A reprografía da USC, en crise
Julio Picallo, paga o salario! Isto era o que se escoitaba o pasado mércores pola mañá ante a sede de MAXIN, a empresa que conta coa concesión da USC para o servizo de reprografía desde febreiro de 2001. Arredor de 20 persoas uniformadas con bata branca, na súa maioría mulleres, deixaron os seus postos de traballo entre as 11 e as 13h para facer visíbel a súa situación. Nóminas sen pagar, baixas sen cubrir, estantes baleiros, retirada de máquinas por parte da empresa… Estes son só algúns dos problemas cos que conviven desde principio de curso. O paro do mércores foi a primeira medida de presión para amosar a súa indignación ante o trato que están recibir, mais, se as cousas non mudan, semella que non será o único.
O conflito laboral
“Á delegada sindical dixéronlle na oficina que el (Julio Picallo, xerente de MAXIN REPROGRAFÍA S.L.) non ten cartos. Que non é que non queira pagar, é que non ten cartos”. Así nos explica a súa situación unha das traballadoras de MAXIN, á que entrevistamos días antes da manifestación. O seu nome non aparece na reportaxe porque así o preferiu ela. Recibiunos cun gráfico cartel colgado sobre a roupa de traballo branca: “veño traballar sen cobrar”.
“A última nómina que nos ingresaron foi a de setembro”, sinala. “Ademais, non hai comunicación entre traballadores e empresa, nin sequera se nos colle o teléfono”. A finais do curso pasado apareceron os primeiros indicios de que as cousas na empresa non ían demasiado ben, aínda que a situación nunca alcanzara a gravidade actual. “Tivemos que asinar coa empresa un atrasamento da paga extra de de xullo até setembro”, coméntanos. “E cumprírono. Antes diso, aquí xamais faltara un soldo nin unha paga extra; e agora nin cobren as baixas”. Dos 22 traballadores na reprografía das facultades, tres están de baixa. Ao principio do presente curso contratáranse tres persoas para facer as subtitucións, pero o 31 de outubro foron despedidas; iso si, con todos os pagos pendentes. “Agora estamos 19 persoas para 19 facultades, incluídas as grandes, nas que facturamos máis”, explícanos. “É imposíbel que unha persoa faga o traballo de dúas e as mesmas caixas. Ao final págalo cos que non teñen culpa, que son os que están do outro lado do mostrador”, engade. Os do outro lado do mostrador tamén son os que teñen que asumir os altos prezos que impón MAXIN. As impresións a 5 céntimos por cada cara son un claro exemplo disto. “Di Julio Picallo que é o único xeito que ten a empresa para subsistir”. Aínda así, semella que non chega para cubrir os salarios dos traballadores.
Escaseza de material e de maquinaria
Empregados sen cobrar e estantes case baleiros. A imaxe, que semella a dunha liquidación por feche, repítese en case todas as facultades. Algunhas carpetas, uns paquetes de folios… “Podedes poñer que os estantes están baleiros porque é verdade”, anímanos a nosa entrevistada. “Non temos nin bolis BIC. Pídelos e non chos mandan. Aquí só entra papel e tóner”.
E non só os produtos de papelería escasean. O mesmo está a ocorrer coas máquinas en moitas das facultades, xa que Copigal, a empresa proveedora, foi retirando algunhas delas nas últimas semanas por falta de pagamento. Só deixaron fotocopiadoras a cor nalgunhas facultades como Dereito ou Xornalismo. “E quen é o dono de Copigal? Pois o mesmo Julio Picallo Hermida que nos dirixe a nós”, explícanos. “Houbo xente que marchou comer ás 2, e cando volveu ás 4 xa lle faltaban as máquinas. Sen avisar. E que fas? Chamas á policía?”, pregúntase esta empregada de MAXIN. “E como xustificas as copias que fixeches nese mesmo día?”.
A USC decide intervir
“Dos asuntos económicos da empresa non podemos saber demasiado porque nunca se nos presentou o libro de contas. Non sabemos como está”, sinala. Tamén nos aclara que non hai ningún tipo de responsabilidade entre os empregados e a USC. Ademais dos cartos que pagan os estudantes e son depositados ao final do día nas contas da empresa, traballan coa Universidade por planilla e con follas de pedimento que facturan mensualmente. “Para que pague a USC hai uns prazos, pero poden ser 30, 60 ou 90 días, e tal como está a situación nunca sabes cando o van facer.”
Ante a posibilidade de que o servizo de reprografía se vise afectado, a propia USC decidiu tomar cartas no asunto intervíndoo. Isto implica que o servizo queda garantido para a comunidade universitaria, que os acordos con Julio Picallo se teñen que cumprir e que os empregados seguirán traballando. “Isto dános certa tranquilidade”, comenta María Ferreira, a delegada sindical, tras a reunión que mantiveron no tarde de onte para tratar o asunto. Dos cartos que lles debe Julio Picallo non hai noticia. “O conflito segue como estaba. Leváronse a cabo unhas medidas de presión que non foron suficientes, así que haberá que continuar con elas para lograr algo”, remata.
Entrevistas: Iago González, Laura Placer e David Fontán
Cobertura da manifestación (fotos incluídas): Sara Yáñez
Redacción: David Fontán