Ezequiel Mosquera, dous anos despois

Ezequiel Mosquera Míguez (nado en Cacheiras, Teo, A Coruña, o 19 de novembro de 1975) é un ex-ciclista español e un dos maiores representantes do ciclismo galego ó longo da súa historia. 2º na clasificación final da Volta a España 2010 despois de acadar un 4º e dous 5ºs postos en anos anteriores, o español foi forzosamente apartado da estrada pola UCI (Unión Ciclista Internacional) por un suposto positivo por dopaxe non demostrado. O caso terminou coa carreira de Mosquera e está actualmente na Xustiza Ordinaria. Quedamos con el nun pequeno bar no Concello de Teo e debemos agradecerlle a amabilidade que desde un primeiro momento tivo con Compostimes, especialmente por recibirnos nun momento complicado para el por problemas familiares. Deste xeito, 24 meses despois de que todo Galicia se paralizara diante do televisor, Ezequiel Mosquera fala claro para Compostimes de quen era antes desa Volta a España e do que pasou despois de case lograr o fito histórico de vencer; deixando un duelo histórico co italiano Vincenzo Nibali especialmente na xa memorable etapa da Bóla do Mundo.

Ezequiel, dous anos despois… a que te dedicas?

Xa vedes que a pequena dá pouca tregua (en referencia á súa filla, alí con el). Despois teño algúns proxectos por aí para facer. Aparquei algún porque era inviable porque a conxuntura económica actual está como está.

Refíreste a proxectos ciclistas?

Non. Estiven a puntiño de meterme no mundo do viño, pero aínda que é un mundo moi bonito vese que hai tantos piratas coma no ciclismo, e hai que andar con coidado. E agora ultimamente teño dúas cousas que estou madurando, porque teño o defecto de pensar moito as cousas. En temas deportivos estou en proxecto de sacar unha liña de roupa ciclista e ademais de crear unha estrutura para eventos deportivos, con podio, son, un sistema de camións, etc. e solucionarlle as cousas a quen organice eventos deportivos que moitas veces ten que buscar a vida chamando a moitos lados.

Non tes pensado meterte no ciclismo de base?

Estaría ben, pero hai que ter paciencia cos nenos e cos pais. Non descarto algún día colaborar con algo pero non é algo que me chame. Si que me gustaría nun equipo amateur algún día. Gústame ter algo de relación co ciclismo pero de maneira autónoma. Seguir en contacto con todo pero, pensándoo ben, ó final do ciclismo federativo e de competición non podes depender diso coma un medio de vida. A crise nótase en tódolos aspectos e, quen se adica ao ciclismo, sobre todo de base é de forma altruísta.

Non che quedou o gusanillo de botar outro ano máis cando podas correr?

Penseino. Pásanme ramalazos pola mente, pero por cada ramalazo deses que me pasa, véñenme vinte onde me acordo do mal que o pasaba. Por exemplo na Volta, que ves as etapas aquí, o ambiente e todo iso que foi a túa vida… pero cando ves as caras de cando chegan, que ao mellor a xente de fóra non entende pero sei ben do que falo, rapidamente pensas que ao corpo hai que darlle descanso.

O desgaste físico do ciclismo é un atentado

contra o organismo. Aí estaste deixando

 anos de vida e non é unha broma

Todos os ciclistas din o mesmo cando se retiran, que teñen o gusanillo pero o sacrificio é demasiado grande. Óscar Freire tamén dixo que quería botar un ano máis pero ó ver como chegan as pernas…

O desgaste físico que ten o ciclismo é un atentado contra un organismo san e desgraciadamente iso enténdese cada vez menos. Aquí estás deixando anos de vida e iso non é unha broma. Setenta ou oitenta días de competición, de esixencia, a parte dos adestramentos maratonianos que tes que ter… hai que sufrilo para saber o que é.

Como está o teu caso? Agora mesmo non poderías volver, xa que a túa sanción comeza en novembro de 2011, un ano despois de deixar de competir.

Tiven unha oferta dun equipo Pro Tour que se quería volver que podía volver dous anos, pero por orgullo xa non quería correr, aínda que non me sancionaran xa non quería volver, quería meterme na xustiza ordinaria e arranxalo. Por un momento penseino, para limpar a miña imaxe quería facelo, pero debéronse enterar na federación e pola ansia de quitarme de en medio sancionáronme os dous anos, e aí si que para un tío de 35 anos é unha cruz.

Que opinas entón de que Contador teña unha sanción retroactivo e estea seis meses sen correr e ti esteas sancionado dous anos?

E que opinas de que filtren unha noticia que eu non sei, nin creo nin sei, o mesmo día que saíu o seu positivo?

O teu positivo sae á luz o mesmo día que o de Contador cando un foi no Tour e outro na Volta a España, e curiosamente ó día seguinte anunciouse a desaparición do Xacobeo Galicia.

Ese mesmo día caducaba a inscrición do equipo na UCI. Ou se inscribía ou non había equipo.

Hai algunha relación nese aspecto?

Cada un que saque as súas propias conclusións.

Cres que a UCI é unha organización mafiosa?

Seguinte pregunta. (risas)

Que opinas sobre o caso Armstrong?

Por un lado opino que non se sabe todo o que se debería saber e do corredor o que se sabe está magnificado. O que me indigna e a calquera profesional que lle preguntes, aínda que digan que non de cara á galería, indígnalle que agora están catalogando de heroes a calquera que está dando un paso á fronte. Que non están dando un paso á fronte, se non que os están a poñer contra a espada e a parede e cantan, porque moitos deses fixéronse ricos grazas a ese equipo, e cando foron para ese equipo, toleaban por ir.

Cres que se debería crer a alguén coma Hamilton ou Landis entón despois do que pasou?

Se se lle cree a eses dous no tema que acusaron a Armstrong, tamén hai que crer cando acusan a outra xente de outras cousas máis graves.

Segundo o libro de Hamilton, “The secret race”, conta que na Volta a Suíza de 2001 hai un momento no que Armstrong di: “acabo de dar positivo por EPO”; e ante a sorpresa de Hamilton rebate “terei que con estes señores”. Pode ser certo?

Só digo que se chega a ser Gonzalo Rabuñal por exemplo, afórcano na Praza do Obradoiro.

Fixéronse as cousas mal no teu caso?

Sendo obxectivos, e vendo como foron as cousas e como se fixeron, a calquera persoa con dous dedos de fronte que se lle conte o caso xa vai sospeitar do que fixeron.

Hamilton deu positivo despois cando estaba con Santi Pérez e demais en Phonak, onde o director era Álvaro Pino…

Si, pero eu desmitifico todo iso. É coma se a min me veñen, ofrécenme ser director dun equipo ProTour en calquera lado. E ao chegar alí, ó pouco tempo xa me pitan dous, e xa van falar de min, que acabo de chegar e xa están así as cousas… iso foi o que lle pasou a el. O problema de Pino foi que non soubo atallar un tema, un problema gordo cunha persoa dentro do equipo que debeu atallar antes. Pode ser que tivese un carácter fodido, pero eu nunca tiven problemas. Mentres foses profesional, e fixeses o teu traballo, el dentro dos cambios de humor que tiña sempre o valoraba. Tiña un carácter forte, pero de aí a dicir as cousas que se dixeron…

Había máis dopaxe organizado nesa época? Podía ser que cantos máis cartos se movesen máis dopaxe houbese?

E cantos cartos tiña o Xacobeo? Realmente nada, pero era un escaparate moi bo, un equipo pequeno, que lle estaba dando nas orellas aos demais e era unha opción moi boa de xustificar o sistema. Ese sistema que move unha cantidade inxente de millóns, que é o sistema antidopaxe e hai que xustificalo, e obviamente non se xustifica co Sky ou o Discovery Channel.

En Galicia a xente apoioute moito, pero entendes que no ciclismo mundial e no resto de España despois de que a Mosquera e a David García lles aparecese Hidroxetil, que foi vendido na prensa coma un enmascarante, despois diso a David García que é o gregario lle aparecese EPO, entendes que sospeiten de Mosquera tamén?

Descoñecendo absolutamente o que había con David e o que ía pasar con David, cando saíu o seu positivo, o primeiro que fixen foi chamar ós meus, incluídos os xornalistas, e díxenlle que estivesen tranquilos, que non ía pasar nada. Eu era consciente de que iso comezaba así. O que eu penso é que eles primeiro atopáronlle a EPO a David e gardárona, e despois de gardala o que fixeron foi coller hidroxetil, enmascarante de EPO, para os dous, e entón xa por descontado acusáronme de tomar EPO, a pesar de que non ma atoparon. Iso é o que creo, non podo aseguralo, pero é así como funciona esta xente.

Creo que primeiro lle atoparon a EPO

a David García e a esconderon. Logo ó

aparecernos hidroxetil ós dous xa se deu

por descontado que eu tamén me dopara

Falaches con David acerca diso?

Non, a verdade é que con el, como marchou a Canarias, perdín contacto. O que si que lle dixen foi que saíse aos medios e contase a verdade. El sabe que foi unha cousa individual del e sabe que eu non o fixen. As miñas analíticas seguro que as mandaron ata á NASA, porque non lles collía na cabeza que ó aparecer enmascarante de EPO, a min non me aparecese nada.

E o do enmascarante de EPO foi a UCI ou foi a prensa?

Foi a UCI pero porque o teñen tipificado así. Se che atopan iso na urina, é susceptible de ser administrado por vía intravenosa, e sendo administrado por vía intravenosa pode ser susceptible de ter sido utilizado para enmascarar valores sanguíneos. Contra iso, no informe que nós mandamos á UCI dixemos ben claro, que iso non só non enmascara, senón que iso fai de tapón nos riles porque é un almidón, e se ti tes algunha substancia na urina, en vez de durarche vintecatro horas, vaiche durar trinta e seis. Iso está demostrado por un científico.

O problema é que a UCI non tiña como enmarcalo no código mundial antidopaxe, xa que é unha substancia hemodiluínte como o suero. E claro, non saben como enmarcalo e din, xa que conleva o efecto contrario (a EPO sube os valores sanguíneos e isto hemodilúe), pois poñémolo como enmascarante . Pero non é así, é enmascarante dos efectos da EPO, pode ser pero non ten porque ser así, pode que eses efectos sexan por outra cousa. Ademais os días que eu tiña estes controis de sangue tiña controis de urina, e se eu enmascarara os controis sanguíneos coa hemodilución os controis de sangue pola mañá pasaríaos, pero os de urina que eran pola tarde non, pitaría. E non é así, xa que o hidroxetil aparece os días que lle cadrou. Isto é o que lle expliquei, pero non, din que saíron así, e á fogueira comigo.

De feito o director do laboratorio de Colonia tiña que demostrar que o hidrotextil que ti tiñas no corpo fora administrado de forma intravenosa.

Puxémolo contra as cordas (coas probas que contaba Mosquera na anterior resposta). O que ti tes que facer para facer unha proba e que teña validez é facerlla a un mínimo de cincocentas persoas diferentes e estar publicada nunha revista científica. El non, e o que fixo ó quedar en pelotas foi facer un experimento administrándolle menos dose á xente que lle administraba (o hidroxetil) vía oral que á xente que lla administraba vía intravenosa, e todo isto a tres pacientes del. E presentounos iso e o que dixen foi, “pero ti que me estás contando?”.

Ese mesmo que fixo a miña proba sabía o meu nome, Ezequiel Mosquera, e non estaba analizando un código de barras, o que é delito, estábame analizando a min. Mandaron a análise de Madrid para Colonia cando xa dera negativo en Madrid. Unha análise que sae negativa nun laboratorio acreditado pola AMA (Axencia Mundial Antidopaxe) é negativa para toda a vida, non podes collela e mandala para Colonia e analizala alí outra vez. Unha mostra aberta. Que caza de bruxas é esta?

De feito David García tralo positivo confesou e colaborou coa policía sinalando ó Doutor Beltrán, que fichou polo Xacobeo no medio dunha Volta substituíndo ó doutor Bastida.

(Interrompe Mosquera) Si, pero el non ten nada que ver. Era un médico como outro, que levara a máis equipos e que foi inscrito na UCI sen ningún problema. Estivo en máis equipos antes e aínda así non é o único que por diante está traballando cun equipo e logo leva a máis corredores por detrás. O problema principal foi co doutor Bastida, que marchou pola porta de atrás no medio da Volta por problemas internos que se deixaron pasar ata que foron insostibles.

E foi cando entón o doutor Bastida dixo que o botaran porque el non dopaba ó equipo.

E que el dixera que se o botaban se ía cargar o equipo…

Estabas no peor momento e no peor lugar.

A verdade é que dá para escribir un libro.

Aínda así hai outros que levan tendo sorte toda a vida.

O diferente trato ós ciclistas, iso si que daría para escribir un best-seller.

Falando diso, que diferencias ves entre o tratamento do Caso Armstrong e a Operación Puerto?

A Operación Puerto… eu creo que xa non hai nada que contar da Operación Puerto. A pouco que sexas un pouco obxectivo, está claro que aí primaron moitos intereses por riba dela. E agora que temos probas, vemos que a Operación Puerto está quedando pequena ó lado do de Armstrong e demais.

E o de que só saísen ciclistas, non cres que había algo máis aí?

O que había aí sábeno os que mandaron parar o tema e os policías que foron aí facer o rexistro. Eu algún día tiña a esperanza de que se soubera todo, pero cada vez teño máis claro que nunca se saberá.

A dopaxe no ciclismo é algo así

como a corrupción na política

Cres que agora o ciclismo está totalmente limpo?

Vexamos, a dopaxe no deporte é algo así como a corrupción na política. Non pode vir ninguén e afirmar que todos os políticos son únicos, xa que algún haberá por aí que siga facendo mal as cousas. Neste caso non serve o “todo vale” para limpar algo que para min é unha utopía. Para facelo hai que ter unhas normas moi estritas. E se pasa o que pasou con Armstrong que sae agora acusado moito tempo despois, tendo en conta que el en todo momento pasou os controis, pois igual o único que se fai é atacar ao ciclismo.

Non cres que se debería tirar da manta cando algo está demostrado?

Se está demostrado si, pero o principal problema é que isto só se fai co ciclismo. ¿Ou vai a USADA a investigar o que pode pasar por exemplo na NBA? A NBA é unha competición que non está inscrita en ningunha federación, pero alí nunca se investiga, a diferenza do que se fai co ciclismo.

O problema está nesa diferenza de controis entre deportes?

Probablemente, porque moito se fala de que as medias de positivo en ciclismo son altas, pero sen embargo se facemos a media de positivos polo número de controis que se pasa o resultado é irrisorio. Noutros deportes, e dígocho por experiencia porque coñezo moitos profesionais, saben o día exacto dos controis e sen embargo a un ciclista aparécenlle na casa calquera día e se non está ten un problema importante. Despois, falan do sistema antidopaxe máis sofisticado do mundo pero realmente é sofisticado porque é moi estrito. Sen embargo noutros deportes, que tamén pode existir a dopaxe porque é un mal de todo o deporte sen excepción, co tipo de controis que teñen pois é máis sinxelo tendo en conta ese coñecemento do momento do control.

Cres que en deportes como o fútbol, tendo en conta os cartos que se moven, existe esa dopaxe?

Eu non vou acusar a ninguén, e moito menos ao fútbol, pero se no ciclismo houbese as “mortes súbitas” que son bastante habituais no fútbol, teríamos todos un policía á porta da casa. Iso é a realidade.

Cres no pasaporte biolóxico que agora está establecido?

O pasaporte biolóxico é unha boa ferramenta, pero hai que usala ben. Cando a usas para os teus intereses pois algo vai mal. O problema é que é unha lei, como calquera lei do deporte, que ten unha marxe de interpretación e ese marxe da para xogar con moitas cousas e que pode usarse como xa dixen antes para ben ou para mal.

Como compararías o teu caso co de Rasmussen?

Eu descoñezo a maioría das cousas do caso Rasmussen. Sen embargo, de primeiras, paréceme unha aberración o que fixeron con el. Condenar a un ciclista que está líder do Tour ao desterro por non estar tres días nun lugar, sen dar positivo nunca nun control, paréceme iso, unha aberración.

Haberá renovación do ciclismo neste sentido algún día?

Non o sei, o que si que che garantizo é que máis psicose da que hai, é dicir, medo a dar positivo, é imposible que exista. Un ciclista que está correndo limpo, como son a maioría, ten medo e non vai a un control tranquilo. Ti pasas o control e sabes que te están sometendo a un nivel de análise infinitesimal e que podes ter un problema por calquera motivo. Iso é un drama.

O problema maior é que todo isto afecta aos patrocinios, como o ves?

É un problema, pero tamén vemos que seguen entrando patrocinadores novos fortes como o Sky. Realmente, o ciclismo non deixa de ser un escaparate barato, xa que un equipo como Euskaltel que ten un presuposto arredor dos 8 millóns de euros, coa repercusión que lle da a nivel mundial un escaparate como o Tour de Francia fai que saia rendible, xa que con eses cartos invertidos noutros medios de comunicación non consegues esa repercusión nin en España. A dopaxe evidentemente inflúe, como vemos en casos como o de Rabobank, pero a empresa ó que lle interesa son números e unha repercusión dese tipo é moi difícil de conseguir doutra forma.

Non cres que un patrocinio en fútbol é máis rendible para unha empresa?

A nivel nacional si. Probablemente compense máis inverter nun equipo de fútbol aínda que sexa de nivel medio como o Raio Vallecano que nun equipo ciclista se vai a correr solo a nivel nacional. Sen embargo se o patrocinio é nun proxecto Pro Tour que vai ter repercusión mundial co Tour de Francia probablemente sexa máis rendible. Un exemplo é Movistar, que xa é unha empresa consolidada, pero tamén estaría aberto a outras empresas emerxentes. O problema é se a directiva da empresa quere correr ou non ese risco.

Un ciclista pode correr a pan e auga?

Non, desde logo que non. Coas etapas de 200 km. é moi importante a medicina deportiva, que non confundir co dopaxe. Pero a un tío que chega feito un cadáver enseguida lle hai que dar ferro, vitamina B12, B6, etc.

Mosquera reventando a Nibali na Bóla do Mundo (Volta a España 2010)

Cambiando a outro tema complexo, no tema do equipo galego, que intereses había detrás para que non saíse (o equipo galego desapareceu trala Volta a España 2010)?

A ver, nós eramos conscientes de que o Xacobeo tivo un pico e un período descendente. Como exemplo, no segundo ano comezaron os viaxes en coche e deixar de ir en avión, recortes por todos lados e indirectas de que isto non seguía…

Aínda así publicamente manifestabades a esperanza de saír adiante.

A miña obsesión na Volta era que o equipo seguira. Eu tiña firmado desde o 6º día co Vacansoleil e fastidiábame ver como os meus compañeiros traballaban para min. Aínda así o meu pensamento era que se facía unha gran clasificación o equipo era imposible que desaparecera…

Estabades motivados entón de que se o equipo rendía seguía o ano seguinte?

Non era así. É que antes de saír para a Volta o secretario xeral para o deporte díxonos textualmente que o rendemento e resultados eran capitais para continuar o equipo. Indo xa 3º na clasificación xeral na etapa de Cotobello é cando nos din que busquemos equipo. Ía 3º cun equipo coa 4ª ou a 5ª parte de presuposto que a maioría. Cando o pan de todos dependía do ciclismo acaban así e nese momento co equipo. Eu tiña o meu pan arranxado e a miña posición podía ser máis fácil, pois renunciando á gloria deportiva, podía ter dito o 7º día, a partir do día seguinte do descanso: dóeme unha rodilla, teño unha tendinite, e para casa. Ou mellor, para a praia que aínda pillaba uns días de praia. Pero é que o equipo era coma meu, os compañeiros deixábanse a pel por min. O mínimo era pelexar e que non houbera maneira de levar a cabo a desaparición.

Foi un milagre o que se conseguiu cos recursos que tiña, entón?

Moi difícil. A xente non é consciente do que o equipo facía, pero con todo o que vistes e o que estades oíndo podedes sacar conclusións do que o equipo facía de verdade. Incluso o ano anterior, en 2009, gañamos a clasificación por equipos, e era chegar alí, a unha gran volta, cun equipo de 3 millóns de euros entre os favoritos.

E cando firmaches con Vacansoleil, non puideches levar a ningún gregario contigo?

Estaba niso, porque cando eu firmo con Vacansoleil era o sexto día, e eu estaba 9º na xeral. Eles son listos e viron que pasara a etapa da Guardia de Jaén, quedando 5º ou 6º, colocábame 9º na xeral e estes viron que ía empezar a montaña e que ía subir postos na xeral e colleron e puxéronme o contrato, insistíndome en que tiña que firmar antes de Xorret de Catí que empezaba a montaña. Estiven aí dubidando pero claro, pensei: un contrato destes coa idade que teño… e claro, cando pasou todo o caso estaba negociando con eles, tanto para que me subisen un pouco a nómina porque lle saía “regalado” para o meu rendemento como para tamén para traer a un par de compañeiros comigo. E non ía haber problema.

Canto ías cobrar se se pode saber?

Pois cerquiña do millón de euros.

Que opinaba o Vacansoleil sobre o teu caso?

Sempre creron en min e consideraban unha aberración o meu caso, pero non o imos dicir en alto porque estamos collidos polas pelotas.

Contácheslles entón o mesmo que nos estás contando a nós?

Si claro, Vacansoleil sabe todo e de feito inscribiume nas carreiras. Teñen ademais un grupo de científicos de primeiro nivel que entendían o que pasaba. A pesar de non correr en todo o ano teño boa impresión deles, porque sei o nivel de tribulación que vive o ciclismo e teñen que velar polos seus intereses. Por unha persoa non van arriscar a 50.

Chegaches de feito a estar co equipo.

Estiven na presentación, na concentración… e o trato, con máis mimo que nas circunstancias normais.

E chegaches a cobrar algo de Vacansoleil?

Non. Porque de burro, pensando que se ía arranxar todo pronto, eu quixen ser honesto e dixen que ata que se amañara non cobraba. E claro, atrasouse e estiven un ano adestrando e adestrando evidentemente non corrín.

Crías que ías correr?

Ata Polonia si. Estiven de feito por xullo adestrando en Trevinca. Ata agosto estaba convencido que ía saír. Estiven con eles no Tour de Francia e dixeron que cando pasara o Tour xa a UCI non estaba tan exposta ó que dixeran os medios e que me puxera a adestrar que ía á Volta a España. Inscribíronme en Suiza, no Giro, pero cada vez que me preinscribían había presións “dun ente misterioso” que non me permitía correr.

E volvendo ó teu pasado, por que non tiveches unha oportunidade en España ata os 30 anos, cando chegas ó Kaiku?

Porque Portugal che dá a oportunidade de ser profesional, de ser autosuficiente e de gañarte o pan e vivir do ciclismo, o que sobre todo naquela época de moito nivel en España, na que ou tiñas padriños ou senón eras de determinada escola non podías pasar a profesionais, Portugal era unha saída para os ciclistas galegos, incluído Pereiro. Pero ó mesmo Pereiro tivo que ser Pino quen o trouxera a Phonak. O problema de Portugal é que te condena ó anonimato, polo menos en España. Es un ciclista cotizado alí, incluso se es escalador é máis difícil porque quitando a Volta a Portugal é media montaña todo, para ciclistas como Cándido Barbosa. A realidade é que o nivel dos anos de Kaiku eu tíñao xa nos últimos anos en Portugal.

A túa explosión é tardía, porque ata o Xacobeo non logras grandes postos nunha xeral.

Na Volta a Portugal lograra facer 7º, chamábanlle a Grandísima. Realmente era polo nivel que tiña e porque non había suficiente montaña para que un escalador coma min puidese destacar, tendo ademais o hándicap da contrarreloxo do último día. Por iso David Blanco o fai tan ben por alá, porque cando sube, sube moi ben, e a última contrarreloxo venlle que nin pintada. Aínda así a fichaxe por Kaiku foi porque Óscar Guerrero, o director, necesitaba escaladores con experiencia e non tiña moitos cartos. Pero empezo a facelo ben: chego e 10º en Mallorca, Andalucía 9º, Murcia 5º. En todas as voltas por etapas menos nunha fixen top-10 menos nunha, e el quedou moi fastidiado cando non nos invitaron á Volta. Ademais é que Guerrero dicía que eu era corredor de tres semanas e que me viña ó pelo. E ó ano seguinte, preparando a Volta sae o da Operación Puerto. Entre unha cousa e outra, 30 días de competición, tempada perdida. E a seguinte xa é a 1ª co equipo galego.

Aínda así empezaches tarde no ciclismo?

Si, empecei a competir ós 18. Ata os 20 non acababa as carreiras. Con 20 empezaba a intentar acabar as carreiras con dignidade.

¿Como serían as etapas galegas da Volta España deste ano cun equipo ciclista da terra?

Pois iso tería sido apoteósico, non hai outra palabra para definilo. Ademais, tendo en conta o nivel que tiña o equipo e que algún de nós podería estar disputando a etapa, se agora houbo xente, pois imaxínate como tería sido. Pero ao final tampouco serve de nada preguntarse e lamentarse. Haberá que pensar que algún día o volveremos a ter.

Podio da Volta a España 2010 (2º Mosquera, 1º Nibali, 3º P.Velits, neste orde na foto)

Cambiando de terzo, con que etapa da túa carreira te quedas? ou con que etapas?

Pois quédome con Fuentes de Invierno e, evidentemente, coa Bóla do Mundo.

Cres que creou afección en Galicia esa etapa?

Eu creo que si, de feito a xente aínda me recorda esa etapa cando me paran pola rúa. Realmente non sei ata que punto calou no afeccionado nese momento xusto, pero a posteriori a sensación é que si.

Tes algunha anécdota curiosa dos teus inicios como ciclista?

Eu cando empecei, por exemplo, adestraba por esta estrada sen luz ás once da noite. Tiña que ter coidado de pechar os ollos cando viña un coche de fronte para que non me deslumbrara. Con dezaoito ou dezanove anos era o que había e todo iso para chegar as carreiras e que a cousas non funcionaran ben. Para chegar a elas e nin acabalas.

O meu primeiro soldo como ciclista

profesional en Portugal foi de

cen mil pesetas ó mes

Cal foi a túa primeira vitoria?

Foi na última etapa dunha volta a Zamora, aínda sen ser profesional. E como profesional foi no equipo portugués do Paredes – Rota dos Moveis, un equipo case sen estrutura e moi normaliño, onde tiña un soldo de cen mil pesetas ao mes. Alí, na terceira carreira que corrín (A Ruta de Santa María), rompeume o cambio na terceira volta, e con esas limitacións tiven a sorte de gañar esa carreira, iso sí, pasándoo moi mal porque os de atrás viñan apretando e eles si que podían cambiar de prato e piñóns.

É esa a vitoria que gardas con máis cariño ou hai outras?

A esa téñolle moito cariño, pero tamén teño moi gravada a vitoria na Volta a Burgos nas Lagunas de Neila, que era unha etapa que sempre tiña moi marcada no calendario e que no 2009 conseguín ganar por fin.

E a que se debe a túa devoción persoal polo Pan do Zarco?

Gústame porque me gustan os Ancares, que son a montaña galega por antonomasia. Sempre admirei a xente que viviu alí, illada; e é unha sorte poder atopar alí un porto cen por cen galego, dos máis duros da Península. Porque como alto hainos máis duros coma o Angliru, pero como porto, como lugar de paso, é o máis duro da Península. Para facerse unha idea, o Mortirolo son 12 km. de subida a unha media do 9,5% e este son 12 km. de subida ao 9,3%.

Por que non se subiu esa vertente este ano na Volta a España? Para intentar quitarlle dureza a unha Volta xa dura de por si?

Non se subiu porque León investira moito na etapa e entón tiña que acabar nesa provincia. De feito, Ancares non se subiu enteiro, a liña de meta estaba 2 km. antes do final do porto, porque os dous últimos quilómetros eran xa galegos.

Cres que as subidas con rampas de moito desnivel coma os deste ano da Volta castigan excesivamente aos ciclistas para non obter case diferencia?

Ó final as diferencias acaban aparecendo igualmente, porque en subidas como o Angliru nun día malo podes perder minutadas. De todas formas, eu son partidario de que esas subidas estean máis seleccionadas. A dureza dunha gran volta non está nos portos así, está en que son tres semanas ao límite.

Os directores perxudican ó espectáculo no senso de que, en moitos casos, evitan os ataques dos ciclistas?

Inflúe todo, tanto a estratexia do director coma se o corredor é valente ou non.

Quen deixa recordo é o que arrisca e ataca?

Eu penso que si. Quitando o primeiro ano, que ía a ver o que pasaba eu ía ca idea de atacar. Que non hai movemento? Pois ataco eu. Aínda que non puidese chegar á meta, como en Fuentes de Invierno ou en Andorra.

Gardas un mal recordo da actuación de Contador na etapa de Fuentes de Invierno na que despois de facer toda a subida xuntos eliminando ós rivais el, xa de líder, ataca a menos de 1 km. deixándote sen trunfo de etapa?

Coa cabeza quente é moi difícil decidir en ciclismo, a 180 pulsacións por minuto é complicado saber como actuar. E despois o de deixar ganar ou non, depende da avaricia de cada corredor.

Sabendo que che gusta escribir, nunca pensaches en emular a Joaquín Caparrós e estudar Xornalismo?

Considérome moi vago como para poñerme a estudar. Pero si que me plantexei, porque é algo que me gusta, documentarme mellor sobre o que escribo para poder escribir sobre temas que non controlo.

Mais que ter unha carreira universitaria, non pensas que para escribir sobre algo o máis importante é coñecer o tema sobre o que falas? Por exemplo, para facer unha entrevista sobre ciclismo.

Claro, a min tenme pasado de casos nos que me veñen a facer unha entrevista e que me preguntan cousas que non teñen nada que ver co ciclismo, como que que puntuación fixen na Volta a España.

Gustaríache escribir sobre outro tema que non fose ciclismo?

A ver, a min gústame escribir do que sei. Por exemplo, algo de viños, incluso propoñerlle ideas a algún medio. Escribo do que sei porque non me resulta difícil, pero con outros temas non daría pé con bola.

Hai algunha reportaxe ou algún artigo relacionado co ciclismo que teñas pendente de escribir?

Ás veces penso en escribir un libro, pero xa é un proxecto de maiores dimensións que un artigo que me leva unha ou dúas tardes facelo, coma este último sobre o sistema de puntuación da UCI.

Falando deste sistema, non cres que se debería cambiar este sistema para que o mercado de fichaxes non dependese tanto del? Porque, por exemplo, as altas de Lampre para o ano que vén están pensadas expresamente para puntuar en todos os continentes.

Si, porque logo hai casos de equipo importantes dentro do pelotón ProTour que andan detrás de ciclistas de segundo nivel só porque puntúan en determinadas clasificacións.

Para acabar, ímosche dicir unha serie de nomes relacionados co ciclismo para que nos describas en poucas palabras o que pensas deles. Empezamos por Alejandro Valverde.

Superclase.

Óscar Freire.

Outro superclase. Quizais o amor propio lle pesou e se precipitou á hora de deixar o ciclismo.

Andreas Klöden.

Un tipo íntegro.

Carlos Sastre.

Un dos grandes do ciclismo español pero cunha personalidade difícil.

Peter Sagan.

Talento puro.

Philippe Gilbert.

Forza pura, esaxerada.

E agora unhas palabras claves no ciclismo. París-Roubaix.

Unha animalada, se mire por onde se mire.

Gustaríache tela corrido?

Non. Tomar a saída, igual si, pero a guerra que hai á entrada de cada tramo de adoquín é terrible, para caer e lesionarse.

E a Lieja-Bastogne-Liega ou a Flecha Valona, que non teñen o adoquinado e son igual de duras?

En menor medida, pero tamén teñen o seu punto de maratonianas. O corredor que disputa unha desas clásicas necesita tres días de cama para recuperarse.

Pico de forma.

Algo moi importante e que leva moito tempo aprender como manter. É moi difícil estar ben e non pasarse de rosca. Os días nos que estás no teu pico só serves para montar en bicicleta, para nada máis. Unha mañá recordo que lle botei unha man a meu pai no aserradeiro e pola tarde non valía para nada.

O Mundial que corriches.

Unha carreira de tolos. Non pola dureza, senón porque é un arranca e para constante por carreteiras estreitas e cun pelotón enorme.

Bélxica e Holanda.

Ciclismo puro. Con tanta repercusión como aquí o fútbol.

 

Entrevista realizada por: Roi RodríguezAlberto Rivera e Javi Ramos. Contamos coa inestimable axuda para a transcrición de Gonzalo da Cuña, quen non puido vir por estar enfermo.

Fotos: Equipo Compostimes, enbicipormadrid.es, rtve.es