Syriza e Front de Gauche apoian a AGE na Coruña
A Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) reivindicou na Coruña, ante unha grande afluencia de público, a súa condición de “forza alternativa” para o “cambio real” das políticas preponderantes tanto a nivel galego como estatal e europeo. O lugar escollido para a presentación do proxecto foi a Sala de Cámara do Palacio da Ópera herculino, que quizais ficou algo pequena ante a magnitude do acto. O cheo foi total, polo que parte do público tivo que sentar no chan, entre as butacas, así como nos laterais do recinto.
No mítin participaron, ademais de Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz -números 1 e 2 da candidatura pola provincia da Coruña-, varios líderes da esquerda europea que quixeron amosar o seu apoio ás listas de AGE de cara ás eleccións do día 21. En representación do Front de Gauche, coalición de esquerdas creada no 2009 e clave nas presidencias francesas do presente ano, acudiu José Cordón; mentres que por parte de Syriza, fronte de esquerdas que estivo perto de saír vencedora dos últimos comicios gregos, interveu Stavros Karagkounis. Ademais, tamén participou o eurodeputado de IU Willy Meyer. Todos eles coincidiron na importancia das eleccións galegas para comezar a dar un cambio de rumbo ás políticas da UE.

Stavros Karakgounis (Syriza), Yolanda Díaz, Xosé Manuel Beiras, Willy Meyer (IU) e José Cordón (Front de Gauche).
O encargado de subir ao estrado para presentar o acto foi Antón Sánchez García, membro de Anova e do Sindicato Labrego Galego e antigo candidato á alcaldía de Bergondo polo BNG. O número 3 da lista pola Coruña aproveitou para facer un chamamento a non pagar “unha débeda ilexítima”. “Non debemos, non pagamos”, afirmou. Tras el, Yolanda Díaz, coordinadora xeral de Esquerda Unida, comezou o seu discurso apelando a que “desde o Partido Popular non están tan confiados” de cara ao 21-O, xa que existe unha “marea de indignación social contra os recortes”. A ferrolá realizou unha chamada a “dar a batalla en todos os frentes” e a “non regalar o ring da política representativa”. “Democracia non é votar cada catro anos, é arrebatarlles o poder aos de arriba para dárllelo aos de abaixo”, engadiu. Tamén tivo palabras para as formacións políticas invitadas ao acto, destacando “o exemplo de Syriza”, que “conseguiu facer tremer os poderes oligárquicos da UE”. Na parte final do discurso, afirmou que a súa formación enarbola a “bandeira do antifascismo” e a “bandeira dos pobos con dereito a autodeterminarse”, o que provocou grandes aplausos entre os asistentes; antes de rematar cun significativo “non pasarán!”.
O outro membro de IU presente no mítin, o europarlamentario Willy Meyer, colleu o relevo centrándose na cuestión europea. Puxo o acento sobre “a dereita e a socialdemocracia” do vello continente, a quen considerou “os autores políticos da crise”. Unha das liñas básicas do seu discurso foi a da “necesidade dun novo Tratado Europeo ao servizo da cidadanía”, invitando a “desandar todo o andado” na construción das institucións da UE. Meyer afirmou tamén que en Galiza se vai “mandar unha mensaxe a toda Europa”, e que en 2014, coas eleccións europeas, chegará “a nai de todas as batallas”.
José Cordón, do Front de Gauche, subiu entón ao palco para falar da “alternativa de cambio real” que supón “a esquerda transformadora, anticapitalista, social e ecolóxica”; así como da necesidade de “loita social” e “levantamento de movementos populares”. “Hai que paralos!”, berrou o político francés aludindo ao lema de AGE, que foi coreado polo público. Cordón despediuse desexando sorte a Alternativa de cara a “entrar con forza no Parlamento galego”.
Stavros Karagkounis, representante de Syriza, foi o seguinte en dirixirse ao auditorio. Cargou contra Feijóo e o seu discurso de “ou eu ou o caos”, afirmando coñecer mellor que o Presidente da Xunta o significado de caos, palabra de orixe grega; e considerando que “incluso o caos é mellor que o ‘eu’ do señor Feijóo”, o que provocou unha grande ovación. Tratou tamén a difícil situación do seu país, con previsións de empeorar durante o proximo ano, do que culpou “ás políticas do actual goberno”. “O paro é do 26%, a recesión do 4’6% e para o ano prevese que sexa do 6%”, destacou, ademais de citar os problemas que están a ter sanidade e educación no país heleno. “En Europa o cambio virá do sur, pero en España chegará do norte”, afirmou facendo referencia ás eleccións galegas, vascas e catalanas. Chamou logo á “loita pola dignidade, a xustiza e a seguridade social”, ao que engadiu “senón é agora, cando?”, antes de fundirse nun emotivo abrazo con Xosé Manuel Beiras, dirixente de Anova.
O líder da coalición e número 1 da lista pola Coruña foi o encargado de fechar o acto e tamén o máis aclamado e ovacionado polo numeroso público presente. Un Beiras en plena forma estruturou o seu discurso en torno a dous termos “non antitéticos, senón perfectamente complementarios: o nacionalismo e o internacionalismo”. O dirixente de AGE falou da necesidade “dunha loita desde abaixo e á esquerda, onde está o corazón da cidadanía, dunha loita de todos os pobos”. Tamén tivo tempo de facer unha referencia a modo de símil coa Fronte Popular, coalición na que se integraron os galeguistas do PG no 36, “nun momento de urxencia a prol da nosa identidade”.
Beiras tamén culpou ao Goberno galego, a quen comparou con Atila, dunha situación de “exterminio do campesiñado, da clase obreira industrial e da nosa identidade cultural”. “Fálase da chegada de ‘paracaidistas españois’ á campaña galega, pero eses paracaidistas xa os temos no Parlamento”, afirmou. Continou coa crítica ao PP engadindo que “gobernaron o noso país 25 anos e aínda din que van transformar Galiza… Que fixeron durante todo este tempo?”, preguntouse. Tamén se queixou do “oligopolio da política nos medios públicos”, onde “formacións como AGE están a quedar fóra”. “E por que? Porque nos teñen medo!”, concluíu.
“Nesta circunstancia histórica hai unha maioría social amplísima que está sendo agredida por un inimigo común”, apuntou. “Trátase dun exterminio en conxunto”, afirmou Beiras, engadindo que “estamos no final dun ciclo histórico, nun momento de crise da hexemonía, de caos sistémico”. Chamou a aprender “dos pobos de Latinoamérica” e de forzas “como Syriza, o Front de Gauche, o Bloco de Esquerdas ou a esquerda abertzale”; así como a “acumularmos forzas para construír unha Europa que sexa tal”. “Nin sequera Merkel manda nada”, sinalou o histórico dirixente galego, de quen dixo ser “un boneco en mans dos mercados”. “A UE foi construída ao revés e ten comestas as trabes mestras”, asegurou Beiras. “Fagámoslle así e derrubarase”, rematou, facendo unha chamada a construír “a Europa do socialismo”.