Novembro posa para vós

Cámara-das! Novembro avanza e o noso concurso fotográfico faino con el.

Transcorrida xa a metade do prazo para enviar as vosas estroboscópicas creacións, o penúltimo mes do ano vai perfilándose coma o máis indicado para recrearse coa captación deses momentos que fan cada día único. As follas secas que enchoupan a Alameda, a luz amarela que tingue as pedras húmidas da zona vella dende media tarde, o fume dos postos de castañas (tampouco vos pedimos fotos que cheiren)… Dende Compostimes, e non sen esforzo, conseguimos conxurar  ás altas esferas das máis divinas estirpes para que cada recunchiño da cidade, cada habitante, cada nube, cada árbore, cada cagada de can, cada músico da rúa, cada folga xeral… posen en todo momento para que participedes ó máis alto nivel neste primeiro concurso fotográfico de Compostimes e poidades armarvos cun arsenal de produtos co noso inconfundible selo corporativo e, sobre todo, poidades gozar dunha cea (non precisamente típica de estudantes) nun digno restaurante da capital. Só tedes que espertar un pouco, facer imaxe os vosos soños, deixar os sonos na casa, os libros na biblioteca, os amigos na estacada, as resacas no mar, a preguiza… a preguiza non a deixedes e o frío no armario para coller a vosa cámara, poñela en modo manual se sodes un bos hipsters ou deixala en modo automático se sodes menos lisérxicos e saír ó aire puro e libre para deleitarnos coa vosa visión deste mes de decadencia climática e angustia estudantil.

Aceptamos canta modernidade queirades! Dende polaroids escaneadas ou excrecións lomográficas ata os brillos repugnantes de Instagram e mentiras manipuladas do Photoshop. Brancos e negros, contrastes ó límite e incluso tons ocres, pero non por isto vos sintades excluídos os máis tradicionais puretas da fotografía rancia, por favor. A mediocridade do non-sobado polas novas tecnoloxías é tamén ben recibido nas nosas arcas.

Lembrade, cámara-das, que o domingo á noite remata o prazo!