The Man from Earth

The Man from Earth (2007)

Non é necesario ter moito orzamento para facer ciencia ficción da boa; cun salón desmoblado, unha botella de Johnny Walker Etiqueta Verde e un guión orixinal dos que non se fan todos os lustros, abonda. Esas son as substancias do filme The Man from Earth (Jerome Bixby’s: Man from Earth), que dirixido por un tal Richard Schenkman e redactada por un pouco máis coñecido Jerome Bixby, resulta unha obra insólita non só no panorama do Cine Independente norteamericano, senón tamén no eido da ciencia ficción. Para ver está cinta o único que hai é que prestar atención aos diálogos, pois non ten máis nin o necesita.

John Oldman, un eminente profesor de Historia que ten como costume persoal mudarse de domicilio cada poucos anos, recibe a visita duns colegas de profesión, entre os que se atopan un antropólogo, un biólogo, un arqueólogo, un psicólogo e unha fundamentalista cristiá, que acoden xunta el para facerlle unha festa de despedida. Ata aquí todo ben. Pero tras preguntas e preguntas sobre os motivos da marcha de John, este decide sincerarse e dicirlle que realmente é un Home de Cro-magnón procedente do Paleolítico Superior con 14.000 anos de vida ás costas. Hostia! Si, ten 14.000 anos pero soamente envelleceu ata os trinta e cinco, e lóxicamente, ninguén lle cree. Pois aquí empeza un dialogo duns setenta minutos nos que o protagonista responde con incrible sutileza ás preguntas dos eruditos que o rodean.

É posible unha rexeneración perfecta nas células do organismo e polo tanto vivir eternamente? Existe outra dimensión temporal na que vivir sen que o tempo nos atravese? Temos unha natureza innata que indiferente ao paso dos anos? Paga a pena namorarse cando vas ver morrer a esa persoa? Son estas unhas poucas das preguntas ás que se somete John Oldman, pero preguntas que tamén nos podemos facer nos mesmos se nos deixamos levar polo compoñente suxestivo desta obra de arte.

Se queredes atoparvos cun compañeiro de viaxe de Colón, cun amigo de Van Gogh, cun discípulo de Buda, e con moitos máis personaxes históricos dos que aquí non quero falar porque sería amolarvos a última media hora da película, botádelle unha ollada a The Man from Earth, porque vos aseguro que indiferentes non ides quedar. Con que vos deixedes levar polo fío argumental e lle votedes unha pouca imaxinación é suficiente para disfrutala; do resto, xa se encarga ela.