Xornalismo: Invaders must die?
Estes son días tristes para os que queremos vivir facendo xornalismo. A Federación de Sindicatos de Periodistas española cifra en 11.000 os xornalistas que están hoxe por hoxe engrosando colas do INEM xunto a outros cinco millóns de españois. É unha pena e unha vergoña. E como en case tódalas cousas da vida que nos dan pena e vergoña, tentamos reduci-las súas causas, convertíndonas adoito nunha loita entre bos e malos. Neste maniqueísmo en cuestión, os bos serían os xornalistas que fixeron a carreira de Xornalismo e están no paro e os malos os xornalistas que están a traballar sen te-la carreira. Esta queixa reduccionista, que era un murmurio en boca de moitos dos que estudian ou imparten clases de Xornalismo, atopou un altofalante naqueles que están afeitos a falar de todo máis alto cos demáis. Nunha nota de prensa, a UGT afirmou que “sin licenciados en periodismo no hay periodistas” e esixiu que as empresas xornalísticas deixasen de contratar persoas que non tivesen esta titulación.
Imaxinemos que, nun dos delirios regulatorios de Mariano Rajoy, o presidente impulsa unha lei que obrigue a colexiarse a tódolos xornalistas que queiran exercer, e que este futuro Colexio Oficial de Xornalistas rexeite a todo aquel que non tivese a carreira. Así, quedarían impedidas para exercer como xornalistas as persoas que non tivesen un título de xornalista homologado por un Ministerio. Non é unha idea tan descabellada, no franquismo xa existiu unha Escuela Oficial de Periodismo. Desta volta, só habería convertir cada facultade española nunha pequena Escuela Oficial. Tamén, como consecuencia lóxica, tería que regularse mediante lei que se considera como medio de comunicación. Que portais de internet o son e cales non. E naqueles portais de internet, televisións, xornais e radios que se consideren medios de comunicación, purgar a todos aqueles traballadores que non teñan a carreira, que a UGT cifra nun 35%. Que vaian tamén ó paro. E con 25 días por ano traballado.
Entre os que quedarían inhabilitados para traballar nun medio de comunicación habería máis dunha cara coñecida. Ana Blanco, presentadora dos telediarios de TVE dende 1991 e pedagoga. Javier Moreno Barber, director de El País e químico. Ignacio Escolar, exdirector de Público, actual director de eldiario.es e que non rematou a carreira. Maruja Torres, autora de inesquecibles reportaxes en El País e que tampouco ten o título de Xornalismo. E milleiros máis dos que non coñecemos o nome.

O seguinte paso: propor que só sexan peixeiros aqueles que dispoñan dun título en Peixería.
© da foto Charlie Peartree
E a cousa non quedaría aí. En consecuencia, e levando esta epidemia de titulitis ata os seus últimos extremos, habería tamén que regular que só accedesen ó resto de profesións aqueles que teñan un título ad hoc. Por que limitarse ó xornalismo cando se pode erradica-lo “intrusismo laboral” dunha vez por todas? Quentin Tarantino non ten ningún tipo de formación audiovisual: quedaría inhabilitado para dirixir máis filmes. Stanley Kubrick pasaría a ser denominado “pretendido director de cine” ou “cineasta sen formación” nos libros de historia da séptima arte . Bill Gates, que só comezou estudos de medicina, sería obrigado a acaba-la carreira e a meterse nun hospital. Onde se viu que unha persoa que non estudou Enxeñaría Informática nin ADE monte unha empresa de informática? Ah, e o mesmo con Steve Jobs. No seu currículo non se ve o título de Deseño Industrial por ningunha parte, nin un Master in Business Administration. Que fixo ese home invadindo o terreo de milleiros de licenciados en ADE máis preparados ca el? Ás portas das facultades de Económicas habería que ir tamén buscar a alguén que se fixese cargo das accións da segunda maior empresa téxtil do mundo: Amancio Ortega non ten a formación requerida para ter fundado Inditex.
Poderiamos seguir así ata o infinito, porque o absurdo xa o acadamos hai un tempo. Deixémonos de corporativismos absurdos: o xornalismo é para aquel o queira facer. Na carreira de Xornalismo apréndense ferramentas útiles para o desenvolvemento de tan fermoso labor, si. Pero tamén en Económicas se aprenden coñecementos valiosísimos para facer xornalismo económico, coñecementos que deixan en segundo plano sabe-lo que é un lid. Tanto me ten que un xornalista científico cursase Física e non Xornalismo: el sábeme explicar mellor o que é o bosón de Higgs. E tampouco me importa que un tío calquera escriba nun xornal tendo só o graduado en ESO se as súas crónicas, entrevistas e artigos de opinión me fan vibrar.
BONUS TRACK:
Ocorréuseme un xogo. Copia-lo primeiro parágrafo da nota de prensa de UGT e substituír algunhas palabras deles por outras escollidas por min ó chou. Veremos como a nota é substancialmente diferente, mais o seu trasfondo preocupante segue aí.
ORIXINAL:
Sin licenciados en periodismo no hay periodistas. La Agrupación de Periodistas de la UGT (AgP-UGT) reclama que sólo ejerzan la profesión de periodistas los licenciados universitarios en periodismo. Con esta medida acabaríamos con el intrusismo que supone un 35% de las personas que desempeñan la profesión periodística no son periodistas y paliaríamos en parte el grave desempleo que afecta a nuestra profesión.
MODIFICADA POR MIN:
Sin trabajadores españoles no hay España. La **** reclama que sólo trabajen en nuestro país las personas que dispongan de un DNI español. Con esta medida acabaríamos con el intrusismo que supone un **% de las personas que desempeñan un trabajo en España no son españoles y paliaríamos en parte el grave desempleo que afecta a nuestro país.
Calquera parecido entrámbalas dúas notas é pura coincidencia.
Gracias a Adrián Lijó pola documentación.