El fútbol a sol y sombra
En resposta ás tantas tintas que ao longo dos anos escritores e pensadores verteron en críticas ao fútbol, Eduardo Galeano publicou no agosto de 1995 a primeira edición de El fútbol a sol y sombra. Novelista, poeta, ensaísta, xornalista e uruguaio, habitual violador das fronteiras que separan aos xéneros literarios, Galeano eloxia neste libro a grandeza mesma da práctica deste deporte, e cuspe con rabia sobre toda corrupción e intereses que o rodean.
A modo de pequenas anécdotas, este home que de neno “soamente xogaba ben mentres durmía”, explica a historia do fútbol coma unha decadente viaxe dende pracer ao deber. O de Montevideo ten anos e perspectiva suficientes para ver que o xogo co que soñaba e gozaba cando era novo, foise convertendo nun negocio explotado polos máis gordos empresarios capitalistas e no que tecnócratas impuxeron un xogo de velocidade e forza, prohibindo a ousadía e a fantasía.
Coa poesía que teñen os sudamericanos para dicir “fútbol”, fai un repaso ás orixes deste xogo e analiza con simpatía os roles de árbitros, xogadores, fanáticos e demais. A partir de aí, o libro segue unha liña cronolóxica apoiada na celebración dalgunhas olimpiadas e dos Mundiais, que lle serve de camiño para situar aos mellores equipos, xogadores e goles de todos os tempos. Tampouco esquece o charrúa, que por ese mesmo camiño de regates e gambetas, mil e un políticos argallaron – ou esconderon- os seus crimes.
O sol
Antes de que fai uns anos, se derrubasen as hipóteses de Galileo e Copérnico, e quedase confirmado que realmente o mundo xira arredor dun balón de fútbol, xa existían artistas -tal vez máis- que se adicaban a iso de xogar cunha pelota para deixar aos rivais mareados e ao público coa boca aberta.
Dende “La máquina” de River dos anos 30 á Francia de 1998, describe equipos que revolucionaron o xogo. Empezando por Zamora e acabando por Romario, acórdase de todos os grandes xogadores, dos seus goles e regates. Entre tanto, vai contando anécdotas como aquela de que soldados alemáns e ingleses na I Guerra Mundial decidiron parar de matarse para xogar un partidiño, ou a de como uns periodistas que cubrían a Guerra de Iugoslavia se zafaron dun tiro na cabeza gracias a un cromo de Hugo Sánchez.
O fútbol é un xogo, e nos xogos o único que importa é divertirse.
A sombra
Cando os grandes banqueiros, políticos e demais especuladores se decataron do gran interese que despertaba no “vulgo” o fútbol, non dubidaron en poñerse zarpas á obra. Pan e circo? Circo sen pan. Galeano non se esquece da selección alemá coa esvástica no peito, nin do Mundial de Arxentina organizado polo ditador Videla, nin do amiguismo tanto tempo practicado polo ex-presidente da FIFA, Havelange. É así, como, explicando os distintos fenómenos fixeron posible a cousificación dos xogadores e que converteron aos clubes en empresas, se debuxa a gran sombra negra que escurece a este deporte.
O fútbol é un negocio, e nos negocios o único que importa son os cartos.