As primeiras horas do 14-N

Cando dixemos en Twitter que Compostimes ía facer folga á xaponesa algún tomaríanos a broma, pero falabamos moi en serio. Ademais da primeira parte da xa case histórica entrevista a Caneda, que vai camiño de bater todos os récords deste humilde xornal, preparamos unha cobertura intensa das manifestacións e piquetes que puidestes ir seguindo polas redes sociais.

O prezo que houbo que pagar por manter esta mentalidade nipona no día de onte reflectiuse con cargo directo ás nosas horas de sono. Logo de querer comprobar á medianoite se nos desaloxarían dun coñecido pub de Santiago, cousa que non sucedeu, percorremos o centro da cidade á caza do piquete perdido e atopámolo a iso da unha e cuarto da mañá. Pouco numeroso, e aínda menos ruidoso, bloqueou a entrada ao Opencor durante uns minutos. Fixemos a foto de rigor co móbil para deixar constancia de que estabamos ao pé da noticia e fomos deitarnos cun pequeno regusto de decepción.

Un mércores calquera comezo as clases ás once da mañá, co cal é practicamente imposible verme esperto antes das dez. Metido no papel de oficinista de Yokohama, e con pouco máis de cinco horas de sono, antes das oito e media da mañá xa estaba chegando ás inmediacións da Facultade de Medicina cando observei o gran esperpento: Un docente pasaba lista nos exteriores (nin sequera á porta, senón a carón dunha das paredes laterais) mentres os piquetes estudantís intentaban disuadila. A mesma señora que defendía de xeito vehemente o seu dereito ao traballo increpaba aos xornalistas que alí o estaban exercendo. Todos sabemos que ser profesor na USC non implica, en absoluto, ser coherente.

A mañá semellaba comezar o suficientemente animada como para mitigar o frío compostelán. Chegaban membros destacados da Liga Estudantil Galega e o piquete de Medicina comezaba a facerse máis numeroso. Portas bloqueadas, charlas persuasivas a alumnos que querían entrar á clase, algún coche de paso que insultaba aos estudantes e primeiros berros de “esquirol”. Tralo peche definitivo do centro o grupo alí concentrado dividiuse: uns foron dirección Campus Vida (onde se rumoreaba que os altercados estaban a ser maiores) e outros seguiron polo Norte. Unido a estes segundos e a ritmo de gaita e percusión vin como foron caendo todas as facultades polas que pasaba a comitiva: desde a reticente Odontoloxía ata unha deserta Económicas, pasando polas irresistivas Ciencias da Comunicación e Filoloxía.

O Campus Norte quedaba pechado practicamente ao completo e eu gardaba algunha anécdota no peto: membros do piquete que paraban a coller cafés nas máquinas da universidades saltándose a folga de consumo, paseantes que lle chaman a atención a estudantes e que logo resultan ser profesores, xente que pregunta por Compostimes… Pouco me quedaba por facer alí así que fun almorzar, descansar unha horiña e marchar para a manifestación, pero coido que iso xa o van contar outros.