O milagre do Básquet Coruña
Verán de 2012, o Básquet Coruña é confirmado coma equipo de Leb Ouro, algo xa esperado por moitos, pero que era mellor esperar a velo feito para poder celebralo. O baloncesto en España atópase nunha situación de crise, cada ano descenden varios equipos ou deixan de ascender por non poder facer fronte á maioría das súas débedas. Aínda así na cidade herculina había un equipo ao que non lle acompañaba a sorte na cancha, pero que lle vai algo mellor na xestión e nos despachos.
A pasada tempada, o Coruña quedaba 7º na liga, o cal lle daba acceso a xogar os playoffs de ascenso. Nesas eliminatorias outro equipo galego, o Ourense, logrou o ascenso nas pistas, pero o equipo cascarilleiro quedou fóra. O básquet Coruña preparábase para a tempada 2012/2013 sen saber onde ía xogar. O equipo tiña praza na Leb Prata, pero os movementos de varios equipos facían pensar en que non sería esta a súa categoría.
Antonio Herrera foi o elixido para dirixir a banqueta coruñesa e sustituir a Antonio Pérez, quen levaba sete anos no club e o deixou na Leb Prata tras collelo na Liga EBA. Era un adestrador sen grandes resultados no seu palmarés xa que nunca adestrara por riba da Leb Prata. Pero unha gran tempada co Barreirense a pasada tempada na LPB portuguesa fixo que o presidente Carlos Lamora pensara nel coma unha boa fichaxe.
Finalmente confirmouse onde ía xogar o equipo coruñés, o seu destino era a Leb Ouro á que volvía dez anos despois. O Menorca, tras conseguir o pasado ano o ascenso á ACB non formalizou a súa inscripción en ningunha das dúas categorías principais e xunto a este seis equipos máis decidiron non presentarse este ano na Leb. Pola contra o Básquet Coruña, o Força Lleida e o filial do Regal Barcelona solicitaban a inscripción que máis tarde foi concedida. A liga polo tanto pasaba de ter dezaoito equipos a ter tan só catorce. Tocaba poñerse a confeccionar o plantel, no que finalmente tan só seguirían cinco xogadores que estaban o pasado ano. O resto todas fichaxes, viñan ao equipo coruñés en principio para intentar lograr a permanencia nunha nova categoría.
Comezaba a liga, para o primeiro partido TVE decidiu levar as cámaras a Riazor para emitir o partido en directo. Xogaba un recén ascendido contra o Navarra, un dos, a priori, candidatos ao ascenso. Os visitantes comezaban dominando pero pouco a pouco os coruñeses deron caza no marcador logrando poñerse por diante e gañar por catro puntos (77-73) no primeiro partido nesta nova categoría para eles. Os partidos sucedíanse con bo remate final para o equipo coruñés nos cinco que van ata o de agora. E con especial resultado contra o filial do Barcelona o pasado fin de semana ao que se lle gañou con vantaxe de 37 puntos (93-56). O Básquet Coruña está agora mesmo líder da segunda categoría do básquet estatal, empatado a número de victorias co seu próximo rival, o River Andorra.
A sorpresa que está producindo polo momento o equipo laranxa tamén ten os seus protagonistas, onde sen dúbida o máis destacado está a ser Asier Zengotitabengoa, un aleiro vasco de 24 anos que ata este ano nunca tivera actuacións destacadas en ningún equipo de categoría superior aínda que si que tivo bos anos no Lobe Huesca, un deles na Leb Ouro. O ano pasado conseguiu o ascenso co Canarias pero tendo un papel secundario no conxunto insular. Este ano está promediando 18,2 puntos polo momento, situándose así coma o máximo anotador da segunda división. Dentro das súas estatísticas tamén destaca o porcentaxe de tiros de campo anotados, xa que supera o 61%.
Xunto ao vasco tamén están a destacar o costamarfileño Jonathan Kale, vello coñecido da afición galega xa que pasou hai dous anos polo COB e que está a promediar trece puntos e máis de cinco rebotes por partido, e Marcos Suka-Umu con doce puntos cada xornada.
Pasadas xa cinco xornadas pódese concluir que os coruñeses xa non van coma tapados na competición, se non que están amosando a súa candidatura para xogar o ano que vén na Liga Endesa. Ogallá que con boa sorte.
Foto de portada: basquetcoruna.com / Foto de noticia: feb.es