O Balón de Ouro ou a carta aos Reis Magos

Lembrades aqueles tempos onde escribíades con toda a ilusión do mundo a carta aos Reis Magos? Nos últimos meses o lembro continuamente. Pensaredes que esta obsesión prodúcese porque teño algún familiar moi novo que se atopa ilusionado pola chegada das súas maxestades de Oriente. Porén, sinto decepcionarvos, xa que lembro eses tempos cando leo a prensa deportiva nas últimas semanas.

A FIFA e a prestixiosa revista France Football entregan o día sete de xaneiro o famoso “Balón de Ouro”, un trofeo que premia ao mellor xogador de fútbol do último ano. Estamos ante un galardón que se entrega dende 1956 pero que no noso país nunca levantou tanta expectación a tódolos niveles como nos últimos anos. Quizais, porque os principais candidatos a recibir o premio xogan en equipos españois. Con eses condicionantes converteuse nun dos temas de moda para a prensa deportiva e tamén para os candidatos, aos que cada vez que lle preguntan polo premio enumeran en voz alta as súas peticións aos Reis Magos. Para que me entendades, o resumo do que comentan viría sendo algo semellante a isto:

“Queridos Reis Magos (ou no seu defecto corresponsais de France Football, capitáns de selección e seleccionadores):

 Este ano comporteime moi ben. Grazas a min, o meu equipo conseguiu moitos títulos. Tanto para min como para os meus compañeiros son os títulos máis importantes do ano (este dato é incuestionable para eles). Tamén me portei ben cando me levaron de excursión coa miña selección. Ademais, marquei máis goles ca nunca e non fun egoísta por elo (isto último non o cre nin o máis parvo). Fun o mellor dos meus compañeiros de clase e por iso creo que merezo moitos agasallos. Outras nenos da clase poden dicir que eles se portaron mellor, pero están equivocados. Estou seguro que noutras cidades hai rapaces que o fixeron tan ben coma min, pero faime especial ilusión que me regaledes o que desexo e creo que merezo: o Balón de Ouro”

 Como sinatura podedes incluír a de calquera dos candidatos a este premio, porque quen máis e quen menos dunha forma máis directa ou indirecta acaba pedindo este galardón. É normal, ao fin e ao cabo todos os nenos tamén acaban escribindo as súas peticións para o día seis de xaneiro independentemente do ben que se portaran ese ano. Casualmente, os futbolistas recibirán o seu agasallo soamente un día despois do día de Reis.

Entrega do Balón de Ouro 2011 a Leo Messi – Foto: France Football

As peticións non son simplemente individuais. Cando un neno escribe a carta aos Reis tamén inclúe desexos para ás persoas que quere. Quen non pediu unha navalla de afeitar para o seu pai ou un perfume para a súa nai? Pois neste caso máis do mesmo. Os nenos que non fixeron un ano tan completo confórmanse con que os regalos cheguen aos compañeiros do seu equipo e, por suposto, non se cortan en escribir as súas cartas día a día. Os seus profesores tamén piden por eles, gabando ao seu alumno favorito en cada rolda de prensa na que teñan ocasión de falar. Por último, os xornalistas nunca se quedan atrás. Eles tamén escriben consellos para as súas maxestades falando de quen merece o carbón este ano e quen merece o premio grande.

O máis curioso de todo e que cada ano se comeza a falar antes do tema, do mesmo xeito que cada ano se colocan antes os adornos do Nadal ou se comeza a comercializar antes o famoso turrón ou os mazapáns. Os futbolistas levan escribindo cartas aos Reis Magos dende o pasado mes de xullo, cando rematou a Eurocopa. E nese continuo baile de nomes e de posibles premiados vivimos, cavilando no individual máis que no colectivo a nivel de prensa, de adestradores e de xogadores. Ou non notades que conforme se achega o día soñado os nenos se voltan algo egoístas por demostrar as súas bondades?

O día sete de xaneiro coñeceremos quen recibe o agasallo máis desexado e quen se ten que conformar co carbón. Pero como sempre acontece cos Reis Magos, non ten porque ser o mellor neno do ano o que recibe o mellor agasallo, xa que existen outros moitos factores a parte da bondade que inflúen nos regalos. As súas maxestades de Oriente non deixan de ser persoas que se deixan levar nalgún momento pola súa subxectividade. Ata ese día estaremos falando de todo menos do importante, de figuras por enriba de equipos e esquecendo os verdadeiros problemas do fútbol. Daquela, poderemos esquecer o tema por un tempo. E será un alivio, sobre todo para aqueles que xa non cremos nos “Reis Magos”.