O Girona asalta as murallas do Anxo Carro

Nunha gris tarde de outono disputouse, á beira do Río Miño, o partido correspondente á décimo cuarta xornada da Liga Adelante. O CD Lugo recibía no seu feudo ao segundo clasificado, o Girona FC, tras caer derrotado en terras madrileñas contra o AD Alcorcón por dous tantos a un, marcador que lle habería de volver a xogar unha mala pasada aos de Quique Setién.

Nesta ocasión o Anxo Carro non completou o seu aforo, pero foron arredor de 4.000 os afeccionados que se acercaron para mostrar o seu apoio incondicional aos xogadores albivermellos. Quizais o chuvioso e frío día lucense se prestara máis para unha tarde de “peli e manta”, pero se hai unha afección que non falla esa é a do Anfield.

Yoel saúda ao fondo norte | Mario Prado

Os xogadores de ambos equipos saudábanse ao saltar ao terreo de xogo, coñecedores os “gironistas” de que o último equipo que visitara o estadio local, o líder da categoría, saíra coa cabeza baixa. O mesmo que ocorrera nos dous enfrontamentos anteriores disputados en terras lucenses, onde o CD Lugo se mostrou intratable, logrando unha racha de tres vitorias consecutivas.

Saúdo dos xogadores | Mario Prado

Os primeiros minutos do encontro facían presaxiar que os locais se farían unha vez máis coa vitoria. Nada máis comezar o partido, Óscar Díaz, o máximo anotador do Lugo dispuxo dunha oportunidade clara para subir o primeiro tanto ao electrónico, pero como nesta e noutras moitas ocasións os albivermellos non acaban de atopar ese chisco de sorte que termina por decantar a balanza.

A primeira parte converteuse nun monólogo de fútbol por parte do equipo dirixido por Setién, a pesar de que as condicións do terreo de xogo non eran as máis axeitadas. A choiva que caeu durante todo o día na cidade das murallas, enchoupou o céspede e dificultou a transición das xogadas. Con todo, o Lugo tentouno de tódalas maneiras posibles… e de tanto perdoar, chegou o gol visitante.

Na segunda metade, máis do mesmo. Os cánticos da bancada animando aos seus xogadores semellaban o mellor carburante para que o Lugo reaccionara e buscara a igualada. E así foi, o xogador da canteira, Iago Díaz, lograba poñer o empate no marcador, vivíndose os minutos máis vibrantes do encontro.

Porén, pouco duraría a alegría local, oito minutos máis tarde do gol de Iago, no primeiro córner do Girona, o central, Luso, lograba rematar de cabeza o balón ao fondo das mallas. Isto supuxo un xerro de auga fría para os xogadores locais. Non obstante, ao contrario do esperado, a afección non enmudeceu, senón que seguiu animando ao equipo nos últimos compases do encontro, ata que o colexiado sinalou o final da contenda.

O 1-2 no marcador non reflectía o visto no terreo de xogo, pero xa non era momento de lamentarse, senón de pensar no próximo rival, todo un ex-primeira, o Villareal.