Australia: mellor non vaias

“Traerasme un canguro”, comentario orixinal onde os haxa no momento en que alguén se entera de que viaxas a Australia. Isto amosa a nosa ignorancia do TODO que alí un se pode atopar, deixando moi de lado calquera dos tres tipos de canguros que ocupan o gran país do outro lado da terra.

Australia pertence ó continente de Oceanía e dise que o seu nome procede do latín “terra australis incognita”, que vén sendo “terra descoñecida do sur”. Leva máis de 42.000 anos ocupada polos seus aborixes ata que no século XVIII o capitán James Cook reclamou o territorio para a coroa británica.

Dende o seu descubrimento centos de cidadáns da Gran Bretaña se sentiron atraídos pola nova colonia e comezaron a emigrar, minando os plans orixinais do goberno inglés de enviar aos presidiarios. O país foi desenvolvéndose e medrando, ao igual que o seu afán pola independencia que os levou a crear a Confederación Australiana en 1901.

Watson Bay, a 15 minutos do centro de Sidney

Australia é o sexto país máis grande do mundo… Tanto espazo para tan pouca xente! A maior parte do territorio está deshabitada e a poboación concéntrase nas principais cidades e nas zonas de costa. Todos coñecemos Melbourne, Brisbane, Perth ou Sidney, a capital… ou non? Pois non, aínda que sexa popularmente coñecida como tal por ser a cidade máis poboada, Sidney non é a capital, senón Canberra. Esta foi construida dende cero en 1908 e, por moito que sexa a sede do Goberno Australiano, non hai tanto que dicir dela coma da súa ”sede cultural”: hoxe falaremos de Sidney e dos fermosos lugares que a rodean.

 

Atmosfera

Soará repetitivo, mais non hai mellor adxectivo que defina Sidney que multicultural. Camiñando polo paseo de Bondi Beach o último que escoitas é unha palabra en inglés: turistas e forasteiros con linguas latinas enchen as rúas e fan que a cidade semelle máis viva aínda ca do que está. E cando non somos os latinos sempre atopamos coreanos ou xaponeses que dan o toque especial. De todos os xeitos, e como dato para apuntar, case é preferible entenderse en coreano e non no terrible inglés dos australianos. Cando un se atopa cun señor maior que amais de estar sen dentes ten ese cruel acento… Iso si, na maior parte dos casos moi riquiños.

O ambiente, a afabilidade e simpatía coa que todos somos ben recibidos alí fan que un se sinta coma na casa. Un dos motivos quizais sexa (e con isto non pretendo quitarlle o mérito ao bo humor dos australianos) a ausencia de prexuizos contra o inmigrante, pois sempre foron ben recibidos coa idea de chegar a poboar o territorio.

Padal

Esta diversidade de culturas vese representada de maneira fiel na restauración. Lonxe das esixencias dos que acostumamos comer caldo galego, establecementos con comida típica de centos de países enchen as rúas de Sidney. Iso si: de centos de países excepto do australiano. Unha das poucas desvantaxes (se é que se lle pode denominar deste xeito) que atopamos é que non teñen unha cultura gastronómica propia. Presumen das ‘pies’, mais moitos coinciden en que a adoptaron como propia tras serlle brindada polos británicos. Poderíamos falar do ‘bush tucker’ (pato con setas, alcachofas e salsa de ameixas), un plato típico dos aborixes, mais é tan difícil de atopar que non sei se é que os propios nativos se esqueceron de que existe. Perderían a súa gastronomía debido ás influencias foráneas ou fariamoslle un favor levando as nosas receitas ao continente?

 Terra

Wombat

Unha das cousas que máis axuda ao ambiente do lugar é o seu entorno natural. Se aos galegos, que estamos rodeados, como se adoita dicir, de verde e azul, nos sorprende e apaixoa todo aquilo, non me quero imaxinar a aqueles que proveñen das grandes cidades europeas. A flora e fauna australianas son un mundo aparte, é algo así como atoparse aos nosos seres vivos modificados xenéticamente: dende árbores con madeiros dez veces máis grosos ata animais coma o wombat, que eu definiría como un porco con pelo e cara de coello. Tan común como aquí son as pombas ou gaivotas, alí son as cacatúas e outros paxaros de aparencia extraña.

Teño que falar dos canguros e dos koalas? Parada obrigada. Estes últimos non os vin na vida salvaxe, tan só puiden velos nos zoos mortos de sono, nos que probablemente estivesen drogados polos coidadores co fin de mantelos espertos… Outra cousa son os ‘kangaroos’, que saltan polos montes australianos ó igual que as lebres polos galegos.

Flores en Watson Bay

Aínda habendo flores semellantes ás nosas, atópanse outras totalmente diferentes e dunhas cores tan radiantes que dan ganas de probalas. Pero (e isto é importante) NADA sería o mesmo se non se coidara todo como se coida. Todo está impoluto e protexido, ningún hábitat foi alterado recentemente, e tanto o goberno coma os cidadáns coidan da súa natureza como de ouro se tratase. Porque ten máis valor incluso que o ouro para eles e para calquera que vexa aquilo. Algo digno de admirar e do que todos nós deberiamos tomar exemplo, pena que se atope tan lonxe e que case non nos chegue a súa influencia.

Que buscas?

Sidney non é só un lugar multicultural e cheo de vida, tamén é “multifacetas”.

Ollada ós rañaceos dende os Royal Botanic Gardens

Persoalmente, o máis extraordinario para min foi o choque entre o natural e o urbano. Visitar Sidney é toda unha aventura: mentres paseas entre edificios podes ir dar a un dos múltiples parques naturais no medio e medio da cidade. O mesmo ocorre co océano: ponte na punta do pé ao saír dun dos grandes centros comerciais e poderás chegar a ver o mar que baña a urbe. Ó igual que cos edificios antigos, o máis natural é atoparte cunha pequena capela entre dous altos rañaceos.

Que che interesa? Sidney é unha urbe chea de edificacións, museos e tendas. Natureza? Está repleta de parques naturais e montes cercanos, praias a cinco minutos en autobús, así coma un porto con vistas preciosas ao mar. Para saír de marcha está a Oxford Street e o famoso King Cross (aínda que tamén é o barrio vermello…), pero as rúas paralelas á Bondi Beach non se quedan atrás!

Que lle falta? Os que amamos Compostela sentimos un baleiro ao non atopar unha zona vella ou, máis ben, rimos ao visitar o que eles chaman ‘zona vella’, The Rocks, que conta con pouco máis de 200 anos.

E, por certo, se buscas traballo… Alí tamén o atopas. Pode que non da túa profesión, mais é moi fácil gañarse a vida alí. Sexa de camareiro, de repartidor ou limpando, pero cuns salarios bastante decentes para o nivel de vida australiano.

Recreo

Opera House

Para falar de turismo xa temos as guías de viaxes, aínda así… A Opera House, o edificio máis famoso de Australia, gusta unha vez que xa o levas moi visto. Non son a primeira (nin serei a última) que leva unha decepción ao atoparse con el, mais o encanto que desprende non deixa a un indiferente despois de uns días na cidade. Fai unha estampa preciosa en conxunción co Harbour Bridge, sobre todo de noite.

Xa comentei algo sobre a ‘zona vella’, The Rocks, as rúas antigas de Sidney que, sen dúbida, paga a pena ver. Sobre todo os sábados pola mañá onde se monta unha especie de feira.

O Darling Harbour, un dos portos da cidade organizado única e exclusivamente para o turismo, cheo de bares e tendas. Ten certo encanto impropio das zonas turísticas. Nel atopamos a Chinatown, nada diferente do resto das cidades chinas que todos coñecemos, pero dun tamaño incrible!

Os parques da cidade son os Royal Botanic Gardens e o Hyde Park, en fronte do cal atopamos a Catedral de Santa María, pouco comentada nas guías e de moi merecida visita.

Un non marcha sen ser un verdadeiro turista se non sube á Sidney Tower, onde hai unha panorámica perfecta de toda a cidade, ou sen ir a un dos múltiples zoos, en especial ó Katoomba.

Como recomendacións persoais aconsello visitar lugares dos arredores de Sidney (a rede de transportes é FANTÁSTICA) como Newcastle, Manly ou Watson Bay, este último cheo de acantilados abruptos coma os galegos. E sobre todo as Blue Mountains, unha paisaxe asombrosa.

Orixinalidades

Algo sorprendente é que o salario mínimo dos australianos está fixado nuns 2.155 € ao mes. Polo tanto para nós todo é estremadamente caro. En especial o tabaco, o alcol e os snacks.

Bandeira australiana

Australia semella unha mestura entre os Estados Unidos e Reino Unido… E conducen pola esquerda, importante! Ademais tamén teñen ese sentido patriótico, con bandeiras australianas ‘everywhere’.

Non me esquezo da gran cultura surfeira e do monopatín que alí existe. Rapaces e rapazas, se o que queredes é visitar o país para ver se atopades un mozo ou moza coma os das películas, deses que saen do mar despois de surfear ca melena ó aire… Si. Ide. É o lugar idóneo. Son todos bastante agraciados! Pero non vos asustedes cando os vexades camiñar descalzos pola rúa, polos bares, polas tendas… Porque é algo bastante usual (e non só nas zonas de praia) aínda que noxento para o meu gusto!

Está moi lonxe, é certo. Horas e horas viaxando nas que un cre non chegar nunca… En cambio, que rápido pasa se miramos o camiño percorrido nun mapa. E aínda así paga tanto a pena “achegarse” por ver todo aquilo… Cada hora da viaxe tradúcese nun novo coñecemento adquirido, nunha novidade na túa vida e en curiosidades que producen en ti un choque cultural grandioso.

Todo o mundo avisa ao igual que avisamos os de Compostimes: “Mellor non o leas”. Pois iso: mellor non vaias, se o fas ten por seguro que vas volver.