O noso derbi volta a primeira

Volta o noso clásico, o que nos interesa, do que non falan en primeira plana Marca ou Sport, pero do que falaremos durante semanas no noso lugar de traballo ou no bar. Voltan as discusións entre amigos (ou inimigos durante unhas horas), as apostas, os turcos e os portugueses, o día despois cargado de camisetas das dúas cores, as discusións pola clasificación, as comparativas por títulos….en definitiva volta o derbi, e ademais volta ao lugar onde se merece despois de cinco tempadas de ausencia en primeira.

 Chega o momento de lembrar grandes nomes e grandes tardes en Balaídos: Tristán silenciando o estadio vigués, o Celta de Lotina achegándose a Liga de Campións tras golear ao Depor no 2003, o 0-5 de 2004 para os herculinos que achegaba ao Celta a segunda, os duelos entre Mostovoi e Djalminha co mesmo nivel de clase e carácter sobre o campo, o gol de Baiano que tentaba aferrar ao Celta de Stoichkov a primeira en 2007, o gol de Borja no desconto que impulsaba ao Depor cara ao ascenso directo hai menos dun ano, ou a ovación de Balaídos a Valerón, un dos poucos xogadores herculinos recoñecidos no sur. Oitenta e tres anos de historia dun derbi que esta tarde escribirá un novo capítulo no Estadio Municipal de Balaídos.

 Por un lado o Celta de Paco Herrera chega con nove puntos á cita. Os olívicos confían na fortaleza do seu estadio, un lugar de onde só o Málaga saíu co peto ateigado de puntos na primeira xornada. Dende entón, todo vitorias. O equipo de Herrera parte sen baixas, coa dúbida de quen acompañará a Iago Aspas na punta do ataque. Un Iago Aspas, bandeira da canteira celeste, que debe demostrar xunto con todo o seu equipo que saben competir nestes encontros despois dos dous batacazos sufridos na Liga Adelante ante o seu eterno rival.

 Pola outra banda chega o Deportivo da Coruña con seis puntos. Tras un gran inicio de campaña, os herculinos encadean cinco derrotas consecutivas e marcan o derbi como un bo lugar para cambiar o rumbo e máis tendo en conta as boas sensacións amosadas ante o Barcelona hai sete días. Oltra ten baixas sensibles para este encontro como a de Abel Aguilar e terá as dúbidas ata última hora de Pizzi e Salomão, porén conta con Valerón e Riki, os grandes verdugos celestes na pasada campaña. Os dous saíron con diferente sorte do estadio vigués, pitada e lesión para o madrileño e ovación para mago canario.

 O derbi cámbiao todo. Non existen favoritos, nin dinámicas, nin situación clasificatoria que sirva de orientación. E nesta campaña, menos, cando estamos ante dous equipos cun presuposto similar e co mesmo obxectivo: a permanencia. As oito da tarde é a hora marcada para que comece a rodar o coiro nun Balaídos repleto de celtistas e deportivistas. Un partido onde esperemos que todos os afeccionados sexan capaces de gardar as formas, de evitar os incidentes e de desfrutar do clásico do fútbol galego festexando as ledicias do seu equipo e pasando un bo rato de fútbol co seu veciño, independentemente do resultado. Ao fin e ao cabo isto non é máis que fútbol, un deporte que pode ser máis ou menos importante, pero que non deixa de ser fútbol. Polo tanto, chegou o momento de vivir a gran festa do fútbol galego. O resto, sobra.