Canteira ou carteira?
Entre canteira e carteira simplemente existe unha letra de diferenza. Porén, ese cambio entre o “n” e o “r” supón unha diferencia tremendamente substancial. Falamos quizais dos dous modelos de entender a planificación dun club de fútbol na actualidade. Dúas filosofías opostas, que poden ser complementarias ás veces, pero que crean enorme polémica entre seguidores, directivos, xornalistas e incluso entre os propios xogadores e adestradores.
A canteira é o sustento inicial de calquera equipo de fútbol. Trátase de formar xogadores, de esperar a que maduren e mentres preparalos para xogar no primeiro equipo. Todos os equipos a teñen, o que pasa é que algúns apostan máis por ela que outros, normalmente en función do presuposto (ou o coñecido como “carteira”). A filosofía da carteira plantéxase cando un equipo busca incorporar xogadores de fóra co obxectivo de facelo máis forte. Evidentemente, isto conleva un desenvolso económico maior ou menor. Porén, os modelos puros, xa sexan dun extremo ou doutro, son claramente utópicos.
En España temos exemplos que se poden achegar bastante as filosofías puras. O Athletic de Bilbao é un club que aposta claramente pola canteira. Lezama é o seu lugar de formación e de alí saíron as pezas fundamentais de tódolos equipos históricos da cidade bilbaína. A filosofía está clara: xogadores da casa ou xogadores do País Vasco (ou con antecedentes nese lugar). Porén, como xa afirmabamos antes o modelo é imposible que sexa “puro” ao cento por cento xa que o equipo de San Mamés tamén fai fichaxes, a maior ou menor escala, pero os fai. Aínda así, quizais sexa a filosofía de canteira máis clara do fútbol español. Un exemplo para todos os clubes do país, tendo en conta que con esta base o equipo vasco nunca descendeu de primeira división, compartindo esta honra con Real Madrid e Barcelona.
Falando dos dous grandes, na actualidade existe un gran debate sobre ás súas contrapostas filosofías. Hoxe en día, o Barcelona aposta firmemente pola Masía grazas a chegada de Pep Guardiola e a continuación do modelo por parte de Tito Vilanova. Noutro bando, na “casa blanca”, Mourinho non da demasiadas oportunidades aos rapaces formados en Valdebebas. Historicamente, isto non foi sempre así xa que os dous equipos tiveron épocas de canteira e outras de carteira. E na actualidade, ningún dos modelos é tremendamente puro. O Barcelona reforza algunha das súas posicións máis importantes con fichaxes de calidade para complementar o que ten na casa. Aínda así o modelo culé é admirable e está dando grandes resultados apostando polo xogo de toque dende as categorías inferiores. O Real Madrid tamén ten xogadores de canteira no equipo aínda que sexan escasos, polo tanto o modelo de carteira tampouco é puro ao cen por cen. De tódolos xeitos, algo estase facendo mal pola capital de España cando nos últimos da súa canteira escaparon xoias do nivel de Juan Mata, Roberto Soldado ou Álvaro Negredo.
E que pasa co resto de equipos? Pois o resto de equipos acostuman a combinar canteira e carteira con mellores ou peores resultados. Se hai cartos custa tirar bastante polo da casa, mentres que en tempos de fame o propio parece o mellor do mundo. Na actualidade existen equipos forxados grazas a canteira como o Celta de Vigo ou o Espanyol. Outros, apostan pola carteira con resultados desiguais, aínda que cabe destacar a intelixencia dun equipo como o Levante á hora de incorporar xogadores. Un equipo de carteira low-cost que tenta codearse cos grandes do noso fútbol.
A conclusión final é que o modelo perfecto atópase no equilibrio e sobre todo na análise técnica do que un equipo ten na casa e do que necesita incorporar de fóra. Haberá épocas mellores de canteira e outras onde haxa que tirar de fichaxes. No termo medio, e no equilibrio do gasto estaría o resultado perfecto. O problema é que isto case nunca se fixo así na maioría dos clubes españois. E se alguén non o ten tan claro, non ten máis que observar as débedas dos clubes de fútbol.