A polo ligue!

Estás a dúas velas? Non ligas nin botando Axe? En Compostimes temos a solución, somos donos dos mellores trucos para ligar nos máis coñecidos lugares de Santiago de Compostela e, como non, comezaremos polo inigualable, polo inconfundible Apolo, ese lugar ao que acudir os xoves (ou os mércores, ou os martes, que ademais é gratis).

Para entrar Apolo, primeiro tes que esperar unha cola digna das rebaixas do Corte Inglés. Con sorte, podes presenciar unha pelexa protagonizada por algún que outro borracho e entreterte un anaco. Cando, finalmente, chega a túa quenda de entrar, podes ser partícipe da igualdade entre homes e mulleres. Se naciches con vaxina, entras gratis. Se, pola contra, tes pene, pagas 5 euros (corre a lenda urbana de que é para remunerar á limpadora que ten que facerse cargo de todo o mexado por fora).

Unha vez atravesada a barreira da entrada, ocorren dúas cousas. As rapazas van ao baño a acicalarse para estar guapas e poder perrear ben a gusto (elas poñen a excusa de que van “facer pis”) e, de paso, facerse algunha foto no superespello tamaño corpo enteiro . Pola súa parte, os homes van coma gacelas veloces á barra para facerse coa consumición que “regalan” pagando os 5 euros, para bebela ou, se xa tiveron sorte (moi rápido me parece) invitar a unha jaca á que lle teñan botado o ollo (e lle queiran botar o dente). No caso de non ter fichado a ninguén nada máis entrar, o xénero masculino xúntase en grupos de dous ou de tres, e proceden a levar a cabo o fenómeno coñecido popularmente como “dar unha putivolta”. Unha cousa moi importante á hora de facer un grupo de putivolta é elixir ben aos compañeiros. A clave está en que sexan máis feos ca ti. No caso de non encontrar a ninguén menos agraciado, vai só, ou o único resultado da putivolta será queimar unhas cantas calorías, está demostrado empíricamente.

En que consiste unha putivolta, preguntarédesvos. Basicamente, é a típica volta de recoñecemento, fichar un obxectivo, ou obxectivos. Á hora de proceder á estratexia de afrontamento, a música axuda moito, invita a amar e ser amado. É o típico perreo, para entendernos. Cancións do tipo “mamita, mueve tu culito” o “si juegas conmigo que sea en mi cama, yo seré tu diablillo hasta la mañana”, xa fan a metade do traballo por ti. O que tes que poñer ti da túa parte é arrimar ben a cebolleta e, se tes sorte, lévaste o gato á auga (ou a gata á túa cama). Tamén podes botarlle un pouco valor e preguntarlle a unha: “preséntasme á túa amiga?” ou que un de todos os teus camaradas de putivolta faga a de “coñeces a Ted?”. Os métodos son o de menos, déixate levar polo free style do ligoteo e todo irá sobre rodas. Pero date presa, sobre as 6 da mañá soa o “New York” de Sinatra e a discoteca vacíase ao diminuir considerablemente a calidade do xénero músical. O malo é que, se aínda estás aí para escoitalo, é que non pillaches. Pero non desesperes, tómao como xogar á lotería. Investiches 5 euros e perdiches, pero sempre podes xogar de novo á semana seguinte.