Buscando a contundencia
Cando se fala do Deportivo da Coruña e do Celta de Vigo calquera pode pensar que nos atopamos con dúas realidades totalmente antagónicas e sen puntos en común. A Coruña e Vigo, dous polos opostos con camiños diferentes onde parece difícil acadar un punto de encontro. Porén, nos últimos tempos as realidades dos dous equipos máis importantes da comunidade galega non se atopan tan afastadas.
Na tempada pasada, os dous retornaron a máxima categoría do fútbol español da man. Os herculinos foron os primeiros en logralo e, unha semana despois, os vigueses tamén acadaron a gloria pola mesma vía: o ascenso directo. Chegaba o momento do retorno ao fútbol de elite para dous equipos que pasaran do máis alto (xogar competicións europeas practicamente tódolos anos) ata o máis baixo (coa súa estancia en segunda división). Tendo en conta os problemas económicos de ámbolos conxuntos, cos do sur saíndo dunha lei concursal e cos do norte camiño dela, facer un equipo competitivo para primeira división parecía unha tarefa moi dura e a situación clasificatoria é un evidente reflexo do ano que queda por sufrir en terras galegas. O máis curioso é que os problemas que sofren os dous conxuntos, os que ultimamente lles están levando a deixar de sumar prezados puntos, son exactamente os mesmos.
Deportivo e Celta son capaces de xerar moito perigo na área do seu rival. Non hai máis que analizar os dous últimos partidos ante o Levante ou o Mallorca. Porén, para marcar un gol parece que necesitan máis de dez ocasións. O problema da contundencia arriba é grave xa que en primeira división escasean as chegadas claras e os equipos acostuman a ser bastantes prácticos e efectivos nelas. Non foi o caso dos galegos nas últimas xornadas e deberán mellorar os seus números de cara á porta contraria senón queren vivir un final de ano de infarto.
Marcar goles é complicado, pero o cóctel convértense en mortal se cada vez que o rival chega a túa área deixas facilidades. As defensas do Deportivo e do Celta non están sendo nin moito menos as máis fiables da liga. A irregularidade, sumada tamén as numerosas lesións que sufriron ámbolos dous conxuntos na parcela defensiva, están traendo de cabeza a Oltra e a Herrera. É un problema grave xa que sen unha defensa de garantías parece complicado asegurar a permanencia. Simplemente con contundencia atrás e adiante, moitos equipos do mesmo nivel que os dous galegos transitan pola media táboa sen excesivos apuros. Un exemplo claro disto é o Levante, un equipo que baseándose nunha defensa forte sabe aproveitar as súas escasas ocasións para levarse os encontros. Probablemente o seu xogo non sexa nin moito menos o mellor de primeira, pero ninguén lles pode discutir nada a nivel de efectividade. Unha clasificación para a Europa League e o cuarto posto actual avalan ao equipo de Juan Ignacio Martínez.
Non quero ser alarmista, pero Celta e Deportivo deben arranxar os seus problemas de contundencia canto antes, xa que son os típicos síntomas de equipos destinados a pasalo moi mal. Esa falta de contundencia, unida as doses de mala sorte nas últimas xornadas, é o que os está condeando aos postos baixos da táboa tras un esperanzador inicio. Recuperando a fortaleza defensiva e sendo efectivos, sobran motivos para crer na salvación. Pero sobre todo, sobran ilusión e ganas, algo que en ningún dos dous casos se pode botar en cara, senón todo o contrario.