As verdades de Caneda (parte II)
Trala publicación o pasado mércores da primeira parte (clicade aquí para lela) da nosa entrevista con Jose María Caneda (presidente do Compostela nos seus anos máis gloriosos), hoxe presentamos a segunda e definitiva parte da longa conversa que mantivemos con el durante preto de tres horas.
Como foron os seus últimos anos do Compostela? Por exemplo, cando colleu ó equipo e voltou a 2ªB.
Volveuse a demostrar o que eu dicía de que esta cidade non tiña vocación deportiva. Eu baixei dúas veces por temas económicos, porén, deportivamente ascendín moitas veces. As dúas veces que baixei foi por culpa de que as autoridades non cumpriron o pactado. O Compostela foi á ruína porque non tiña un presidente millonario que en calquera momento puidera poñer cen ou douscentos millóns.
Se debes moito diñeiro non teñen “huevos” a botarte fóra porque debes moito. Se debes moitísimo desde o mesmo banco non che permiten que vaias abaixo porque se debes moito non tes problema, o problema é do banco.
Hai tres anos o equipo baixou a preferente por deber setenta mil euros. Ó mesmo tempo quedaba unha praza libre en terceira que valía máis de cen mil euros. Ofreceu vostede cartos por esa praza?
Na lei di que unha vez que ti descendes por débedas hai un rigor que é que o primeiro que quedou sen ascender na seguinte categoría ten dereito a pagar a túa débeda. Se non quere a praza, o que a perdeu ten dereito a recuperala pagando a prazos o que debe. Nós fixemos iso e non o admitiron. Se eu nese momento denuncio á federación galega teñen que indemnizarme porque están incumprindo a lei.
Non quixen loitar máis pero eu sempre lle gañei tódolos preitos á federación como cando dicían que non podía entrar en 2ªB e lle fixen poxar ó xuíz a praza.
Foi cando os meteron no grupo 2 ao non haber sitio no 1?
“A cojones”.
Non bota de menos estar no mundo do fútbol?
Sempre o botas de menos, pero ó final xa nin os fillos queren nin a muller queren (estar metidos no mundo do fútbol). Se fose por min botaba toda a vida. Gústame iso, gústanme os medios, gústame esbardallar, pásoo en grande, sei que entendo diso, se me vacilan encántame que me vacilen e vacilar…
Por vostede seguiría no Compostela?
Si, non o dubides.
Gustaríalle volver algún día?
Non (con rotundidade).
E se non fose ó Compostela gustaríalle fichar por outro equipo ou estar nalgún equipo modesto?
Este ano fixéronme ofertas de equipos profesionais para ir para a dirección deportiva.
Quixéronme contratar este ano de varios equipos. Concretamente o Ourense, do Oviedo e do Rayo Vallecano
Entón hai algo de certo no do Ourense deste verán?
Chamáronme do Ourense sete políticos. Incluso lles pasamos unha oferta dun grupo ruso. E eu se non aceptei foi porque querían que eu fose para alí.
Pódese saber que grupo ruso estaba detrás? Era o mesmo que estaba detrás do equipo ciclista cando estaba Karpin?
O de Karpin coñézoo eu mellor que ninguén. Era o mesmo avogado, un israelita. Tiveron dificultades co concello, querían facer moito pero non lles deixaron así que os rusos mandáronos á merda, dálles igual inverter aquí que noutro lado.
É o mesmo grupo que ten os equipos de Moscova.
Este avogado que che digo eu pagábame 2.800 millóns de pesetas polas miñas accións cando o Compostela estaba en primeira.
Arrepíntese de non telas vendido?
Fixen o “Quijote”.
Tanto por vostede como polo ben do Compostela?
Máis ben polo meu ben. Eu non son “forofo” do Compostela, metinme alí por unha obrigación e despois vaste metendo, vas avalando… Se non tivera avalado tería marchado moito antes.
Entón por que lle gustaría seguir toda a vida coma dixo antes se non é por sentimento?
Porque ninguén quere retirarse e morrer sentado no sofá. Tes que ter algo que te encha.
Para vostede o Compostela era unha distracción?
Si, é unha distracción moi grande ter unha desculpa para marchar a Sevilla, a Madrid, a Venezuela, a Brasil ou a onde sexa. Eu unha vez tiña unha invitación para ir a unha festa nun cruceiro invitado por Pelé, onde había moitos representantes de futbolistas, unha gran cea, etc. Como non ía ir eu, Epifanio Campo, un amigo meu que tiña máis cartos que un toureiro, pediume a invitación e chamámoslle á secretaria e díxonos que non, que era única e intransferible para o señor Caneda. Pelé invitaba ós presidentes do fútbol español pero a cambio el íache pedir cousas.
Entón vostede bota de menos os medios e o “revuelo” que tiña antes?
Os medios non, senón o estar entretido. O saír da casa e dicir, teño que facer algo. A min traballar agora faime dano, quero velo a quilómetros. O fútbol para min era unha diversión que me gustaba dirixir, pero non como os das peñas, que son capaces de animar, insultar, etc.
Segue indo a ver ao Compostela?
Non, nada, deixeino todo. Xa nin sequera vin estes días ó Madrid nin ó Barcelona.
Por outro lado, tivo máis ofertas dalgún outro club?
Tiven unha oferta do Rayo Vallecano, que xa é a terceira vez que mo ofrecen.
De Martín Presa?
Si, do seu grupo… realmente Martín Presa é un “testaferro” de Ruíz Mateos.
En que cargo?
Tiña que facer de mánager xeral. Dar a cara e controlar todo o que son os fichaxes e todo o demais.
Algunha oferta máis?
Este ano chamáronme tamén do Oviedo.
Entón vostede é recoñecido no mundo do fútbol a pesar do que din?
Si home, a min chámanme moito, principalmente dos grupos que teñen diñeiro, que non se atreven eles porque non saben. Eu deille as grazas pero nunca aceptei ir para ningún lado. Non sei se me ficharían xa que nunca entrei niso. É coma no Pontevedra con Nino Mirón e co alcalde. Díxenlle a eles textualmente que “ó equipo ó que nunca iría sería ó Pontevedra porque tedes enchufados cinco fillos de cinco políticos”.
Cre que o fútbol agora non da tanto espectáculo coma antes? Está todo moito máis profesionalizado e controlado?
Depende, como depende dos presidentes. Na miña época era un espectáculo, pero os presidentes non son os que teñen que dar o espectáculo… Chegou un momento no que o fútbol estaba tan morto… por exemplo o Atlético estaba morto ata que chegou Gil, que quería dar espectáculo e que falasen moito de leas porque el sabía que así falaban do Atlético de Madrid. De feito Gil grazas ao Atlético chegou á alcaldía de Marbella.
Que pensa do que dicía Gil de que “o importante é que falen de nós aínda que sexa mal”?
Eu usei a mesma táctica pero educadamente. Doutro estilo facíao Ramón Mendoza. Lendoiro tamén era un tipo polémico nos seus momentos. Despois acougou desde cando fomos a Toledo e lle quixeron “petar”. Grazas a José María Caneda non o fixeron.
A lea con Gil empezou porque nunha reunión da LFP lle dixen: “Cállate hombre, que no eres más que un bulto de carne con ojos, no sé como puedes ser alcalde de Marbella”
Que pasou aí?
A lea xa comezou dúas semanas antes en Toledo. Despois foi en Madrid cando Gil lle dixo a Lendoiro, con este en posesión da palabra: “sal de ahí, papadas, deja de hablar, no hables más”. Eu díxenlle ó do Celta que o secretario da LFP Jesús Samper non estaba alí e que Jesús Gil tampouco. Saín fóra e vin a Samper berrando: “Jesús, ven rápido que está hablando Lendoiro y nos va a joder la marrana”. Era un tema de televisión e debía de estar cerquiña de cerrarse xa que estaba Lendoiro falando e aclarando todo. Entón entrou Jesús Gil berrando: “gallego, fuera de ahí”, cunha falta de respeto mentres os outros se rían e díxenlle eu: “oye Jesús, deja a Lendoiro terminar de hablar y cuando termine de hablar, hablas tú”. Replicoume conque me calara, que era un chivato, e empezou a tocar os collóns. E claro, a min saíume o que digo cando non sei que chamarlle a alguén e díxenlle: “Cállate hombre, que no eres más que un bulto de carne con ojos, no sé como puedes ser alcalde de Marbella”. Gil aí empezoume a chamar delincuente, e díxenlle eu: “Delincuente es ti, sabe dios como están as contas de Marbella”.
E nas xuntas da Liga de Fútbol Profesional (LFP) non cree que de hai demasiado segredismo?
Na LFP hai grupos moi definidos, por exemplo cando eu cheguei, o voto do Madrid e do Barcelona valía por seis. Eu e mais o presidente do Mérida, porque boicoteamos como sempre, conseguimos igualar a un equipo, un voto. Igual que acabei co de non deixar ir ás mulleres ós palcos de fútbol.
Non podían ir?
No palco do Bernabeu, nin do Betis nin en ningún.
Era unha norma escrita ou unha norma falada?
Era unha norma que coñecía todo o mundo, pero non estaba escrita. Eu acabei con isto. Cheguei unha vez ó bar do Bernabéu e non había sitio para as mulleres. Entón dixen eu que nós nos iamos. Lorenzo Sanz insistía en que non marchase e eu dixen que se non había sitio para dúas mulleres marchabamos. Tiveron que levantarse dous directivos do Madrid e deixar libre o sitio.
E logo cando viñeron aquí eu tíñalle unha ringleira enteira para as mulleres do Real Madrid e díxenlle a Lorenzo Sanz: “copiad de los aldeanos”.
Cando fomos ao campo do Betis igual, pero eran escravos da concelleira de deportes e díxenlle eu: “Señora concejala, ¿cómo permite que Lopera y estos que están aquí no les dejen venir al campo?. Ustedes quieren igualar en la política a las mujeres y en el fútbol no se logra”. Entón propuxen na LFP que as mulleres puidesen entrar nos palcos e foi aceptado. No libro de notas hai “cinco normas José María Caneda”. Así quedou establecido.
Volvendo ó tema das mulleres, María Teresa Rivero (a muller de Ruíz Mateos) chegou a ser presidenta do Rayo Vallecano.
Xa, pero antes iso era imposible. Cando aparecía unha muller no palco xa a miraban mal. Aquilo era como o palco secreto para falar de todo e tamén, o que me preguntabades antes, grupos moi definidos porque hai quen ten complexos. Eu por exemplo sempre estiven no grupo dos grandes a pesar de ser un pequeno, porque eu era un ignorante e a ignorancia é moi atrevida. Eu nunca tiven complexo de ninguén, ademais presumía diso. Xa mo dicía meu pai “un home nunca se debe sentir superior a outro, inferior tampouco”. Se ti fas ben as cousas non debes de avergoñarte de nada. O limpabotas se limpa ben as botas é tan artista como o catedrático. Somos humanos. Aquel é catedrático, aquel é cura… nun campo de fútbol somos todos iguais. En que te vas a diferenciar do resto? Se ó fin e ó cabo tes 20 amigos e non son todos médicos ou xornalistas. Cada un é o que é.
Esas son as diferenzas que existen na LFP. A maioría de presidentes, a excepción de Lendoiro ou algún máis, non lle importa a reunión porque xa a levan matizada co presidente da Liga por teléfono. Para eles é unha escapatoria que teñen porque no hotel xa teñen esperando á puta. Eles dinlle a muller que van a reunión dous ou tres días pero ao final a reunión dura dúas horas. Son xente con moitos cartos que cada certo tempo teñen unha escapada. Están aburridos das mulleres e tamén as mulleres deles, claro.
Podemos dicir entón que o fútbol é como unha mafia?
Mira, os presidentes de fútbol que o viven e que realmente moven o fútbol saben ata se os árbitros teñen queridas, se teñen hipotecas e toda a información sobre eles.
Eu denuncei amaños e non fixeron caso. Un día contra o Castilla pitáronme dous penaltis a favor que non eran e así gañei o partido. Villar díxome que así xa estabamos á par.
Segundo iso, estamos vendendo o fútbol como unha serie de amaños, dopaxe…
A de veces que denunciei eu amaños e vendas de partidos e que non me fixeron caso. Todo o contrario, o único que fixeron foi ameazarme. Por exemplo chamoume un día Villar e díxome: “Jose María, tes que retirar a denuncia”. Eu insistinlle en que non a ía retirar, pero el díxome que a retirara que a cambio me ían facer un favor. Ó final retireina e foi un ano no que estivemos en Segunda e o equipo non andaba nin para adiante nin para atrás e tocábanos ir a xogar contra o Castilla, contra o Madrid B. Entón el díxome: “¿Mañana vas a la ciudad deportiva, no? Mi deuda va a quedar resuelta”. Só me dixo unha cousa máis: que xogara quen xogara de dianteiro centro, se pegara ó central todo o tempo e forcexeara con el.
Cando chegou o partido o noso dianteiro, que non me acordo quen era, fíxolle dúas faltas clarísimas ó central e pitounos dous penaltis a favor nosa. Chegamos a área en todo partido dúas veces e con eses dous penaltis gañamos 0-2. Cando acabou o partido chamoume e díxome: “¿estamos a la par vale?”. Así funciona todo.
Vostede recoñece que o favoreceron directamente moitas veces?
Si, e outras tanto me perxudicaron. Árbitros como Japón Sevilla ou Daudén Ibáñez, que me descendeu contra o Villarreal. Houbo dous penaltis clarísimos a Mauro que non os pita. E daquela corría moito diñeiro.
Nós aquel ano que descendemos con 46 puntos, algo que agora é imposible, e o Oviedo quedou na categoría con 42 porque había unha norma absurda, un playoff absurdo. Entón o presidente do Salamanca, Pepe Hidalgo, deulle a Figo e compañía a través de Giovanella 500 millóns de pesetas para todo o Barcelona. O Barcelona acababa de proclamarse campión de liga o domingo anterior e perdeu 0-4 no Camp Nou ante o Salamanca que era o pechacancelas. E o Salamanca promocionou.
Entón quere vostede dicir que na mafia unhas veces se gana e outras se perde.
Como nas xogadas do árbitro unhas veces saes favorecido e outras perxudicado. Agora, normalmente, porque está metido así na mente do árbitro, sempre se vai equivocar máis en contra do Compostela que do Real Madrid.
E máis se é no Bernabéu?
Si, porque hai esa tendencia. A non ser que sexa un árbitro destes que lle ten fobia aos grandes e pita en contra deles. Eu sei dun árbitro que cada vez que pitaba unha falta en contra deles chiscábame un ollo porque estaba “machacando” a un xogador do Deportivo, acórdome perfectamente. Entón, cada vez, chiscábame un ollo. E ó final terminou expulsándoo.
Era unha táctica que tiña eu cando adestraba. Se o árbitro lle ensinaba un cartón amarelo a aquel xogador, eu mandaba dous xogadores pegados a el e meter todos os balóns sobre esa zona. Ós dez minutos ese xogador tiña que estar fóra do campo. Buscaba facer que fallara ou que tivera un “estacazo”, e senón me saía ben pois “jodíame”.
O que non podes pensar é que o fútbol é limpo.
O fútbol e o deporte en xeral, ou cantos máis cartos move un deporte máis mafioso é?
Imos ver, os cartos que se substraen e que non se xustifican, son máis, iso está claro. As primas son distintas, as subvencións tamén… fanse favores a xogadores como acudir con eles a ver a un construtor ou a un banqueiro de confianza.
Entón como se xustificaban os cartos?
O que se facía era repartir os cartos entre os xogadores, porque senón tiñas que devolverllos a facenda. Por iso non se declara a taquilla do estadio, ou se declara de menos, para non ter que xustificar todo.
Ademais ti tíñalo todo controlado aínda que ti realmente á entrada non lle pos nin o prezo. Ti pos a entrada de tribuna a 50 euros e despois declárala a 20 euros e, ó non levar o prezo, ninguén che pode demostrar que a cobraches a 50.
O cancro fundamental que teñen os equipos de fútbol hoxe en día é Facenda. Un equipo traballa para Facenda. Do que cobras tes que entregar un 45%, das entradas o 23%, e das subvencións igual. Realmente do que ti traballas como un desgraciado avalando, o 50% vai para Facenda.
Cambiando de tema, como ve o Compostela actual? Cre que hai unha base para estar en Segunda ou Segunda B?
Está na mellor situación para que o colla unha persoa que sabe de fútbol e en tres anos máis ou menos situalo en Primeira. É moito máis fácil que daquela que tiñas que xogar un playoff con catro equipos. Agora ti en terceira quedas primeiro, ganas un playoff e xa ascendes. Antes había que xogar todos contra todos. En segunda igual, que agora hai 22 equipos, iso tamén é culpa miña.
Como pasou iso?
Iso foi cando botaron ó Sevilla e ó Celta e despois os readmitiron porque montei un “follón” en Madrid pola televisión. Lendoiro sempre me dixo que me ía a arrepentir diso. Despois non lles pagaban a televisión e eu dixen que aquí perdíamos todos 10 millóns e eles quedaban igual ca nós. Cobraron grazas a min e ó presidente do Zaragoza que nos negamos a firmar outra cousa e tiña que haber unanimidade nas decisións.
É como cando eu collín o club en Terceira, e me dixeron que se quería recibir todos os convenios me tiña que facer cargo de todas as débedas do Compostela, e máis das do Pontevedra e do Arousa. Foron 187 millóns máis outros trinta e pico creo. E daquela 200 millóns non eran moco de pavo. Eu sacábaos nun xogador.
O bo que ten o fútbol de Primeira é iso, que podes vender ben e sacar moitos cartos nun só ano. Houbo un ano en que saquei 2.000 millóns vendendo a xogadores como Coira e todos estes que saíron do equipo de División de Honra, onde o Compostela tiña un equipazo. O noso fútbol base era o mellor de Galicia. Fútbol base sen campos, xa que estaba todo moi mal estruturado. Dan leccións agora de como facer o fútbol base, pero eu daquela tiña os mellores adestradores do fútbol galego.
Vostede estivo metido polo que nos contou en todos os amaños do Compostela? Tanto a favor como en contra.
Eu vivín amaños de partidos doutros e recoñezo que os hai. No Compostela non. Eu coñecín moitos casos pero pola miña parte non.
Cambiando de tema, que opina desa creación que foi o Cidade de Santiago?
Era un equipo que non tiña apoio moral, de ningún tipo. Había tres equipos, o Grixoa, que está moi apuntalado pola súa forma de ser, porque ten unhas familias e unha xente que vive moito ese equipo xa que aínda que caian chuzos todos os domingos van 500 persoas seguras, non depende de nada máis do que eles sexan capaces de facer. Aínda así todo é culpa da gran labor que está facendo Eugenio e a xente que o rodea. É un equipo de aldea, como o Amio no que estiven eu. Outro equipo que nunca desaparecerá xa que sempre ten aqueles que apostan por el. Polo tanto só hai sitio para equipos así.
O que eu quería facer con Antonio foi unha fusión entre o Cidade de Santiago e o Compostela. Nesa fusión todos sabíamos que desaparecía o Compostela, que tiña débedas, pero o Cidade de Santiago sairía co nome de Compostela porque eu vendía a a patente de Campus Stellae e o Cidade de Santiago sairía co nome de Compostela. Pero el non quixo facelo por se o sabía a xente e foi un grave erro.
Non cre que simplemente el quixo actuar como unha persoa honrada?
O outro non é honrado igual ca min, o outro é peor. É mafia pura. Eu non estou dicindo que eu se podo non pague, só estou dicindo que nesta opción se algún tiña que desaparecer, pois que desaparecese o que máis débeda tiña.
Ademais, como xa vos dixen antes, se pasan dous anos despois de baixar por impagos e non ascendes xa non tes que pagar, os xogadores cobran polo fondo de compensación. Iso é ser un home de negocios. Ademais, eu pasei doce anos pagando as débedas doutros equipos sen eu telas. Porque ese fondo de compensación provén das quinielas e dunha parte das televisións que che obrigan a ter por ese mester.
Entón todos estes anuncios de xogadores que quedan sen cobrar, vostede afirma que son mentira, que cobran por este fondo?
Cobraron todos. Cando foi que o Compostela baixou por débedas a Gegunda, porque non me pagou o concello 180 millóns, daquela cobrou todo o mundo xa que pagou o Leganés. Hai que coñecer as normas do fútbol. O que queira unha praza de fútbol profesional dun equipo que baixou por impagos ten que pagar a débeda. Ten unha vantaxe, xa que podes pagar a débeda a tantos anos vista. Podes facer un aval bancario, ou a LFP descóntacho do que tes que percibir das quinielas ou dos ingresos televisivos. Porén, se baixas por débedas quedas sen estes privilexios, é algo así coma un castigo e iso non se pode aludir. Os xogadores do Compostela sempre cobraron todo. O que si, é que moitas veces puideron evitar que o equipo baixase por débedas xa que lles dixen que esperaran e acababan cobrando.
Eu o gran problema que tiven e que se en vez de ser un presidente sen cartos fose un presidente millonario, por 200 millóns de pesetas non baixaba. O problema é facer un equipo por xestión como fixen eu, sen ter un peso. A min ninguén, no fútbol español, me pode ensinar a fichar. E iso que no fútbol hai xente moi intelixente, por exemplo, Eugenio, o presidente do Grixoa é dos que as sabe todas. Para chegar tarde ó fútbol, sabe moito.
Por que en 2010 quixo botar do club a Pablo Castro, Rubén Márquez e a Jesús Torres?
Só botei a Torres, pero porque me montaba folgas tódolos días no vestiario e dixen, “ala, fóra!”. Claro, non podías pagar porque o concello non che pagaba, estaba cansado de poñer cartos e entón díxenlle eu os xogadores: “esperade, ata que o concello non pague non cobrades, e senón como o club é meu, póñoo a subasta e o que dean, cobrádelo”. Non quixeron e quedaron sen cobrar. Despois cobraron polo fondo de compensación, iso si.
E que é complicado se non cumpren os convenios…
A ver, eu paguei moi ben en primeira e en segunda mentres os convenios se cumpriron. Cando a televisión deixou de pagar, que me deben 3 anos, pois foise ó carallo. Se ó Deportivo e o Celta lle deixaran tres anos sen pagar…
Pero por que deixaron de pagar? Algún interese tiñan que ter.
Pois porque o Compostela como baixara con superávit, e non é nin Dépor ni Celta pois estorbáballe. A TVG e o goberno galego tiña que asumir nos seus presupostos o gasto de 3 equipos de primeira, pero daquela xa había variacións. A Deputación da Coruña dáballe ao Deportivo 300 millóns a nós dábanos 30.
Quen era o encargado da TVG nese momento?
Paco Campos, o elemento ese…
Que pasou con el?
Paco Campos foi onde min, e díxome: “firma porque na TVG quedamos sen contrato e ímoscho agradecer, porque Celta e Dépor firmaron con Canal+ e quedamos sen contrato de televisión”. E díxenlle: “lévao Antonio Asensio, e se el quere por min non hai problema”. Fomos a Madrid, falaron con Antonio Asensio e Paco Campos veu comigo e díxome: “José María, si algún día hay algún problema o bajas vamos a tratar de…”, vamos a tratar de que? Non me pagaron, fillos de puta!
E aínda seguen sen pagar?
Está no Supremo, pero deses xa non cobramos máis. Como non é un ben social, un tema de Estado, pois non cobras.
Un día vin a Pérez Varela que saía da Praza de Galicia, ía cunha perna escaiolada, era o conselleiro mentres Paco Campos era o presidente da televisión, entonces vino coa perna como a tiña e díxenlle: “-¿qué le pasó? –Rompí una pierna”, e dixen: “se rompera a cabeza xa tiña o contrato cobrado!”.
E xa que fala dun escaiolado… Como foi a súa historia co árbitro de Burela?
Foi cando volvín a coller ó Compostela outra vez. No 2005 ou 2006. Dixo: “que veña aquí o delegado”, e díxenlle: “pero que escabechina montaches aquí!”, e el: “usted é imbécil”. Buf, o sarxento da policía apartouno…. Pero enterouse o alcalde de Vilalba e denunciáronme de oficio. Chamei á garda civil e dixeron: “el señor Caneda estaba enfurecido ya, estaba fuera de sí, pero el árbitro le llamó imbécil sin venir a nada, simplemente le recriminó lo que hizo en el campo pero nada más”. Non me acordo se foron 5000 ou 6000 euros de multa que non paguei.
Volvendo á polémica coa TVG, quen gobernaba no Concello daquela?
Bugallo. Eu comprei 63.000 metros de terreo para facer una cidade deportiva, pero cando viron a bicoca “jodéronme” os terreos e vendéronllos ós seus amiguetes en 150 millóns de pesetas. Agora revendéronos no Polígono de Costa Vella en 1175 millóns. Ía facer 8 campos de fútbol. Dicía El Correo Gallego, “el día que un presidente haga una ciudad deportiva, digno de chapeau”. Aquí hai unha ignorancia tremenda, porque ti vas por Europa e América adiante, e as mellores cidades deportivas en Arxentina, por exemplo, están na factoría Volvo. En Alemaña na Mercedes, en Stuttgart. Mesturan a industria co deporte. Hai unha ignorancia terrible.
Foi unha idiotez del, pero é certo que Nacho non quixo ir á selección española polos seus ideais
Para ir rematando, unhas últimas preguntiñas. É certo que Nacho, un dos seus xogadores, non quixo ir a selección española polas súas ideas?
Iso é unha idiotez del, polas súas ideas, pero é certo. Falaban o outro día en Intereconomía de que era todo un bulo, pero non teñen nin idea. Foi verdade, de feito chamoume a min Clemente e díxome: “Pero José María (¿cómo no va a ir a la selección?)”. E eu: “Tú tienes paisanos vascos que tampoco quieren ir a la selección”. Entón Clemente dixo: “Pero van”. Respondinlle eu: “’¡Algunos! Otros dijeron que no iban y no fueron.”
Sabe dalgún máis?
No País Vasco existiron algúns máis: Larrazábal….que eu recorde. O fútbol é moi complicado. É moi fácil, pero ó mesmo tempo ten tantas trampas que tes que coñecelas moi ben. Eu tiven salvado ó Compostela por habilidade, moitas veces, por saber simplemente as trampas do fútbol, senón cómenche as orellas.
Ó presidente actual, por exemplo, como non espabile cómenlle as orellas. El gasta 460 millóns este ano, eu non chegaba a 200.000 euros e fixemos 108 puntos cando ascendemos. E este vainas pasar “canutas” a pesar desa inversión. Eu comenteille o outro día que non por gastar máis cartos es mellor. Mira o Grixoa que equipazo ten este ano e con moito menos presuposto que o ano pasado.
Que opina da Cidade da Cultura?
Paréceme unha auténtica animalada. Nun coto que non ve ninguén montar unha Cidade da Cultura… 500 millóns de euros. A que van dedicar iso? O único para sacarlle rendibilidade é montar barras americanas aí!
En serio, eu aí metería consellerías, o Parlamento e almacéns pequenos. Todo aí concentrado. Creo que é o que vai pasar o día de mañá. De feito xa están levando cousas, certas cousas xa as están levando para alí sen dicir nada.
Por último, dous nomes. Joselu (xogador do Compostela e máximo goleador nacional con 14 goles).
Un bo dianteiro centro que chegará a segunda.
E agora, defina a José María Caneda.
O presidente máis polémico do fútbol español xunto con Jesús Gil.
Entrevista realizada por Roi Rodríguez, Francisco Rego e Alberto Rivera. Agradecementos tamén a Juanma Serrano e Gonzalo Da Cuña pola súa gran axuda na transcrición da entrevista.
Fotos: Alberto Rivera e Revista Deportes (Captura de pantalla)