é o último capítulo dunha historia que se leva escribindo durante case sesenta anos. O Clube Deportivo Lugo vive tempos felices. Só unha vez desfrutaran nas cidade das murallas da Segunda División. Corría o ano 92. Seis vitorias despois e con 25 puntos no peto o Lugo perdía a categoría para voltar ao seu lugar máis habitual, a Segunda División B. Foi unha estancia demasiado efímera na categoría de prata.
Porén, a cidade recordaba eses tempos, ese “nabo mecánico” que alcanzara o seu teito e, sen dúbida, desexaban chegar de novo alí. Pero os problemas asolaron o equipo e en vez dun ascenso viviu un descenso á Terceira Galega. O cambio de directiva do ano 2004 conseguiu reflotar ao Lugo e de novo colocalo en Segunda B. Tras moitos anos na metade da tabla, o equipo de Quique Setién completou unha campaña excelente na 2010/2011 e posicionábase como claro candidato ao ascenso tras quedar campión do Grupo I. Alí, esperaba o Murcia que escachou as ilusións dos lucenses nunha eliminatoria polémica onde o equipo galego viu como un gol que podía forzar a prórroga no Anxo Carro non subía ao marcador por unha suposta falta. Tras eliminar ao C.D. Alavés sería o Alcoyano o que frustraría a segunda tentativa de ascenso dos lucenses.
Un ano despois e tras unha temporada menos exitosa o Lugo plantouse nos playoffs sen favoritismos, como un “outsider” máis e sen facer demasiado ruído. Coa experiencia das derrotas no playoff anterior e cunha fortaleza increíble no Anxo Carro, conseguiron deixar na cuneta ao Eibar e ao Atlético Baleares, equipos con planteis deseñados co único obxectivo de ascender. Máis do menos pasaba co Cádiz, pero tras moito sufrimento e ver como os gaditanos igualaban o 3-1 do partido de ida, conseguiron ascender no Ramón de Carranza nunha tanda de penaltis que quedará para a historia.
Chegaba o verán e o tempo para a reflexión. A filosofía do Lugo dende a chegada de Quique Setién estaba clara: orde e toque. Un gusto polo balón que o levou ata o máis alto, pero que na Liga Adelante non acostuma a dar bós resultados. Porén, o estilo de xogo non era o que máis preocupaba ao adestrador cántabro. O obxectivo era renovar o equipo, buscar xogadores contrastados en Segunda para axudar os novos e así poder asentarse na categoría. O problema do Lugo estaba claro, todos eses obxectivos tíñanse que lograr con moi poucos cartos.
A primeira baixa foi a de Isma López, un dos grandes artífices do ascenso que voltou ao seu equipo de formación, o Athletic de Bilbao. Bielsa reclamouno e a directiva non puido facer nada. Outra das baixas máis sorprendentes produciuse na portería. Escalona marchaba pero parecía segura a continuidade de Diego Rivas, outro dos heroes do ascenso polas súas actuacións prodixiosas a domicilio ante Eibar e Baleares. Porén, cando o mercado de fichaxes apuraba os días cambiou de aires e acabou no Elche, un proxecto claro de ascenso. O canteirán de momento non tivo demasiada sorte alí xa que a titularidade é cousa de Manu Herrera, procedente do Alcorcón. Outros xogadores importantes tamén foron descartados por Setién como Belencoso, Aitor, Luismi ou Félix Quero. Cando sairon todas estes xogadores certo pánico cundía pola cidade das murallas aínda que todavía quedaba por analizar as incorporacións.
A secretaría técnica do Lugo fichou con cabeza e con moita pericia. Para a porteria chegou Yoel, porteiro cedido polo Celta e con bastante experiencia na categoría de prata. Para apuntalar a defensa chegou David de Coz, experimentado defensa do Cádiz. E para o gol chegaron Fran Sol (promesa da canteira do Real Madrid) e Mauro Quiroga, un ariete procedende do Las Palmas e con bastantes partidos en Segunda. Pero sen dúbida, os dous grandes acertos da secretaría técnica do Lugo e de Quique Setién foron as fichaxes de Hector Font e Óscar Díaz, dous aunténticos trotamundos do fútbol español e que están rendindo a un nivel espectacular. O Lugo móvese ao ritmo que marca Hector Font, o cerebro deste equipo. Pola súa banda, Óscar Díaz ademais dun xogador rápido e desequilibrante estase convertindo no auténtico goleador do Lugo con cinco dianas ata a fecha. Todo isto, combinado cun estilo de xogo continuista e descarado que levou aos de Quique Setién a transitar sen dificultades pola media tabla da Liga Adelante.
Aínda que queda moita campaña, e debemos ter en conta que a segunda división é moi longa, a nota que lle podemos poñer ao Lugo ata o día de hoxe é moi alta. Co Anxo Carro como expoñente principal dos puntos logrados a efectividade en casa será clave para lograr a ansiada permanencia no que queda de curso. Unha permanencia que sería un éxito e ao mesmo tempo un feito histórico para un Lugo que na actualidade se situou como o terceiro mellor equipo de Galicia. Un lugar do que de momento non quere escapar.