“Pagan a NGBanco 10.000 millóns e instauran o copago aos pensionistas para recaudar 33”

Aínda faltaban uns minutos para as seis cando vimos aparecer rúa arriba a José Luis Méndez Romeu (Coruña, 1951). Entramos con el en La Jijonenca, cafetería coruñesa das de toda a vida onde puidemos desfrutar dunha agradable conversa co que fora concelleiro de Cultura durante 16 anos no executivo de Paco Vázquez. O número dous das listas do PSOE pola Coruña, nas que foi incluído a última hora, tamén ten unha ampla bagaxe na política autonómica. 10 anos de deputado no Parlamento deron paso, coa chegada do bipartito, a que Méndez Romeu ocupase o cargo de Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Quizais a partir do domingo o volvamos ver na Xunta formando parte dun novo goberno.

O panorama que nos agarda o 21-O

Atópanse con moitos competidores pola esquerda de cara ao domingo?
Non. De entre os novos soamente hai un, que é AGE. E sorprendentemente, esa formación vai facer que todo o voto sexa útil.

Entón Compromiso non ten posibilidades?
Non parece que as vaia ter.

E Mario Conde pode entrar?
Mario Conde pode comerlle ao PP 10.000 ou 15.000 votos, sobre todo na provincia de Pontevedra. Xente afectada polas preferentes, funcionariado afectado polos recortes… E eses votos poden producir un cambio. O PP está agora mesmo rondando os 37 ou 38 escanos, e por iso nós estamos a facer un chamamento á participación.

Vai haber moito voto enfadado, de xente descontenta coas medidas do PP. Cre que o PSOE poderá sacar beneficio ou o apoio irá para partidos de “fóra do sistema”?
Eu creo que a novidade vai ser a entrada de AGE. Esa coalición vaise beneficiar, por unha banda, da posición de EU, que nas anteriores quedara perto do 5%; e por outra, dun voto derivado de grupos como o 15M, de movementos contrarios ao sistema, así como dun certo desgaste das formacións tradicionais.

Como convencería agora mesmo vostede a un votante de esquerda para que optase polo PSdeG e non polas demais alternativas?
Primeiro, porque un votante de esquerda sabe que o PSOE é a representación maioritaria da esquerda. E non o digo eu, é que os electores o ven así nunha porcentaxe moi elevada. E en segundo lugar, porque necesitamos unha resposta á crise en Galicia, pero tamén en España e desde logo en Europa, aínda que os partidos socialistas a nivel europeo estamos moi desorganizados. Respaldar ao PSdeG é expresar o compromiso cunha política semellante en distintos territorios do estado e de Europa nun momento particularmente serio, onde se está cuestionando o gran contrato social da Transición, que se fixo para garantir un Estado do benestar e unhas relacións laborais equilibradas. Sen demérito, iso si, de partidos que defenden opcións semellantes aínda que con matices distintos.

Entón non compiten vostedes con BNG e AGE polo mesmo electorado?
Creo que as diferencias entre nós e o nacionalismo son nidias, aínda que AGE sexa unha coalición entre un partido nacionalista e un da esquerda clásica como é Izquierda Unida. As diferenzas entre a política do PSOE e a de IU é unicamente de grao, mentres que co nacionalismo xa son diferencias cualitativas. Aínda así, opino que pode haber un substrato común entre estes partidos.

E logo entra en xogo a abstención, que din que vai ser importante.
Non sabemos como será a abstención final, probablemente menor que a que marcan as enquisas. A participación en Galicia nas últimas convocatorias é moi semellante ao comportamento xeral do Estado. Cremos que andaremos cunha abstención do 25%, perto das cifras de 2009.

Cren que aqueles primeiros recortes do executivo de Zapatero poden pasar factura ao votante tradicional do PSOE?
É posible. Con todas as medidas tratouse de modular os efectos, de salvagardar sempre os segmentos máis débiles da sociedade, pero pode haber un voto de lembranza daquela circunstancia. Pero aquí o que se está discutindo é algo distinto, é a política do señor Feijóo.

Fíxoo ben Zapatero na súa segunda lexislatura?
Eu creo que o goberno de Zapatero vai ser recordado nun futuro por ter impulsado moitas medidas sociais progresistas, por ter dado un impulso moi importante a políticas de protección… O tempo vai poñendo aos gobernantes no seu sitio, e a curto prazo é difícil facer unha valoración.

Será máis recordado polo matrimonio homosexual que polos famosos “brotes verdes” na economía?
(Risas). Creo que será recordado sobre todo pola lei de dependencia, polo impulso á revisión dos estatutos e a mellora do autogoberno… Por ese tipo de cousas.

Seguindo cos aspectos que poden pasar factura nas eleccións, cre que influirá o asunto do alcalde de Ourense?
É difícil calibrar o impacto de noticias deste tipo. O que de momento temos é unha imputación sobre feitos nos que o interesado nega estar inmerso. Como o sumario é segredo imos tardar en saber o que hai e poder facer unha valoración. Ten pasado que imputacións moi escandalosas no ámbito político finalmente quedaron en nada.

Falamos do “caso Campeón”, quizais?
Aínda non está rematado, é un caso aberto e pendente. Pero é frecuente… pasou hai pouco co alcalde de Lugo, que foi obxecto dunha imputación que acabou en nada. Non podemos facer xuízos precipitados. Pode ter iso un impacto no electorado de Ourense? Non temos datos. No conxunto de Galicia non cremos que vaia ser importante. O que cabe esperar é que a instrucción xudicial non interfira co proceso político.

Quere dicir que quizais todo isto fose unha estratexia política?
Non vou valorar o labor que fai a xustiza. Só desexamos que non haxa interferencias. O tempo político ten uns prazos moi curtos, as campañas duran 15 días, e o tempo xudicial móvese cuns prazos moi longos.

Poderíase falar dunha campaña diferente cun candidato diferente se non se adiantasen as eleccións?
Pachi Vázquez foi elixido hai uns meses nun congreso, amosando ter os maiores apoios, e iso non mudou en pouco tempo. En todos os escenarios previsibles, polo menos a medio prazo, era o candidato máis probable.

O proceso de elección do candidato foi criticado por boa parte da militancia.
Os partidos son estruturas relativamente complicadas. O proceso de eleción de candidatos, que ten varios filtros, sempre provoca tensións. Hai moitos que poderían ser e só uns poucos que poden ser candidatos, e iso hai que pactalo a nivel provincia, onde pode haber moita xente cualificada. É normal que haxa tensións, pero creo que están superadas, e as listas foron apoiadas por case un 90% da militancia, unha porcentaxe bastante respetable.

Quizais había no PSOE coruñés moitas persoas cualificadas?
O PSOE coruñés é unha organización moi cualificada, con moitos cadros; con persoas con experiencia de goberno nas institucións locais, autonómicas, estatais…

Dicíase tamén que no seu caso se interviu desde a dirección do PSOE galego para que entrase nas listas. Comentaba hai pouco nunha entrevista que ten unha conversa pendente con Caamaño… Que hai de certo niso?
Pois efectivamente foi un proceso con distintas vicisitudes. As listas galegas fainas a dirección galega. Previamente hai un mecanismo de propostas locais e provinciais, e iso foi o que se torceu. O resultado final goza dun grande apoio, que é o importante. Agora mesmo todo o mundo está traballando no papel que lle corresponde nesta campaña.

Botar a Feijóo por riba de todo?

Pactarían con quen fose con tal de desaloxar o goberno de Feijóo?
O goberno alternativo existirá se así o deciden os cidadáns, que escollerán cos seus votos que grupos van ter representación. Ese goberno pódese formar se hai un programa conxunto con medidas concretas e obxectivos. Non é imposible, pero ese é un labor que hai que facer a partir dos resultados electorais.

Nunha hipotética coalición, quizais haxa votantes do PSOE que non estean de acordo co pacto con AGE, igual que no seu día houbo quen non apoiou o pacto co Bloque.
Se se chega a un goberno de coalición hai que facer pedagoxía, explicar á sociedade e tamén dentro da organización por que se fai un acordo cun programa concreto. Ese é o labor da política, convencer.

Cales serían os puntos básicos para que o PSOE entre nun goberno de coalición?
Eu creo que o goberno de Galicia ten que ter tres liñas de traballo. Primeiro, unha política de emprego; segundo, a recuperación e posta en valor dos servizo públicos; e terceiro, ter unha impronta en áreas moi sensibles na sociedade galega. Por exemplo, un compromiso firme coa igualdade das mulleres, tamén no ámbito retributivo; un compromiso claro de mellora do financiamento, unha política fiscal… Ao redor destes eixos ten que facerse un programa, sabendo que as condicións da crise fan que os recursos sexan moi limitados e que hai que priorizar

Sendo máis concisos, hai algunha proposta novidosa de cara ás eleccións?
Nós propoñemos facer un plano de emprego xuvenil, é dicir, ofrecerlle aos xóvenes titulados e non titulados becas-salario dun ano en empresas nas que poidan ter desenvolvemento profesional posterior. Isto é fundamental por varios motivos: porque é o colectivo coa maior taxa de desemprego, en torno á 50%, porque é fundamental conseguir unha primeira experiencia laboral; e tamén porque vai beneficiar as empresas, que van ter un reforzo sen custo. Cando mellore a situación e o consumo poderán transformar eses contratos nuns de duración maior. Outras medidas concretas serían a eliminación do copago dos medicamentos que o PP lles impuxo aos pensionistas; o establecemento da gratuidade nos libros de texto; o aumento dos recargos fiscais ás grandes rentas e patrimonios… Son medidas tanxibles.

Esta política activa de emprego é compatible con cumprir o obxectivo de déficit?
É que para financiar estas políticas imos necesitar novos ingresos fiscais.

Subir todos os impostos?
Subir ese tipo de impostos. Establecer un recargo sobre as rendas persoais que superen os 120 mil euros/ano, sobre os grandes patrimonios, novos impostos medioambientais… Nós temos avaliado o custe destas medidas. Por exemplo, o plan de emprego xuvenil ten un custe de arredor de 60 millóns de euros cada ano, e iso hai que sacalo do orzamento.

Como valora esta noticia saída en El País hai unha semana que afirma que o goberno de Feijóo camuflou o déficit?
É un tema moi sorprendente. Este enorme axuste que se lle pide á xente e que afecta ás súas condicións de vida faise en nome do déficit, E agora descubrimos que hai que facer maniobras de enxeñaría fiscal… Iso é unha burla aos cidadáns. E nós sabemos que iso se fixo non só no ano 2010, tamén no 2011 e estase a facer no 2012. E sabémolo porque nolo din as empresas, que se queixan de que lles din “non presentes facturas, isto non se che vai pagar até o ano seguinte…”. Veremos dentro dun ano as cifras do ano 2011 e dentro de dous as do ano 2012. Isto non é nada edificante para os cidadáns. O PP ten que explicar que efectos está tendo o axuste fiscal que sabemos que non mellora a situación económica, que empeora a calidade de vida, que non permite a creación de emprego… Que estamos a facer? Hoxe os gurús do FMI alertan dunha nova crise xeralizada nas economías avanzadas. Que estivemos facendo no último ano en España, nos últimos catro anos en Galicia?

E contra isto como se pode combatir?
O primeiro é facer algo que empezan a insinuar Alemaña e o FMI: alongar os prazos de axuste fiscal. Fálase agora de ofrecerlle a Grecia dous anos máis para acadar os obxectivos de déficit. Iso permite amortiguar o impacto das medidas máis regresivas. Pero hai que comezar a facer algo que está a demandar Francia e comeza a debatirse timidamente na UE, que é dedicar parte do esforzo a políticas de crecemento. Favorecer o que crea emprego. Se non estimulamos o emprego non estimulamos a produción, o consumo…

Foméntase o emprego con medidas como o aumento do imposto de sociedades?
Nós plantexamos unha tributación no ámbito das competencias de Galicia nos temas que dixen anteriormente: grandes patrimonios, rendas moi elevadas, grandes superficies e impostos verdes. Iso vai proporcionar en conxunto arredor dos 200 millons de euros que estimamos necesarios para as novas políticas. Pero as políticas de emprego significan sobre todo poñer cartos no que vai crear riqueza. Significa apoiar o I+D. Significa poñer cartos en políticas que favorezan a contratación.

Seguindo coas propostas, sería unha banca pública unha prioridade para o PSdeG?
Cómpre ter un instituto público de finanzas que lles facilite crédito ás empresas.

Coma o Igape?
O Igape cumpre unha función máis restritiva. Era un lugar de estímulo mediante subvencións, e nós queremos que teña unha dimensión maior e facilite tamén crédito.

Estamos vendo o que ocorre coa CRTVG en plena campaña. Hai que despolitizala?
Si, elixindo unha dirección dos medios públicos cun consenso amplo. E que desde aí se implanten uns medios non neutrais, que é difícil que un medio oficial sexa neutral, onde haxa pluralidade e o Goberno non cope as primeiras oito ou dez noticias dun informativo. A compañía pública tamén ten que prestar máis servizos, é un elemento clave para o desenvolvemento dunha industria audiovisual galega. Os medios non son un aparato informativo do Goberno.

Méndez Romeu tamén foi tenente de alcalde na Coruña durante 2003 e 2004.

De autonomías e competencias

Entrando a tratar a outras cuestións de actualidade, que facemos co modelo de autonomías? Hai que reformalo?
Nós plantexamos no ano 2005 a conveniencia de reformar o estatuto de autonomía. Foi un momento no que a metade das CCAA o fixeron, o que lles permitiu mellorar o esquema competencial, o sistema de financiamento… En Galicia perdemos esa oportunidade e parece difícil que se poida recuperar a curto prazo. A nivel global estase producindo un fenómeno provocado por unha certa incapacidade do PP, que é a deriva soberanista en Cataluña. A ruptura de diálogo con Cataluña ante unhas demandas de mellora de financiamento, de mellora de fiscalidade, estanos levando a unha situación de aberta confrontación co modelo constitucional. Isto vai estar presente moitos meses tapando temas máis graves como a situación económica, e é difícil que teña unha boa solución. Estamos chegando a un momento de facer unha lectura federal da Constitución, como dixo Rubalcaba, de dar pasos cara á federalización do Estado. Isto consiste en definir con maior claridade cales son as competencias autonómicas e cales as estatais.

Dicía o outro día Pachi no debate da TVG: “cotas de autogoberno, as maiores posibles”. Cales son as maiores posibles?
Hai un sector do PP con xente como Esperanza Aguirre, sumouse Feijóo nalgún momento, que falaba de recentralizar as competencias. E nese contexto Pachi di “nós no autogoberno, o máximo”. Primeiro, porque somos unha nacionalidade histórica, e ese é un título ao que non hai ningún motivo para renunciar. Segundo, porque non nos fai mal. A evidencia en Galicia é que un estatuto de autonomía que naceu cunha enorme friaxe popular, sobre un 80% de abstención, ten conseguido un nivel de desenvolvemento de autogoberno e un avance económico que ninguén podía prever naquel momento. Os 30 anos de autonomía parecen produtivos no económico, no social, no cultural, etc. Terceiro, por unha reflexión máis complexa. Nós cremos que neste momento que en Cataluña se plantexa esa deriva soberanista, Galicia está en condicións de ofrecer ao conxunto do Estado unha visión de autogoberno avanzado desde unha perspectiva de esquerdas e sen excesivas tensións territoriais. Hai moitos motivos para reivindicar ese máximo teito de autogoberno.

Que sentido teñen ministerios como Sanidade ou Cultura e Educación, con tan poucas competencias a nivel estatal?
Hai ministerios que se foron integrando precisamente por iso, como o de Cultura, Educación e Deporte. O número vaise reducindo porque grande parte das competencias están nas autonomías, e o que quedan son ministerios con función de coordinación. E seguramente algún dos vixentes agora tamén sobra e acabará caendo. O importante é que a administración se adapte aos contidos e non estea sobredimensionada.

De todos xeitos, co PSOE no Goberno había máis ministerios que agora. Nun futuro Goberno sería ao revés, habería incluso menos?
Iso haberá que preguntarllo a quen vaia ser presidente do goberno (risas).

Cal é a súa opinión ó respecto?
Eu creo que a tendencia crecente é a simplificación, e máis nun momento de crise. Ao final o número de ministerios e consellerías obedece a dúas lóxicas: o contido, é dicir, o volume de competencias; e a representación, é dicir, que nivel interesa de representación exterio ou con determinados interlocutores sociais interesa darlle a determinados problemas.

Simplificar até o punto de chegar a reducir deputados, como plantexou o PPdeG?
O partido popular está nunha cruzada para suprimir mecanismos de control. O exemplo é Castilla-La-Mancha. Se facemos que os deputados non se dediquen ao Parlamento, que vaian por alí unha vez á semana… Evidentemente a capacidade de control cae. Aquí tamén o querían facer eliminando concellos con fusións que están fracasando, e agora plantexan reducir o número de deputados en Galicia. Nós temos dito que a lei electoral e en xeral as normas institucionais hai que facelas por consenso porque son as regras de xogo da política. Se se toca o número de deputados hai que tocar os criterios de representación. Agora en Galicia hai 75 deputados, 40 escollidos por territorio e 35 por poboación. Iso non pode ser así, haberá que revisalo se minora o número. E ante iso, o PP cala.

Logo vostede está en contra da fusión de concellos?
É que en ningún lugar de Galicia os veciños piden fusión de concellos, porque saben que isto implica reducción dos servizos públicos. O drama do mundo rural é que isto os levaría a ter os servizos moito máis lonxe da casa. Se nalgún lugar tería lóxica a fusión de concellos é nas grandes áreas urbanas, onde se producirían economías de escala. Porén, aquí non se está plantexando. A fusión de concellos non se pode plantexar como se fixo en Oza e Cesuras, onde os veciños contestaron masivamente e mesmo, polos defectos legais da fusión, agora está sendo sometida a un recurso.

Sería necesaria unha comarcalización para asegurar estes servizos?
Nós cremos que o camiño do mundo rural pasa polo agrupamento de servizos: consorcios, sociedades públicas…

E non fusións?
Se son voluntarias, con suficiente información e consenso político…

E que opina a respecto das diputacións?
Xa cumpriron o seu papel histórico, e non moi exitoso, por certo. Son un anacronismo que vén de que a Constitución non soubo que facer con elas.

Están feitas as actuais diputacións á medida dos Baltar, Louzán…?
Non hai que esquecer que no século XIX as deputacións foron a principal sé do caciquismo. Agora, certas deputacións coma a de Ourense teñen un xiro clientelar e nepotista. No caso de Pontevedra, a deputación é un contrapoder fáctico contra a cidade de Vigo. Mantén unha delegación na cidade de Vigo co único obxectivo de entorpecer a súa xestión.

A lexislatura que remata

Se tivese que valorar de 0 a 10 a xestión da Xunta de Feijóo, que nota lle daría?
Eu penso que suspendeu. En calquera política. Na cuestión económica, Feijóo tiña dúas propostas: unha, crear unha caixa forte galega e agora temos un banco zombi que non dá crédito ás empresas galegas; dúas, un concurso eólico que ía producir 13.000 empregos con 6.000 millóns de investimento. E nada. En materia social implantan o copago, retiran a axuda ós libros de texto, privatizan centros de saúde e hospitais nunhas condicións moi pouco favorables. Todos os centros sociais que se inauguraron nesta lexislatura foron financiados polo goberno anterior. Ademais abriron un cisma lingüístico, levaron o sectarismo a unhas cotas nunca antes coñecidas na televisión pública… Por todo isto teño que ser crítico por necesidade.

Se houbese que resaltar o mellor que fixo Feijóo na Xunta, sería quen de facelo?
Eu non son quen de facer esa valoración.

Non houbo logo nada positivo nos últimos tres anos?
Quizais o haxa, pero non quero elevalo a unha categoría importante.

Como valora acordos como o tan citado contrato con Pemex?
É un pouco triste que despois dunha lexislatura os grandes acordos cheguen en período electoral. Tiñan que chegar unhas eleccións para que a Xunta se acordase de Alcoa ou de Navantia? Ademais, os acordos que se publicitan por televisión alomenos hai que ensinalos, se non de que vale a televisión? Son acordos sospeitosos. Por exemplo, en Alcoa a demanda da empresa e dos traballadores é dupla: unha tarifa eléctrica máis baixa cá actual e unha duración de cinco a oito anos para que a empresa poida levar a cabo o seu plan de investimento. E o que lles ofrece a Xunta en período electoral e sen amosar o documento é prorrogar a situación actual. En Navantia, o que prometera Feijóo na campaña anterior era a construcción dun dique flotante que abrise unha nova liña de negocio para o futuro, unha garantía de crecemento. E a resposta que se dá agora é facer un par de barcos e punto pelota. E anunciado, como non, en período electoral.

Comentaba sobre a sanidade no goberno Feijóo que vostedes non contemplan para nada o copago.
Para os pensionistas claro que non, parécenos unha barbaridade. O pensionista galego é o que ten a pensión máis baixa de España, pois hai moitas que son do réxime especial agrario. O 40% das pensións galegas dan menos de 600 euros ó mes e outro 40% entre 600 e 1.000. E implantan o copago para recaudar 33 millóns de euros. Parécenos un escándalo que se lle paguen a Novagalicia Banco 10.000 millóns e haxa que sacarlles 33 ós pensionistas. Porque o déficit non o van resolver con iso, o orzamento da Xunta de Galicia está nos 8.000 millóns de euros. Hai outros lugares de onde sacar os cartos.

Que opina da cruzada da exconselleira de Sanidade Pilar Farjas en favor dos xenéricos?
Nós nun principio dixemos que se debería prescribir por principio activo, precisamente o que agora se está intentando impoñer. Para os profanos son matices, pero é unha diferencia sensible. É verdade que hai que minora-lo gasto farmacéutico, pero a campaña de Pilar Farjas foi moi agresiva, unha batalla un pouco absurda e que tiña como obxectivo a confrontación política co goberno de Madrid

Lingua, cultura e Universidade

Falou tamén de que en cuestión lingüística se abriu un cisma.
Si, nos propomos volver chegar a un consenso. A Lei de Normalización Lingüística é do ano 1983, fíxose a proposta dun deputado socialista, o escritor galego Carlos Casares, e funcionou durante moitos anos. Feijóo rachou con ese consenso e impuxo unha cousa que é o trilingüísmo. Non nos parece un plantexamento serio. Buscamos un proceso de normalización mediante o diálogo, mediante o consenso, e non mediante a imposición. Non é tan difícil se se puido facer durante case 30 anos.

Vostede no seu día animou a denunciar á Mesa pola Normalización Lingüística por fomentar que os comercios rotulasen os seus negocios en galego.
Non, non, eu como conselleiro de Presidencia tiven que lembrarlles a lexislación, pois estaban levando a cabo unha campaña intimidatoria contra o comercio para a cal non estaban autorizados. E actuei porque nos chegaron numerosas queixas de comerciantes.

E onde se marca esa liña do que é a normalización e o que é imposición?
No consenso. Se houbo pacto na LNL, por que Feijóo tivo que mudala? Porque un grupo minoritario estaba propondo uns cambios aos que logo Feijóo non puido dar resposta?

Se o PSdeG chega á Xunta prorrogará esta conxelación das taxas universitarias que levou a cabo o goberno Feijóo?
É unha pregunta moi concreta que non temos moi clara. O noso obxectivo é evitar que a universidade volte ser unha estrutura selectiva, que filtre ós seus estudantes en función da súa orixe social. E nese obxectivo, as bolsas e as taxas son as pezas clave. A política de bolsas depende maioritariamente do Goberno central, mais as taxas páctanse aquí.

Son demasiadas tres universidades en Galicia, chegando a haber sete facultades dalgunha disciplina?
Tres universidades hainas en Galicia por unha decisión impulsada polo PSOE no ano 1989 e da que estamos especialmente orgullosos. Incrementou notablemente o número de estudiantes en Galicia ata acadar as medias europeas, mellorou a oferta de estudos e as condicións na que se estaban desenvolvendo os antigos colexios universitarios e fomentou a investigación. Polo tanto, foi un acerto. Porén, estamos ante un problema de reiteración en determinados estudos, ás veces sen que exista unha demanda laboral destes. As universidades son moi pouco flexibles, xa que igual que se abren facultades deberían poder pecharse. Na práctica hai unhas resistencias de carácter corporativo moi serias que fan que ata agora non se teñan tomado decisións. É así que se dan casos singulares de facultades case sen alumnos que poñen en dúbida a interese de mantelas. De tódolos xeitos, as universidades teñen autonomía e deben solucionarnos seus problemas mediante acordos coa Xunta.

E que farían con esa pataca quente que é a Cidade da Cultura?
Iso si que é un problema. A Cidade da Cultura foi feita sen unha idea, nin sequera remota, de para que servía. Isto denunciámolo nós dende o principio. A única idea era construír algo parecido á Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia, e xa se ve a diferencia do uso que se lle dá a cada un. Nos buscamos que sexa o centro da creación cultural galega, pois hoxe está de costas ós creadores e ó servizo da administración de Cultura. Cremos que nunha situación coma esta non se pode comer todo o orzamento de Cultura.

Logo nunha situación de recesión coma esta está de acordo con impulsar medidas para fomentar o uso do complexo do Gaiás?
Iso só a porta pechada ten un custo de varios millóns de euros ó ano, hai que mantelo co nivel de actividade que sexa posible sen que vaia en detrimento das outras liñas de fomento da cultura. É unha pena que, para mante-la Cidade da Cultura se estean deixando morrer as artes escénicas en Galicia, que a creación plástica estea case abandonada… Cremos que iso o hai que revertir. Hai que facer nosa a reivindicación dos artistas de facer seu ese complexo.

Erros e acertos do bipartito

Quen usa agora mesmo na Xunta o famoso “despacho zen” que din que vostede fixo construír?
Non hai ningún despacho zen. Iso son maldades que se din en campaña electoral. Nin despacho zen nin cadeiras de luxo que viñesen do goberno anterior.

A última campaña estivo moi baseada no suposto derroche do bipartito, con temas como o dos coches oficiais, por exemplo.
Unha máis desas mentiras que, repetidas moitas veces, parece que son verdade. Cando o bipartito tomou posesión había unha flota de vehículos que non se modificou case durante os catro anos de lexislatura. E logo Feijóo montou un escándalo por uns coches mercados na época Fraga, cando el era conselleiro.

E agora, aínda que se di que Feijóo aínda invertiu máis nestes vehículos, o PSdeG non vai usar o argumento na campaña?
Eu creo que co nivel de problemas importantes que lles preocupan aos cidadáns, perder o tempo en iniciativas morbosas deste tipo parécenos unha falta de respecto. As políticas de rigor hainas que levar a cabo en todas as áreas, pero non confundamos os grandes problemas que afectan a milleiros de persoas con decisións administrativas que non son o maior problema de Galicia.

Voltando a vista atrás, cal foi o maior erro do bipartito?
Esa evidencia que percibían os cidadáns de que na práctica había dous gobernos. Ese foi o principal problema, que non era fácil de corrixir, e é a lección que hai que ter presente cando se constitúa un goberno alternativo en Galicia.

Entón esa percepción dos cidadáns era real?
Era unha percepción baseada en feitos concretos que logo foron amplificados pola oposición en tribunas mediáticas, pero había unha serie de problemas nos que se evidenciou que había diferencias de criterio, ás veces en temas importantes.

“Unha política proactiva cara a Bruxelas”

Valoraba antes como moi positiva a situación de Galicia como autonomía. Como calificaría a Galicia dentro da UE?
Nós temos denunciado moitas veces que a autonomía non ten neste intre unha política ante a UE, nin ante os demais países. Feijóo ten Bruxelas como unha fonte de financiamento, non coma un espazo de apertura. Temos que ter unha política máis proactiva cara a Bruxelas, porque en moitos sectores nos afecta directamente: na agricultura, na gandería, en Navantia… E en materia de investigación hai que coordinarse con universidades de toda Europa, e iso faise na UE. Hai que estar nos órganos de dirección da Unión e non nun órgano consultivo coma o Consello das Rexións. Ademais, a política europea ten un custo simbólico, mínimo.

A Unión Europea acaba de recibir o Nobel da Paz. Que lle parece?
Eu son dos que cren que é un pouco sorprendente. É certo que na idea dos pais fundadores da UE estaba esta idea fundamental dunha unión comercial como antídoto contra as guerras de décadas anteriores. Pero 50 anos despois, a UE é un organismo moito máis complexo, esencialmente de dimensión económica pero tamén cunha moi cativa dimensión de política internacional e que está absorbendo soberanía dos estados. Non está moi claro que vén a premiar o Nobel da Paz: se que non nos matasemos dentro do territorio da UE nos últimos 50 anos ou o seu rol como actor de política internacional, e neste último caso sería incomprensible. A UE perdeu relevancia internacional ultimamente.

Falando de premios Nobel da Paz, vería positiva unha reelección de Barack Obama nas vindeiras eleccións nos Estados Unidos?
Obama é unha figura interesante, por moitos motivos. Logo de presidentes moi conservadores e belicistas, Obama significa voltar ó bo camiño das políticas progresistas, con todo os matices do que significa progresista en América. El tentou solucionar o sangrante problema da sanidade pública en Estados Unidos, tomou unha estratexia a longo prazo de retirada dos conflitos de Iraq e Afganistán e asumiu un rol de liderado moral nas revolucións da primavera árabe. Hai tamén un relanzamento dalgúns sectores industriais, aínda co hándicap dunha taxa de paro que eles consideran escandalosa, dun 9%. O mercado de emprego nos Estados Unidos é un mercado estremadamente flexible, que rapidamente despide a millóns de persoas pero tamén se reactiva rapidamente.

É esa política laboral a que debe seguir España?
O que ten feito o Partido Popular liquidando o marco de relacións laborais vixente dende hai moitos anos é un escándalo, porque engade un elemento de desprotección absoluta do empregado fronte ó empregador, pois este pode cambiar as condicións laborais unilateralmente cando queira. Desposúe totalmente ós traballadores do seu sistema de defensa. É un modelo destrutivo das relacións laborais, que reduce a taxa de emprego estable.

E para rematar, unha pregunta obrigada. Cre que algún día contemplaremos un retorno de Paco Vázquez á política activa?
Paco Vázquez cumpriu no seu día unha función importante na Coruña e no socialismo galego, pero xa está retirado da vida política.

Entrevista realizada por David Fontán e Jorge Pan.