¿Realmente podemos presumir da Liga?
Últimamente está moi de moda debater sobre se a Liga Española é a mellor do mundo. Todos enchen a boca, sobre todo os xornalistas deportivos, falando do nivel desta liga que en realidade está bipolarizada.
Real Madrid e Barcelona repártense entre eles case a metade do pastel que as televisións outorgan ós equipos, xustificando que son os que máis xeran. Na pasada tempada (2011-2012) os dous “grandes” cobraron 140 millóns de euros cada un por só os 12 que percibiron equipos coma o Málaga que agora mesmo está en Champions. Este desigual reparto non fai máis que permitir fichaxes astronómicos por parte dos equipos fortes, mentres que os resto dos “mortais” teñen que pelexar por pagar a fin de mes ós seus xogadores. Así, parece imposible que outros equipos coma Valencia, Atlético ou Málaga poidan competir co Madrid e co Barça polo título da Primeira División. Quedan lonxe os tempos do Valencia de Benitez, o SuperDépor ou o Atlético do doblete.
Se nos volvemos cara o lado dos afeccionados, o panorama non é moito mellor. Resulta que a Liga BBVA é a máis cara de Europa. De media, no fútbol español, páganse 53 euros por unha entrada, prezo totalmente desorbitado se o comparamos ca Bundesliga (liga alemá) que apenas chega ós 30.
Ó Bayern Leverkusen – FC Barcelona de Champions (a elite de todas as competicións, o campionato dos campións) púidose asistir por tan só 15 euros, mentres que para ver o Osasuna – FC Barcelona tiñas que pagar a insignificante cantidade de 90 euros, como mínimo, por non ser abonado ó club.
Se nos paramos a pensar, todos estes factores indican o podre que está o fútbol español. Os horarios saen a semana antes do partido e isto non deixa marxe ós afeccionados para planear un posible viaxe ó estadio visitante. O exemplo témolo no Celta-Dépor que imos vivir en Galicia dentro dunha semana e media. Os horarios inda non están publicados e, previsiblemente, non estarán ata o vindeiro xoves.
Por suposto, se falamos de horarios, temos que falar do carrusel de partidos que nos propoñen as televisións. Ás veces comeza a xornada dominical comeza ás 12 da mañá e acaba ás 12 da noite. Evidentemente, este efecto non favorece a asistencia ós estadios como se comprobou na primeira xornada de liga, na que os campos de primeira división só estaban ó 67,5% da súa capacidade, mentres que na liga inglesa abarrotábanse ata o 97%.
Parece incrible que nun país no que a taxa de paro supera o 25% da poboación activa haxa que pagar prezos tan desorbitados para asistir a un simple partido de fútbol. En canto ó tema dos pagos a Facenda, mellor deixémolo para outro día.