As Cancelas abre as súas cancelas

Nunca a rúa do Vintecinco de Xullo coñeceu tanto tránsito coma o de onte. Cal era a chamada a este multitudinario desfile? A tan agardada apertura do novo centro comercial As Cancelas, na cidade compostelá.  Dende ben cedo as colas de xente impaciente por baleirar as súas carteiras e fundir as tarxetas de crédito foron crecendo ó redor das ben protexidas portas do espazo comercial. Non se fixo distinción de sexo, idade, ou situación laboral (de feito, as carpetas da USC abundaban no mesmo momento da apertura).  Despois de anos de espera, había que vivir en carne propia a chegada de tendas ausentes en Santiago ata o momento, ou aínda que tan só fose por ver en que se inverteron tantos millóns, como dicían algúns dos señores ós que o H&M non é que lles arranxe o armario.

Fotografía Charlie Peartree

Sexa polo que fose, ás doce en punto da mañá debuxábase unha marea de xente a carón da cinta protectora das portas. O olor a caldo e a suor provocada polo sol inesperado que asomou esa mañá na cidade, axudaban a aumentar a tensión dos máis impacientes. Un momento… olor a caldo? Non, non había ningunha avoa alimentando ós seus netos a media mañá, foi o cóctel elixido polos amabilísimos organizadores para amenizar a espera, que malia non ter demasiado éxito deulle ó evento un toque do máis galego.

Descontos de ata o 20% en diferentes tendas, así coma rumores de posibles lacóns e viño ós cen primeiros, motivaron á xente a agardar e agardar. Milleiros de coches entraban no parking gratuíto, autobuses a abarrotar de xente chegaban, mentres que se escoitaban preguntas tales coma: “-Cal é a orde? Primark, H&M e Inditex? –Buf, mellor será ir a Lefties primeiro, non?”.  Recordade que a organización foi sempre fundamental en toda boa xestión. A conta atrás marcou o comezo das carreiras cara ó interior do local. Miles de papeis azuis voaron por enriba das cabezas dos asistentes ó mesmo tempo que soaba  o incesante “ka-ching” dunha máquina rexistradora. Os berros e as carreiras foron iniciadas ó instante, menos por aqueles que quedaron pasmados, abraiandos pola sorpresa de benvida. Xa estamos dentro. Onde imos? Onde están as cousas? Benqueridos lectores, recordade tres cuestións fundamentais para non semellar Hansel e Gretel voltando á casa. Planta baixa: alimentación; primeira planta: compras e máis compras; segunda planta: a repoñer enerxías nos múltiples restaurantes ou descansar vendo unha película nos novos Cinesa. Todo aquel que estivese nalgún momento en Marineda City pode facerse unha ampla idea de cómo é a distribución do espazo así coma a decoración do mesmo.

Fotografía Charlie Peartree

Como era de esperar, as primeiras visitas recibíronas H&M,  o magnifico Primark de dous pisos, Lefties  ou Springfield, novidade en Santiago en canto a roupa feminina. Descoñezo se os beneficios foron os agardados, pero dende logo a imposibilidade de andar nas tendas e as colas de entrada, saída, probadores e caixa, daban a entender un éxito rotundo da iniciativa. O certo é que o deporte coñecido como shopping contiña dificultades na cidade universitaria. A necesidade dun espazo comercial no que se xuntaran as principais marcas e lugares de ocio era palpable, aínda que a proposta é máis ambiciosa, e pretende abarcar lugares limítrofes que ata o momento se trasladaban á Coruña en busca de grandes centros comerciais. O tempo diranos cal é o rumbo de As Cancelas, pero o certo é que xa o día da inauguración encontrabamos xente de fóra que non quixo perder a oportunidade destas imprevistas rebaixas e descontos.

E ti fuches á apertura? Tes pensado ir en breve? De non ser así, agora xunto cun bo orzamento, organización e estes adiantos, penso que estás máis que capacitado para pasar un agradable día de gasto.