Catalunya: entre a autopista e o carreiro

A faciana do presentador de TV3 era todo un poema. Lembraba á de Alfredo Urdaci aquel 14 de marzo de 2004, evocando, ó tempo, a decepción e a sorpresa.

O reloxo marcaba as dez e media e o escenario aritmético parecíase confirmar: CiU gañara as eleccións. Mais o escenario político dicía o contrario. Por se a alguén lle quedaba algunha dúbida, as caras nas dúas sedes coverxentes -o hotel Majestic e a televisión pública- encargábanse de ilustralo. Ó fin e ó cabo a política, igual que a vida, móvese por expectativas. E as da coalición eran ben máis altas.

A “politización inocente”

A xornada electoral iniciárase moitas horas antes, cunha masiva afluencia ós centros de votación. As inusitadas colas adiantaban o elevadísimo índice de participación, que rozou o 70%. Todo un plus de lexitimidade para os resultados que saísen das urnas.

Nun colexio da Bonanova -barrio residencial da zona alta de Barcelona tradicionalmente afín ó PP- as familias acudían a votar en masa, no medio dun ambiente festivo como hai tempo non se recordaba. O entusiasmo percibíase nunhas clases de segundo de Bacharelato ateigadas de votantes, interventores e apoderados. Algúns deles eran ex-alumnos, agora militantes de Novas Xeracións.

Fóra, un valado marelo e vermello delimitaba a entrada, aínda non sei se por Cataluña, por España ou por casualidade. Ó seu carón, dous rapaces pequenos facían unha enquisa, mentres un par de vellas acordaban que o máis importante de todo isto era que despois das eleccións se mantivese a paz no mundo. A estampa semellaba máis propia da Transición ca dun país onde a clase política é o terceiro problema da cidadanía.

O resto da xornada foi transcorrendo con normalidade, tinguida dunha “politización inocente” que nada ten que ver coa sociedade polarizada que vende o eixo político-mediático madrileño.

Urdaci e os nenos

Ás oito do serán pecharon os colexios e saíu á luz a única enquisa a pé de urna. Esta aventuraba un sorprendente descenso de Convergència i Unió en favor da esquerda independentista, capitaneada por ERC e as CUP. A maioría daba por bos estes datos, pero os máis espelidos sabían que o voto oculto sería alto e facían chamamentos á prudencia de cara ós resultados definitivos. E non estaban errados.

Efectivamente, os primeiros datos reais amosaban un escenario ben diferente: o afundimento de CiU era moito maior aínda e, o que é máis importante, a suma das forzas unionistas aumentaba a súa representación. Parecía que o reconto comezara antes no cinto de Barcelona -área de forte inmigración e alto voto “constitucionalista”-, polo que todos asumían que se produciría unha corrección paulatina dos resultados que acabaría por minimizar o descenso converxente e confirmar o gran trunfo do soberanismo. Mais non foi así.

A coalición nacionalista apenas recuperou un par de escanos en toda a noite, mantendo, iso si, a barreira psicolóxica dos 50, xunto coa do millón de votos e a do 30% de porcentaxe. O segundo posto, moi disputado durante o reconto, acabou sendo para ERC: un dato moi simbólico que non debe pasar desapercibido cara ós futuros pactos. O polo soberanista  salvaba, pois, os papeis, tal e como recollían os máis asépticos medios internacionais -“Separatists winning in Catalonia”, era o teletipo de Reuters-. Mais en España esperábase outra cousa e as edicións dixitais das principais cabeceiras de Madrid e Barcelona preferían centrarse no fracaso de Mas. Unha vez máis, cuestión de expectativas.

Estabamos, de novo, nas dez e media. Apenas restaban uns minutos para a saída de Mas e o meu pensamento  bulía entre datos, declaracións e análises, mais había dúas imaxes que, por moito que quixera, non podía borrar da miña mente: a de Urdaci e a dos nenos.

As causas da derrota

As enquisas erraran estrepitosamente, como se tivesen  sido eses mesmos rapaces os encargados de recoller, ó longo e ancho de Cataluña, tódolos datos de intención de voto, confundindo os partidos e equivocándose nas operacións. O desconcerto era palpable nunha das maiores sorpresas electorais da última década.

Analizándoo ben, nada do que pasou onte debería estrañarnos. A aposta aberta de CiU pola independencia provocou unha gran fuxida de votos -sobre todo os afíns a Unió- cara a outras forzas políticas, nomeadamente o PP. Cabe lembrar que a coalición nacionalista nunca se pronunciara de xeito tan claro respecto deste asunto, ó manter tradicionalmente unha posición ambigua, cando non contraria, á secesión.

De feito, unha gran parte do electorado converxente é pouco amiga dos sobresaltos. Trátase da burguesía catalanista e conservadora, moito máis cómoda na política do “pau e a cenoria” de Pujol que en aventuras que non se sabe onde poden rematar. Calquera señorito de Sarriá ou Pedralbes conformaríase cun pacto fiscal como o que quedou superado polo novo escenario. Mas pensou que as clases medias compensarían esta eiva, mais non foi así.

Do outro lado, a maioría ampla que reclamou o president para tirar adiante o proceso non foi un argumento de peso para o electorado independentista, sabedor de que ERC e as CUP eran os únicos capaces de garantir a secesión, de aí o seu espectacular aumento -21 e 3 escanos respectivamente-. “De votar independencia, votemos ó orixinal, e non ó sucedáneo oportunista”, pensaron os electores.

Algo semellante, mais no senso contrario, pasou entre Ciutadans -un dos grandes vencedores da noite con 9 deputados-  e o PP (19), o que explica o escaso aumento dos populares, a pesar de ter recibido un grande trasvasamento de votos procedente de CiU.

Tampouco podemos desbotar o peso da cuestión ideolóxica nestas eleccións. Malia ter un discurso un tanto ambiguo no que ó soberanismo se refire, o PSC (20) e Iniciativa (13) non obtiveron malos resultados, cando menos para o que se esperaba. Os socialistas estaban contentos, pois os precedentes en Galicia e o País Vasco, o escaso carisma do seu líder e os vaticinios das enquisas presaxiaban un descenso aínda máis pronunciado. Pola súa banda, os de Joan Herrera obtiveron os mellores resultados da súa historia e configuran, xunto a ERC e ás CUP, unha ampla representación da chamada “esquerda transformadora” no parlament. Nestes dous últimos casos, os recortes de Mas tamén pasaron factura a CiU, ó decantarse parte do seu electorado progresista polo nacionalismo de esquerdas.

Así, pódese constatar que o sorprendente resultado non deixa de ter, por inesperado, unha explicación lóxica. Que pasou entón para que ninguén fose quen de valorar este escenario electoral? Endexamais o saberemos, mais semella que tódolos analistas subiron á onda político-mediática do proceso auspiciado por Artur Mas sen reparar nos moitos factores que determinan os resultados dos comicios nunha sociedade tan plural como a catalá. O propio Mas autoenganouse ó pensar que acadaría a maioría ampla que reclamaba para liderar o camiño cara á independencia. E con el enganámonos todos.

A resposta de Mas

Rematado o soño, tocaba reaccionar. Cun rostro de incredulidade, o president presentouse ante a súa militancia no hotel Majestic, improvisando un discurso que de seguro non tiña preparado. Tódalas olladas estaban postas no gran derrotado da noite… e a verdade é que non defraudou.

Mas recoñeceu que a situación na que queda o seu goberno tras estas eleccións é máis complicada que a que tiña antes e avogou por un executivo que teña como prioridade a saída da crise. Porén, o líder de CiU non renunciou ó proceso soberanista, aínda que puxo nun primeiro plano a idea do “dereito a decidir”, relegando ó outrora máis utilizado “estado propio”. Trátase dun matiz importante, pois pon de manifesto que, malia que mantén o compromiso de convocar a consulta, Mas deixa aberto o debate sobre a posición que a súa coalición poida adoptar encol da mesma.

De feito, os berros de “independencia” foron moito máis febles que no mitin do pasado venres,  reflexo do xerro de auga fría que supuxo este resultado para a arriscada aposta do president. Nese senso, todo parece indicar que o tema da consulta quedará para a segunda metade da lexislatura, deixando á política económica como asunto principal de goberno nos vindeiros dous anos.

E agora que?

Cunhas prioridades ou con outras, o certo é que o próximo gabinete precisará de máis apoios que os de CiU para levar a termo as súas políticas. E aí Mas tamén deu moitas pistas. Na súa segunda intervención -dirixida ós seareiros que o agardaban ás portas do hotel Majestic-, o líder converxente recoñeceu que a coalición nacionalista non poderá liderar soa o camiño cara a consulta e demandou a “corresponsabilidade” doutros partidos. Tratábase dun guiño a ERC, moi aplaudido dende a rúa. A continuación, o president engadiu unha frase que amosa ás claras a súa intención de pactos de cara á vindeira lexislatura:

“Mais hai unha cousa que pode que non vos guste tanto -interrompe os aplausos-: tamén haberá que acordar a política do día a día con outras formacións.”

Á vista destas palabras, o escenario preferido por Convergéncia i Unió parece pasar por un goberno en minoría que acade apoios estables dos republicanos nas cuestións identitarias e dos populares nos asuntos económicos. Un escenario un tanto idílico se temos en conta o fracaso da aposta de Mas, pero que non semella tan lonxe de se poder producir.

De momento, ERC xa ten insinuado que non participará dun goberno en coalición con CiU, sabedor de que isto suporía sepultar o gran capital político que teñen gañado nestas eleccións. Pola súa banda, o PP non pecha a porta a nada, malia que as súas relacións cos converxentes se teñen deteriorado gravemente nos últimos meses.

As xuntanzas de hoxe tamén serviron para ir clarificando as estratexias do resto dos partidos, que pasan polo rexeitamento a calquera pacto con CiU no caso do PSC, a unión de toda a esquerda proposta por ICV ou a petición de dimisión formulada por Albert Rivera contra o president.

Conclusións

A partir de agora, ábrese un “proceso de reflexión” -en palabras do propio Mas- no que as diferentes cartas terán que ser postas boca arriba. Se para algo servían estas eleccións era precisamente para que a cidadanía avalase as propostas dos diferentes partidos, lexitimando así calquera proceso que se puidese iniciar.

Pois ben, o veredicto, aínda que ambiguo, amosa dúas conclusións claras:

Por unha banda, a cidadanía outorgoulle unha ampla maioría á dereita, aínda que máis reducida que no 2010 e menor da esperada. En liñas xerais, o pobo catalán ten aprobado as políticas de recortes dos gobernos de Barcelona e Madrid, mais con matices. Así, e malia certas lecturas interesadas, o certo é que o tripartito non pode -por unha cuestión aritmética- constituír unha alternativa de goberno.

Pola outra banda, as opcións independentistas -CiU, ERC e CUP- suman 74 deputados, que ascenden a 87 se contamos a ICV. O polo soberanista acapara, polo tanto, case dous terzos da cámara, a pesar de ter aumentado apenas un escano, moito menos do agardado.

Ante este novo escenario, equivocaríase o goberno de Rajoy se segue mirando cara a outro lado, obviando a existencia dun problema independentista en Cataluña. Pero máis se equivocaría Artur Mas se, coa súa nova situación de debilidade política e a división -que non crispación- social respecto da independencia que amosan os resultados, continuase a súa perigosa deriva mesiánica que tan ben exemplifica o cartel electoral de CiU.

Os procesos deste tipo requiren grandes consensos, xa non entre Cataluña e España, senón dentro da propia sociedade catalá. Nese senso, o máis que probable freo na escalada independentista dos converxentes –implícito no discurso que onte pronunciou o president– parece debuxar un novo camiño intermedio que discorre como unha ponte sobre a fenda aberta o 11-S: o camiño dunha consulta legal, o dun Estado federal, ou, a saber, o da recuperación do pacto fiscal.

Sexa cal for o seu destino final, estas eleccións supoñen a primeira pedra deste novo trazado. O futuro acabará por revelarnos se este acada a categoría de autopista ou queda reducido a un humilde carreiro.