As ligas universitarias están de volta

Voltaron as ligas universitarias, onde xa levamos dúas ou tres semanas de competición, dependendo da categoría, nas ligas de fútbol 11, fútbol sala e baloncesto. Voltou esa ilusión inicial de lograr ser os campións de categoría que vai en aumentou ou en receso segundo os resultados que imos acadando, xa que ao principio todos soñamos con chegar ao máis alto do podio universitario.

Temos de novo connosco as nosas benqueridas ligas universitarias. Esas nas que nos xogamos a vida mentres perdemos algunha clase.

Cando é a primeira vez que creamos un equipo a motivación é máxima e todos nos acercamos á nosa tenda de deportes de confianza a mercar camisolas da mesma cor e na maioría das veces numeradas e co nome nas costas. Logo ao chegar á pista ou ao campo e ver que o resto de equipos simplemente xogan cuns petos ou con camisetas que se parecen no ton da cor xa non repetimos a compra nunca máis.

O primeiro risco ante un partido de liga universitaria, sexa o deporte que sexa, sempre é o de xuntar o mínimo de xogadores para poder xogar ou polo menos para ter algún suplente. Os horarios dos partidos nunca están a gusto de todos e sempre hai alguén que teña algunha práctica obrigatoria ou algunha titoría (maldito plan Boloña) ou simplemente que o día anterior pechou Apolo e non é persoa para poder xogar e render. Pero non, aquí non é Roures quen pon os horarios.

Cando non xuntamos os xogadores suficientes sempre temos amigos de man que parece que nunca teñen clase xa que sempre poden aos que chamamos e coamos coa TUI doutro. E si, non digades que non, todos o temos feito algunha vez.

Se xuntamos o mínimo de xogadores e podemos xogar veñen os problemas co terreo de xogo. Todos temos maldicido o lonxe que queda o pavillón onde se xoga a competición de fútbol sala, ou ese frío pavillón de baloncesto onde ou o balón non bota dereito ou a pista esvara demasiado para os nosos zapatos.

Mención aparte merece ese gran campo de terra que temos na USC onde se xoga (por chamarlle de boa maneira) ao fútbol. Area que vira vermella, o nunca visto. Por non falar desas liñas do campo que nunca se ven. O milagre nese terreo é o de non acabar con ningunha arañada.

Os árbitros sempre son outro gran problema, non son profesionais, claro está, pero non hai partido no que non se remate discutindo con alguén aínda que pite mellor que un árbitro da Liga BBVA (cousa non moi difícil). Creo que xa o facemos por inercia, por darlle algo de tensión ao partido, discutimos aínda que sexa polo tempo que queda.

Ao rematar despois dunha gran malleira, a favor ou en contra (raro é o partido que acaba en empate ou igualado), toca o momento de marchar tomar unhas cañas xa que ao fin e ao cabo é para o que nos xuntamos, iso si, tras pasar por esas duchas, que raro é o momento no que están a unha temperatura correcta xa que ou queiman ou xean.

E o que negue algunha das cousas citadas, simplemente, minte.

Fotos: Nélida Rojo (fútbol) e Charlie Peartree (Baloncesto)