O Arteal-Santiago loita cos grandes do tenis de mesa
Carlos David Machado e He Zhi Wen son nomes descoñecidos dentro do deporte mundial. Ambos estiveron nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 representando a España no tenis de mesa. O primeiro caía na eliminatoria inicial e o segundo, apodado “Juanito”, perdeu na terceira rolda fronte o 15º favorito. Agora é cando a algún lle vén a memoria ese partido de ping-pong que estaba botando Teledeporte no que un español tiña a opción de pasar de ronda.
Pois o tenis de mesa non só existe cando hai Xogos Olímpicos. Aínda que non o pareza en Compostela temos un equipo, que milita na máxima categoría, dese deporte tan pouco atractivo para as televisións como é o tenis de mesa. O Arteal-Santiago está actualmente de colíder xunto ó Irún Leka Enea, que visita o Multiusos Fontes do Sar este sábado para decidir quen seguirá mandando na clasificación trala sétima xornada.
Das seis quendas disputadas o conxunto santiagués suma catro victorias, un empate e unha derrota. Xogando na casa a traxectoria está a ser inmaculada con tan só un punto encaixado. É fóra da casa onde hai marxe de mellora. O empate acadado en Girona contra L’escala soubo a pouco tras ser os cataláns os que conseguiron igualar a partida no último choque. A única derrota foi en Priego de Córdoba, onde o actual campión de liga, o Cajasur, deu un serio correctivo ós composteláns tras vencer por 4-0. Alí, no equipo cordobés está a xogar agora Shuai Lin, ata a tempada pasada xogador do Arteal. Substituíu no equipo prieguense ó nacionalizado español e mencionado na primeira liña He Zhi Wen “Juanito”. Así, Shuai Lin forma unha dupla case invencible co outro olímpico por España en 2012, Carlos Machado. Este ano volverán a ser o equipo a bater.
Pola súa parte o Arteal tamén se reforzou ante a marcha do seu mellor xogador. O portugués José Enio Mendes fixo a viaxe inversa á de Shuai Lin e pasou do conxunto cordobés ó Arteal. Xunto a el segue un compatriota, Diogo Miguel Ferreira. Ademáis, completando o terceto atópase o español Pere Navarro. Estes son os homes que están a manter ó Arteal no alto da clasificación da Superdivisión Masculina de tenis de mesa e que terán a oportunidade de facelo en solitario se vencen ó Irún Leka Enea.

Enio Mendes do Arteal (azul) e Shuai Lin do Cajasur Priego (vermello) durante un partido desta tempada
En definitiva, en Santiago non só hai fútbol sala ou baloncesto de alto nivel, co Arteal temos un claro exemplo do que é un equipo desde as categorías inferiores ata o primeiro equipo e tendo en conta que tanto masculino como feminino están no alto. O equipo feminino xa o trataremos noutro momento.
Para todos os que desexen presenciar tenis de mesa de moi alto nivel, este sábado ás 11:30 horas no Multiusos Fontes do Sar comezará o encontro entre os líderes da clasificación, do cal pode ser que o Arteal quede encabezándoa.