Interlagos dende outro punto de vista

Sebastian Vettel celebra o título de campión do mundo – Foto: EFE
“Alonso roza o milagre”. Ese pode ser o titular de todas as crónicas da última carreira do Campionato do Mundo de Fórmula 1 en Interlagos. Todos estamos dacordo, xa que o piloto español estivo a piques de conseguir o seu terceiro título mundial cun mérito tremendo, xa que todos sabemos (ou supoñemos) que o Ferrari é un coche inferior. Pero isto, non resta nin moito menos méritos a Sebastian Vettel e o seu Red Bull, un piloto que suma o seu terceiro campionato e que fixo tamén unha tempada impresionante.
Fernando Alonso é unha figura que ten co afeccionado medio español unha relación de amor/odio tremendamente curiosa. Sobre todo, se o comparamos con outras figuras do noso deporte como Rafael Nadal ou Pau Gasol, idolatrados por esa afección. O caso de Alonso quizais se debe ó tratamento que recibe nos medios de comunicación, onde adoitan destacar as súas virtudes e, ó mesmo tempo, menosprezan á mairoría dos seus rivais. Alonso é un gran piloto, pero quizais de tanto repetilo a afección acaba aborrecéndose del e de todo o que arrodea o seu mundo. Por todo isto, e tendo en conta que eu non son un experto en Fórmula 1, decidín facer unha crónica do tratamento desta última carreira e das figuras de Alonso e Vettel por parte dos medios de comunicación que transmitiron o evento en directo.
De primeiras, decidín obviar a retransmisión de Antena 3. Xa me chegara con escoitar a da última carreira en Austin para saber o que hoxe podían dicir. Tras criticar a Hamilton de tódolos xeitos posibles cando compartía garaxe con Fernando Alonso en McLaren, Lobato e o seu equipo gabárono continuamente o outro día, chegando a afirmar que estaba “invitado ao que desexara” en Asturias tras adiantar a Sebastian Vettel. Parece que agora Hamilton si que era un piloto do seu agrado. Ademais, en Abu Dhabi, atribuíron un remontada espectacular de Sebastian Vettel á sorte e ós elementos que se puxeron ó seu favor. Ante isto, e imaxinándome que Lobato e compaña farían “vudú” a Vettel e bailarían a danza da chuvia durante toda a carreira, decidín estudar o que farían as radios. Twitter e certos comentarios que puiden ler, fixéronme pensar que non estaba errado nas miñas suposicións sobre Antena 3.
Nas radios, pasou algo semellante ó que aconteceu en Antena 3. Na previa, todos creían no milagre e esperaban que Vettel fallara en forma de abandono ou accidente. Algúns chegaron a buscar o candidato para provocar ese accidente, e Massa parecía o máis apropiado tendo en conta que é piloto de Ferrari. De fondo, comezaban o Athletic-Deportivo e o Chelsea-City, pero hoxe era un día para escoitar a narración dos partidos sen o son ambiente orixinal, senón cos motores dos coches do circo da F1 de fondo. De súpeto, as emisoras de radio enchéronse de berros. Vettel sae con prudencia e ten un accidente que o sitúa no derradeiro posto. Todos cren que é posible o triunfo final de Alonso, pero aínda quedaba moita carreira
O alemán fixo unha remontada de libro, arriscando co asfalto mollado, para situarse nos postos que dan dereito ós puntos. Unha vez alí, adicouse a conservar. Vettel ten coche, iso está claro, pero remontar así tamén ten o seu mérito. Por diante, Alonso fixo unha carreira de gran mérito e situou ó seu Ferrari, un coche que non é tan poderoso, de novo no pódium. O asturiano intentouno ata o final, pero este ano o mundial será de novo para Vettel. Nas radios, tras buscar posibles problemas no alerón traseiro de Vettel ou incluso especular cunha posible sanción por un suposto adiantamento con bandeira amarela para o alemán, chegou a resignación. Porén, remataron o día dándolle todos os méritos a Fernando Alonso e obviando os de Sebastian Vettel que parecía un campión circunstancial. Desprezar a un piloto para gabar a outro non creo que teña demasiado sentido. Se o pensamos en frío, calquera afeccionado medio ao deporte é capaz de atribuírlle por si mesmo eses méritos ao piloto asturiano, mentres que se llos recordan moitas veces, igual o que pasa é que lle acaba por coller algo de xenreira. Así son as cousas nesta vida.
Unha vez rematada a carreira invádeme o desacougo. É esta a prensa deportiva que necesitamos? Non sería mellor algo máis obxectivo? Todos temos dereito a opinar que Alonso é moi bo, pero non fai falta desprezar a outros pilotos nin desexar o mal alleo para poder afirmar isto. A Fórmula 1 é unha competición onde a combinación entre piloto e coche ten que ser perfecta. E este ano, no global, Red Bull e Vettel foron mellores que Fernando Alonso e Ferrari. Se non fose así, o resultado do mundial sería outro. O mérito de Alonso está aí, pero creo que non fai falla que recordalo cada cinco minutos. Ademais creo que a profesión de xornalista deportivo, sexa no deporte que sexa, non se debe exercer coa bufanda e a bandeira na man. Iso, debe quedar para os afeccionados.