O récord dos récords

Se ao longo deste domingo estiveches vivindo na Terra probablemente escoitarías falar do home dos records, e probablemente tamén o verías no telexornal, nun xornal impreso ou dixital ou o escoitaches en calquera radio. Seguro que xa sabes entón quen é o home ese que se tirou desde moi arriba e que foi á velocidade dunha bala de revólver.

Félix Baumgartner, austriaco de 43 anos, decidiu subirse nunha cápsula elevada por un globo e tirarse en paracaídas dende 39 km de altitude. Nese salto logrou batir o récord do mundo de maior salto en paracaídas, o de maior velocidade sen axuda dalgún elemento mecánico e á vez, superando os 1100 km/h e ademais o de persoa que chegou máis alto nun globo aeroestático.

Todo o que acontece é recollido por máis de 30 cámaras en alta definición e unha espectacular realización en directo digna das grandes produccións de Hollywood. Á vez temos imaxes da familia que temen polo que lle pode ocorrer ao seu rapaz e tamén imaxes da sala de control.

A programación emitíase en directo en 150 países do mundo e a través de internet por streaming. Todos os medios falan do que acontece e a xente tamén, converténdose varias palabras relacionadas co suceso en trending topic global en todo o mundo. En España por exemplo tivemos tres horas de emisión a través da canle pública TeleDeporte.

Moitos elementos ao que hai que engadirlle o máis importante e notorio: o patrocinador. Podemos estar falando de grandes avances da ciencia e do deporte, da gran investigación que esto vai traer consigo, e tamén de que será un acontecemento que probablemente a xente recorde coma unha das imaxes do ano. Moitos xa se atreven a comparalo coa chegada á lúa en 1969.

Red Bull non só pagou a festa, se non que probablemente acabase de realizar a campaña publicitaria máis barata da historia. Centos de millóns de ollos atentos ao que pasaba na pantalla, na da tele, na do portátil, na do tablet, na do móbil, pero pantallas todas. Todos eses ollos atentos a ver o que pasaba, se caía, se se mataba, se chegaba ben, ou se lle collía o frío. E en cada secuencia podíamos ver unha, dúas ou máis pegatinas co logotipo dos touros (non o de Intereconomía).

Probablemente acabásemos de ver o record de records. E non os de Félix Baumgartner, que mérito ten dabondo, se non os de RedBull.