Adrián Tojo: “Explicar ben as matemáticas e a física non é caro”

Nunha época convulsa na que aos novos se lles acusa de traballar pouco e saír moito, a sociedade dá xenios coma os que nos acompañan hoxe. Adrián Fernández Tojo e Yago Bea Besada son dous licenciados en matemáticas e física, respectivamente, chegados de Madrid co logro do premio Arquímedes de Introdución á Investigación Científica. Adrián acadou o primeiro premio na disciplina das Ciencias Exactas e Iago logrou un accesit dentro do mesmo eido. Reunímonos con eles, como non, na Facultade de Matemáticas para que nos conten como foi a experiencia que deixou á USC por todo o alto e, tamén, para que nos acheguen o seu punto de vista sobre outras cuestións.

Adrián, fuches o mellor investigador na túa área dentro do premio Arquímedes. Canto traballo hai detrás dun premio coma o que ti lograches?
Este traballo comezou hai un ano e uns catro meses e foi o meu traballo de fin de máster. Eu coñecín ao que é agora meu titor para a tese, Alberto Cabada, que se me presentou para dirixir o meu traballo, que foi o que logo decidín presentar ao premio Arquímedes.

Foi entón un traballo de moito tempo e esforzo.
O certame Arquímedes ten unhas pautas á hora de analizar os traballos. Evidentemente, un traballo que teña opcións de gañar ten que ser o suficientemente elaborado. Ademais está pensado para proxectos de fin de grao ou de fin de máster que impliquen un ano ou, cando menos, uns meses detrás.

 Tiñamos a idea de que se podía extraer unha función de Green e, efectivamente, atopeina”

Foi o teu titor, Alberto Cabada, quen te animou a presentarte?
Si. Salira a convocatoria que eu xa vira, o que sendo bolseiro (ou non séndoo que é o problema que temos agora), hai que estar atentos a calquera convocatoria que saia. Cando a vin dixen, por que non? É algo que me sae gratis, entón pois a ver se cae algo.

O teu traballo leva por nome: “Ecuacións diferenciais con involucións”. Por que elixiches este tema como eixo?
O tema propúxoo o meu titor. Ademais eu estaba interesado neste tipo de ecuacións e, de feito, tiñamos unha idea de que para un problema como  o que metemos no traballo se podería extraer unha función de Green. Fixeramos un par de cálculos preliminares e foi o que me animou a presentalo. Seguín investigando ao respecto e desenvolvín este tema. Ao final, efectivamente, atopei a función de Green e outros resultados que incluín no traballo.

Adrián Fernández Tojo
© Lara S. Santos

O feito de abrir novas liñas de investigación no eido matemático é o que inclina a pesa para decidir quen se leva un premio coma este?
Evidentemente, os resultados obtidos inflúen na decisión do xurado á hora de dar o premio ou non, pero eu creo que conta moito a forma de expor o traballo, a seriedade coa que está presentado. Unha vez que accede ao certame valóranse aspectos como: como fixeches a exposición, como respostaches ás preguntas e outra serie de cousas. Hai que ter en conta tamén que o xurado do certame está composto por persoas que non son especialistas na túa área, co cal non se van a guiar só polos resultados, senón tamén por outros motivos.

Ti es un dos membros do Club de Debate Compostela. Foi un aspecto positivo de cara á presentación do traballo?
Si, sen lugar a dúbidas. Cando cheguei alí e tiven que facer a exposición xa tiña unha idea clara do que tiña que dicir e, sobre todo, de como o tiña que dicir, tendo en conta que o público non era especializado. No caso de xente especializada na materia non tería tanto coidado á hora de presentar os datos porque sei que o van entender, que o van mirar na literatura ou van preguntar algo directamente. Aquí, se non es capaz de transmitir a esencia dun traballo non van conseguir entendelo.

Como te sintes logo de que o teu traballo abrira novas liñas de investigación no campo das matemáticas?
Estou moderadamente orgulloso do meu traballo, porque considero que é algo bastante interesante e, sobre todo, hai un esforzo nel e creo que iso se nota. Ademais, o feito de que recoñecesen o meu traballo con este premio halágame.

No teu caso Iago, o traballo que presentaches e co que conseguiches un dos accesit leva por nome: “Adición de sabor á correspondencia de ADS/CFT”. De que trata?
O traballo está enmarcado dentro do que denominamos física teórica. É un tema moi matemático e tamén moi abstracto que está dentro do que se chama a teoría de cordas. Porén, o que é a correspondencia ADS/CFT resulta ser unha ferramenta moi útil para outros eidos. Adición de sabor é un termo que fai referencia a aproximar desde un punto de vista máis teórico teorías físicas que teñan lugar na natureza. Temos algo que xa coñecemos e o que queremos é aproximar para engadir sabor.

O titor fai o papel dun pai que ensina ao seu fillo a andar en bicicleta”

Xa che interesaba este tema desde os teus estudos en física ou foi unha suxestión do teu titor, Alfonso Vázquez?
O tema concreto foi suxestión do meu titor. Eu quería facer algo vencellado á física teórica, pero cando finalizas a carreira e comezas o máster non tes coñecementos concretos, coñecementos fondos do tema. Precisas que alguén che diga que tes que facer, así que el me propuxo este traballo. Tívome que explicar o tema, xa que non se aborda durante a carreira, para logo poder realizar algo concreto e elaborar o traballo.

Que papel xogan os vosos titores no éxito acadado?
Iago
: O titor é moi importante neste tipo de traballos porque é o que che pon un problema diante que está sen resolver para que ti intentes resolvelo. Esa é realmente a base do papel dun titor. Ademais diso resólveche dúbidas, axúdache e aínda que o traballo sexa teu, o titor é clave nos momentos nos que te atascas e non sabes como seguir. De tódolos xeitos, o papel básico é propoñerte un problema que cre que podes chegar a solventar.

Adrián: Eu creo que cando alguén é titor, por exemplo nun traballo de fin de máster ou nunha tese de doutoramento, fai o papel dun pai que ensina ao seu fillo a andar en bicicleta. Es ti o que ten que pedalear, pero sabes que tés alguén aí para apoiarte. É alguén que sempre te vai estar respaldando e ao que podes acudir se tes dúbidas ou se se se che plantexan dificultades.

Logo do gran resultado acadado no Arquímedes, recibistes ofertas de emprego por parte dalgunha empresa?
Iago: Non, en principio nada. O que nós estamos esperando agora é cumprir os requisitos para obter ás bolsas xerais, o cal é cada vez máis difícil a pesar de que temos uns bos expedientes. Aquí a situación é lamentable, hai un atraso tremendo porque non hai ningún tipo de oferta, nin sequera logo dos resultados acadados no Arquímedes.

O Estado español é deficiente. Hai problemas á hora de enfocar as matemáticas e a física”

Agora que falas da situación actual no noso país, plantexádesvos novos retos fóra das nosas fronteiras?
Adrián: Se podemos imos intentar estar aquí ata o final. Se chegado o momento vemos que non temos como manternos, habería que plantexalo, porque consideramos que as bolsas son como unha manutención. Nós estamos a desempeñar un traballo e queremos que se nos remunere. Nese caso, evidentemente habería que irse fóra, aínda que non é algo que nos agrade, xa que preferiríamos quedarnos aquí, pero se non queda outro remedio, se o Goberno non amosa interese dabondo por apoiar o progreso da ciencia teremos que marchar.

Vós, como licenciados en matemáticas e física, como valorariades a ensinanza destas materias no ensino obligatorio?
Iago: O Estado español é deficiente en moitas cousas e máis en educación. Hai grandes problemas en como se enfoca a forma de ensinar as matemáticas e a física, que non se ensinan do xeito correcto.

Adrián: Explicar ben matemáticas e física non é caro. Polo tanto, non é un problema económico, senón de motivación. Hai que facerlles ver aos alumnos a beleza que hai nas matemáticas e na física. Á hora da formación universitaria, o que si creo é que tendo en conta que hai moi pouca xente que queira adicarse á investigación e moita que se quere adicar á ensinanza, non é necesario someter á xente a tantos anos de esforzo nunhas carreiras que son moi áridas. Creo que cun ciclo ou calquera outro tipo de formación máis orientada á didáctica sería moito máis útil e axudaría a que a xente sentise algo máis de amor polas matemáticas e a física.

Que reto vos plantexades a curto e medio prazo?
Iago
: Continuar traballando, ampliar estes temas que comezamos, meternos en novas temáticas, escribir artículos publicables (como Adrián que xa ten algún que outro publicado) e, sobre todo, meterme no mundo da investigación de cabeza. O meu obxectivo é atopar a maior cantidade de resultados posibles.

Adrián: Estrictamente dentro do que é o currículum o seguinte paso é rematar a tese de doutoramento para seguir adiante coas nosas carreiras.

Yago Bea Besada
© Lara S. Santos

Iago, en 2006 fuches premiado cun dos 60 mellores expedientes do bacharelato, fuches tamén medalla de bronce nas Olimpíadas matemáticas, acabaches física cunha das mellores notas da túa promoción. Apuntabas lonxe moito antes xa desta oportunidade.
Si, tamén fun medalla de ouro nas Olimpíadas de Física e nas de Química. Foi un ano no que realmente non mo esperaba para nada. Eu era un rapaz calquera, coma todos. Nunca te esperas iso e a verdade é que foi un punto de apoio que me animou a seguir, que me motivou e foi a semente que me fixo continuar e decidirme definitivamente por este camiño.

Foi iso o que te marcou para chegar aos 18 anos e dicir: “quero estudar física”?
Non, iso creo que foi máis ben unha motivación. A intención de facer física víñame xa de antes. Eses premios foron un empuxón para lanzarme xa de cabeza.

Cando dixestes na casa que queriades estudar matemáticas e física, non vos dixeron que non tiñan saída, que mellor estudar outra carreira?
Adrián: No meu caso si. Meus pais querían que estudase algo cun pouco máis de saída, pero creo que sempre foron moi comprensivos e entenderon que era o que realmente me gustaba e que podía chegar a destacar niso. Curiosamente a persoa que máis me detractou de estudar matemáticas foi a miña profesora de matemáticas de 2º de Bacharelato, xa que pensaba que para min sería demasiado teórica, pero é o que ao final me gusta. Creo que non tomei unha decisión errónea.

Adrián, xa sabes en que te vas gastar eses 7.000 euros de premio?
A priori en manterme porque se non saen as bolsas que estamos esperando, eu evidentemente non vivo do aire. Terei que intentar subsistir con isto ata que non saian e seguir progresando na miña tese de doutoramento.

No teu caso Iago, o premio vai ademais acompañado dunha estancia nun dos centros de investigación do CSIC. Tes xa decidido en cal deles e cando?
Aínda non. Estou á espera de que me comuniquen como teño que facer os trámites, pero sei que ata o verán teño tempo de pensalo. O premio consiste nunha estancia durante quince días nun dos centros do CSIC para investigar o mesmo que eu investiguei no traballo ou semellante e entrar en contacto con investigadores para intercambiar ideas, pornos en contacto e traballar xuntos para que, ao remate deses quince días, poidamos chegar a algo importante entre todos.