O retorno ou un lavado de cara?
Din que non hai sociedade sen cultura. E nos nosos días, non hai cultura sen cine. Coas recentes subidas do IVE e demais encarecementos, coma o moderno invento do 3D, acudir á estrea dunha película converteuse nun auténtico artigo de luxo. Ademais, coa “defunción” de Megaupload o pasado mes de xaneiro, as canles para acceder á sétima arte víronse reducidas en gran medida, obrigando ós locais de cine a quitar o pó ás súas vellas butacas e recibir, máis que encantados, un número máis amplo de visitantes.
Como saberán os lectores residentes na cidade compostelana, o número de salas de cine redúcese a dous, tralo que parece o peche definitivo de “Cines Compostela”, máis especializado en cine independente. Logo de ter localizado o máis próximo a nós, e pagada a cara entrada atoparémonos cun terrible ataque consumista: os flocos de millo. Unha vez creada esta tradición, xa non se soubo saír dela e actualmente, practicamente non sabemos ver unha película sen este salgado alimento. Para os comercios é todo un negocio, xa que nalgúns sitios sáeche máis caro este enredo que a propia entrada. E por se fose pouco, para entrar á sala terás que pasar por un exhaustivo recoñecemento para asegurarse de que non entras con algo que non comprases no propio establecemento. Sigo agardando a que me busquen onde queda prohibida semellante cousa.
A pesares disto, unha vez esquivas todas as balas e sentas no sitio asignado, pódese dicir que estás na túa casa. Ó fin é ó cabo, ir ó cine sempre tivo un encanto especial, e alto son e luminosidade dificulta quedar durmida vendo a película. Eu mesma retomei o costume coa nova longametraxe de Tim Burton recentemente estreada. Neste caso, por tratarse dunha película 3D contas co factor engadido das gafas, coas que non podo evitar imaxinarme as risas dos alumnos de Comunicación Audiovisual do ano 2064. Finalmente, a última fase desta experiencia é a volta a casa con esa sensación de indiferenza ou entusiasmo que fai imprescindible esta forma de arte.
Para moitos entusiastas do cine, a estrea da nova película dun director como pode ser Tim Burton é un evento agardado meses e meses. Non obstante, no caso particular do cineasta hollywoodense a maioría dos fans sente na mesma proporción os sentimentos de temor e emoción. Tralo mal recibimento dos últimos filmes sacados á gran pantalla, como Dark Shadows ou Alice in Wonderland, eran moitos os que esqueceran ó Burton macabro, sinistro e terrorífico de Edward Scissorhands ou Corpse Bride. Coa súa nova película Frankenweenie xorde o debate sobre unha recuperación da esencia do director ou un intento de recuperar a dignidade perdida.
A volta a uns personaxes escuálidos, de ollos profundos, con prolongadas olleiras e personalidade solitaria e distante, que conforman o alter ego do director, é evidente. Ó igual que a técnica do stop motion ou unha temática de terror e ciencia ficción con pinceladas cómicas que a fan se cabe máis sádica. Dende logo recolle todas as características propias de Burton, pero facendo á súa vez un pouco de reciclaxe. Como xa se sabe, Frankenweenie é a longametraxe do xa existente curto que o botou da produtora Walt Disney alá polo ano 1984 por ser, alegaban, “demasiado terrorífico para os máis novos”. Sen esquecer que é a mesma produtora a que está a desempregar dito oficio no presente filme. É precisamente isto o que nos leva a pensar nun posible capricho do cineasta por ver recoñecido, dunha forma significativa o valor que non tivo no seu día a súa obra. Non atopamos apenas ningún achego demasiado salientable na prolongación da película, sendo estes un tanto cuestionables. Cabe destacar, de maneira simbólica a inclusión do personaxe de Edgar, compañeiro aproveitado e malvado do protagonista, Víctor Frankenstein que provocará ó desencadeante do conflito.
Non obstante, podemos sacar en positivo a verdadeira mensaxe, xa presente na curta orixinal. A amizade dun can, Sparky, co seu dono. E a loita sen fin deste pola súa resurrección nunha clara homenaxe a obra de Mary Shelley, Frankenstein, que nos devolve ese sabor ó clásico cine de terror ó que nos ten acostumados o director. Agárdannos momentos emotivos, tétricos mesturados con toques cómicos que tampouco nos permitirán catalogar a película de “desfeita”, nin equiparala ás tan mal reputadas Dark Shadows ou Alice in Wonderland. Aínda que si podemos vela coma unha saída sinxela da pequena crise que atravesaba o famoso cineasta, e que serve á súa vez de homenaxe a si mesmo.