Blas e Caneda: vidas paralelas

Un bo día do ano 2001, o estudante filipino-estadounidense Dino Ignacio decidiu acabar co aburrimento que o asediaba creando unha páxina web, Bert is evil (Blas é malo). Nela, Photoshop mediante, o personaxe de Barrio Sésamo aparecía en contextos bastante diferentes da casa que compartía con Epi: Blas entre a multitude no asasinato de Kennedy, Blas facendo de fiel escudeiro de Adolf Hitler, un Blas iracundo xunto a un encapuchado do Ku Klux Klan… A páxina de Ignacio era unha máis entre a constelación de webs satíricas e maléficas do universo de Internet. Nada novo baixo Googlebot.

Porén, outro bo día dende unha IP calquera alguén descargou a imaxe na que saía Blas, cóbado con cóbado con Osama Bin Laden. Se alguén rastrease esa IP atoparía sen dificultade que estaba situada en Bangladesh. O seu propietario era o dono dunha copistería e, coas Torres Xemelgas aínda botando fume e os marines poñendo os seus primeiros pés e as súas primeiras botas en Afganistán, creu que vender camisetas e pósters cunha foto chula de Osama sería un éxito comercial (ó parecer Barrio Sésamo non é coñecido en Bangladesh, o cal explica ese 44% de analfabetismo no país). Ó avezado copista non lle enganaba o sentido comercial. Ás poucas semanas, multitudes enfervorecidas se manifestaban no mundo árabe contra a presenza norteamericana portando imaxes do gamberro collage de Dino Ignacio. Despois de que o potente equipo de avogados de Children’s Television Workshop, liderados polo Monstro das Galletas, estudiase accións legais contra Ignacio, este pechou a súa páxina web cunha sentenza lapidaria: “isto achégase demasiado á realidade”.

Blas e Osama: antes e despois.

A anécdota de Dino Ignacio recóllea o gurú (no sentido menos pexorativo da palabra) Henry Jenkins no seu libro Convergence Culture, como podía ter reproducido outras 20572890 historias semellantes. Aínda que moitos non consigan borrar esa idea da cabeza, a conclusión de Ignacio é absolutamente certa: Internet é parte da realidade.

En Compostimes puidemos vivir isto en carne propia. Un bo día decidimos publica-la xa arquicoñecida entrevista con José María Caneda. Non sabemos se el a chegou a ler, mais estou convencido de que pensaba que a repercusión das súas palabras ían ser case nula. Que importarían as historias del, un presidente de club de fútbol da vella escola, no proceloso océano da Internet, gorida de comentaristas de marca.com, piratas musicais e buscadores compulsivos de porno?

Facebook, Twitter e a indiscutible interese da entrevista fixeron o seu traballo para contradicir os hipotéticos pensamentos do expresidente da SD Compostela. Centos de persoas viron, leron e gustaron da entrevista, incluído algún que outro xornalista deportivo. Antonte a entrevista xa foi transplantada do seu hábitat natural internauta á televisión, personificada na cara do sorprendido locutor que leu as verbas de Caneda durante oito minutos. Onte, a historia chegou a oídos de Radio Coruña-Cadena SER e a lóxica dos grupos mediáticos fixo o resto. Portada da edición dixital do Diario As, protagonista dunha tertulia de case vinte minutos nun programa de Marca TV e merecedora dun espazo no Diario As de papel, nalgúns diarios salmantinos e, sobre todo, no De Luns a Venres. Aquela entrevista que Caneda concedeu a un modesto xornal de Internet sito en Compostela dera xa a volta a España.

Un recordo para nós do De Luns a Venres

Coido que é imposible describir os sentimentos que todo o equipo redactor de Compostimes vivimos onte. Ledicia, orgullo, vértixe, mesmo medo, e sobre todo a sensación de que todo se “achegaba demasiado á realidade”. O “episodio Caneda” axudounos a lembrar algo: que en Internet todo o mundo pode ter voz, e que os que xa sempre a tiveron (léase grandes medios) teñen que aguzar moito a vista e o sentido arácnido/xornalístico para non perder comba da realidade.

Todos aqueles que din que Internet e a globalización monopolizan cada vez máis a información minten. Os grupos mediáticos poden chegar a máis xente, si, pero outros milleiros de persoas poden acceder a un soño que antes semellaba inacadable: difundi-las súas ideas sen máis límites co número de internautas que desexase lelas e compartilas. Antes, o poder de difusión érao todo: a merda viña en paquetiños asinados por un gran medio e a xente sorría ó abrila e empaparse do arrecendo a manipulación. Agora, os internautas teñen unha alternativa: gozar do privilexio de seren eles mesmos quen lles din ós seus contactos “le isto, é bo”.

Só así se explica que un xornal coma o noso, recén nado, gañase case mil seguidores en Facebook e Twitter en moi pouco tempo. Porque hai a quen lle gusta o que facemos e considera que ós seus amigos tamén lles pode gustar. Este é o único capital, os únicos distribuidores, dun medio en internet. Mentres, un coñecido diario perde centos de followers despois de despedir 129 xornalistas. Porque ós internautas gústanos procrastinar e ver vídeos chorras, pero tamén informarnos. E informarnos ben.

Para os curiosos: despois da súa fazaña planetaria, Dino Ignacio acabou de deseñador de videoxogos en Electronic Arts. Como acabará Compostimes? A resposta está só nas vosas mans, queridos lectores.