Cineuropa, epicentro da farándula
Santiago, ese fito vivinte da galeguidade. Emblema de emblemas. Voceira da historia. Berce da arquitectura galega. Núcleo de intelectuais. Xermolo da universidade. Destino da fe. Bla, bla, bla… E agora, tamén, coma se non abondara, capital do cinema alternativo que enche de espuma as bocas de cantos se declaran amantes da sétima arte e que converte en cinéfilos ós que nunca pisaron unha sala. Cineuropa alimenta o mito.
Dende logo, o que non se lle pode negar a Santiago é o prestixio de ser o reduto por antonomasia da burocracia galega, unha grimosa e infecta atmosfera alimentada por un feixe de estudantes que adormecen máis se cabe o carácter xa de por si pachorrento desta “cidade” lenta e pesada. Quizais sexa xustamente a omnipresenza desta combinación institucional-estudantil que embaza a cidade o que, por unha mera extensión da arela egocéntrica e “auto-admiradora” propia de profesores, círculos culturetas e políticos, está a outorgar a Santiago un aire de farsa e esperpento que nin a película máis grotesca sería quen de acadar. Cineuropa condensa cada ano a crème de la crème da farándula que ó longo de todo o curso vai medrando entre aulas, cafés de escritores, clubs de debate…
Xa dende as dúas semanas previas ó inicio do festival un espasmo de exaltación cinematográfica azouta a cidade. “Nuns días comeza Cineuropa”, escóitase por todas partes. Caras de preocupación ante as xanelas de venda pechadas, intriga por ver o programa e máis aínda por como conseguilo, présas por mercar abonos e entradas antes de que se esgoten… “É Cineuropa, non pode estar mal; película que proxecten, éxito garantido”. Dogma de fe; e é que asistir a unha rolda de comentarios posterior a cada película é algo así coma escoitar un rabaño de ovellas balando. “Bueno, non estivo mal… Póñolle un 9”, escóitase con indiferenza. Do mesmo xeito que naquela famosa historia sobre un cadro de Kandinski colocado do revés no MOMA de Nova Iorque, que ningún experto puxo en tea de xuízo, as películas de Cineuropa son automaticamente catalogadas coma descubrimentos do cinema ocultos polas mafias do comercial. Cada filme é adorado e venerado. O sentido crítico e do gusto son neutralizados pola masa de febril fervor cultural que se apodera da cidade durante tres semanas. Tamén ó igual que aqueles entendidos en arte que lle prohibían á limpadora dun museo que retirase o seu caldeiro e a súa fregona (pezas, segundo eles, de valor incalculable), todo o que se proxecta en Cineuropa é susceptible de ser considerado un punto de inflexión na aprendizaxe audiovisual de cada espectador. Películas en versión orixinal! Escapar dos anuncios previos! Xente que non amola comendo trapalladas!… E toda esta pureza do cine fundida coa atmosfera inconfundible da cidade de pedra.
Por último, a grande despedida: a maratón, a declaración pública do amor polo cine, a congregación de fieis, o acto de consagración dos mártires da gran pantalla…
Lonxe de pretender negalo, e sendo perfectamente consciente do luxo que supón contar cunha alternativa deste calado nunha cidade coma Santiago, só busco mediante esta observación poñer en dúbida ata que punto está dirixida a opinión pública do noso entorno partindo dos comentarios suscitados polo festival Cineuropa. E é que no que se presupón a cidade cultural por excelencia da nosa terra o discurso crítico semella estar totalmente dirixido polo que se considera correcto. A folga Xeral de hai un par de semanas é outro dos paradigmas máis chamativos da inabarcable extensión desta farándula que se apodera de certos grupos e os despoxa de todo espírito crítico. Sen a menor implicación e coma se dunha comparsa se tratara, tódolos estudantes e tódolos funcionarios eramos de súpeto os líderes da militancia obreira dende detrás das tapas das terrazas e as barras dos bares; todos eramos declarados antisistema alleos ó xogo macabro do capitalismo. Agora, unha vez amosada a nosa personalidade política, pasamos con Cineuropa á fase seguinte de demostración artística e cultural. Alguén dá máis?