O Capitán Serrano leva a Compostimes a gañar no seu debut

Compostimes.com 7-5 Fútbol de Salón

Goles: “Capitán” Serrano (3), “Gatocan” Quintáns, “a Picadura” Jacobo, “a Formiga atómica” Alán e “o ruso” Suárez.

Mergullados no atronador ambiente do Campo do Restollal e animado polos seus máis de 600 seguidores, o equipo Compostimes debutou hoxe e empezou dese xeito a súa aventura na 3ª división de fútbol sala da USC. Despois dos duros adestramentos das semanas pasadas en Apolo e Maycar, onte a charla táctica tivo lugar en Ruta, onde os membros do equipo estiveron ata as 6.30 debatendo quen tiraría os dobres penaltis, quen defendería á estrela rival e se Arbeloa era mellor ca un cono. Os importantes debates nocturnos imposibilitaron o bo descanso dos membros do equipo, e dos 12+1 representantes da web do momento, só 9 estaban dispoñibles para o partido. Non serán os mellores, nin os máis fortes, nin os que máis se coidan nin os que máis calidade teñen, pero eles, lectores de Compostimes, son os que se encargarán de dar alegrías ó xornal. Crearán tendencia a base de sorte, de crer na vitoria e de ver como os afeccionados responden como no día de onte, con máis de 40 gústames en Facebook na foto do equipo nunhas poucas horas. Eles son, un por un:

Os membros do equipo no día de hoxe. De esqueda a dereita, arriba: Miguel Piñeiro, Quintáns, Pepe, Brais e Darío. Abaixo na mesma orde: JuanMa, H, Alán e Jacobo.

  1. Na portería, o gato de Chantada, o Toni Doblas das montañas, “Garfield” Piñeiro!
  2. O líbero, o defensor expeditivo, o Donato coruñés, “Pepenbauer” Neira!
  3. O cerebro do equipo, a alma que non nos rouba Mariló Montero, o Capitán Serrano!
  4. O pichichi, o home que pon a calidade, o explosivo, Diegol Fonseca!
  5. O pulmón do equipo, a zurdita de ouro, Darío “o manicho” Domínguez!
  6. O pelexador, a mosca incansable (BZZZZZZZ), a “Picadura” Jacobo!
  7. O Ibrahimovic vigués, o taekwondista reconvertido, Alex “o tanque” Salse!
  8. O rubiales do equipo, o supervitaminado e mineralizado, Brais “o Ruso” Suárez!
  9. O tocaio do porteiro suplente do Newteam, o incansable, “A formiga atómica” Alán!
  10. O cazador, o home dos caneos, desde o Municipal de Pasarón, “o desaparecido” Cristian!
  11. O especialista en pinchacarneiros, o comodín do equipo, a eficacia da “vitamina” H!
  12. O carisma, o emblema do vestiario, o Raúl González do equipo,  Roi “a bala” Rodríguez!
  13. O Madrid ten gato, o Madrid tamén ten can, nós temos ó “Gatocan” Quintáns!

Os ausentes neste partido. Arriba de esquerda a dereita: Alex e Roi. Abaixo: Cristian e Fonseca.

Estes 13 homes son os que batallarán ó longo da liga universitaria polo tan ansiado ascenso. Polo pronto, primeiro partido e vitoria por 7 a 5 fronte ó equipo do Fútbol de Salón. O partido comezaba cunha loita de poder a poder, pero o Compostimes golpeaba primeiro por parte do Capitán Serrano, nunha contra perfecta que remataba cunha croqueta a lo Andrés Iniesta coa que rompía ó último defensa antes de marcar gol. Precioso gol para o do Barco de Valdeorras. Logo era o turno de Vitamina H e Pepenbauer, quen salvaban os mobles con sendas paradas debaixo dos paus, e era nunha contra levada por Jacobo onde o Capitán Serrano volvía a marcar, esta vez tras un rexeite. O partido seguía igualado e chegábamos ó descanso co noso equipo imbatido. Garfield Piñeiro rezaba por San Toni Doblas e Darío animaba a seguir pelexando, pero a segunda parte ía comezar mal para o equipo Compostimes. Dous rápidos goles do Fútbol de Salón provocaba que o noso equipo pedise un tempo morto para cambiar as cousas. Zapatazo de Alán e a falta de 15 minutos o Compostimes volvíase adiantar por 3 a 2. Despiste en defensa do Compostimes na seguinte xogada tralo gol e empate a 3 cun pase atrás que remata en gol. O 3-4 era marcado tan só dous minutos despois e a falta de 10 minutos Compostimes volvía estar por abaixo no marcador. Era o momento do Capi. Balón para Serrano en medio campo, regatea un rival a cámara lenta, mira a portería e dispara á escuadra dereita. Golazo e empate a 4. O Compostimes volvía estar no partido a base de zarpazos e efectividade. Paradas e máis paradas de Piñeiro e nova contra do noso equipo, balón que Quintáns toca sobre Jacobo e picadura da nosa cobra que acaba en gol. Recibe de costas na frontal, controla cara o lado esquerdo rompendo ó defensa e crúzaa ante a saída do porteiro. Gol e Compostimes que se pon por diante. Na seguinte xogada Quintáns rouba o balón e define con calidade ó máis puro estilo Rodolfo Bodipo. Mais vainos a marcha e o 6-5 era un fito medio minuto despois. O partido estaba vivo e chega unha das xogadas claves a falta de 3 minutos para o final. Dous contra un contra Piñeiro e o gato de Chantada para ante os aplausos de todo o equipo Compostimes. É agredido cal Zidane contra Materazzi e o Fútbol de Salón atópase cun xogador menos. A falta de 2 minutos o Ruso Suárez dispara e logra o sétimo sentenciando o partido para o equipo do xornal. Gran debut para o Compostimes, que apoiado na súa enorme afección espera lograr o ansiado ascenso a segunda.

  •  O COMPOSCRACK: O Capitán Serrano, 3 goles e o mariscal da defensa. Inconmensurable.
  •  O SALVADOR: Garfield Piñeiro, salvagardando a portería dos 457 tiros a prol do Fútbol de Salón. É de Chantada, con iso está todo dito.
  •  VAIA DÍA: o árbitro, porque sempre nos queixamos del na liga universitaria e hoxe non vai ser menos, aínda que a maioría de veces sexa sen motivo.
  •  A SACHADA: partido limpo e sen incidencias. Pablo Alfaro estaría decepcionado.