O modelo económico e social, a debate en Xelmírez

PP, BNG e AGE estiveron presentes onte á noite no Colexio Maior de Xelmírez para confrontar as súas propostas de cara ás eleccións do próximo domingo. Foi un debate a tres bandas que quizais quedou algo coxo tras a caída á última hora da secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, María Torres, aludindo a cuestións persoais. Compostimes, único medio presente, tráevos a crónica do acto realizado a porta fechada para os residentes no colexio.

Na mesa do auditorio sentáronse, á dereita da moderadora, Pepe Árias en representación de Alternativa Galega de Esquerda e Rubén Cela para dar voz ao BNG. Ao outro lado, soa, situouse Paula Prado; unha metáfora visual do que os estudantes de Xelmírez ían presenciar nas case dúas horas que durou o debate.

As voces a debate

As intervencións estruturáronse en tres partes, cunha primeira exposición inicial de 4 minutos para cada un, seguida logo dos dous bloques principais: economía primeiro e sociedade e política social despois.

Pepe Árias (ANOVA) que substituíu en última instancia a Xabier Ron, candidato de IU á alcaldía compostelá o ano pasado, foi o primeiro en tomar a palabra. Aclarou que para a súa organización era interesante acudir a este tipo de actos debido a que están tendo cabida en menos espazos dos que lles gustaría. Tamén indicou que a democracia consiste en “ter foros para expresarse”, algo que “a TVG está a negar” nesta campaña electoral. A cuestión básica no seu discurso foi o tema das “agresións sociais” que están a ter lugar co goberno do PP, destacando a “precarización” da situación laboral e o desemprego, que “obriga a emigrar á xente nova como noutras épocas”.

Paula Prado, número dous tras Conde Roa nas pasadas eleccións municipais, quixo agradecer á xuventude o seu interese á hora de organizar este tipo de actos. Comezou o seu discurso estruturándoo en torno a dous obxectivos: o balance dos últimos tres anos e medio e o proxecto de futuro. Aclarou que a herdanza deixada polo bipartito era “moi complicada, cunha grande débeda”, polo que o PP tivo que facer “máis con menos, reducindo o déficit e aumentando prazas en escolas, residencias da 3ª idade ou ampliando a cobertura para dependentes”. Defendeu así o discurso da austeridade do seu partido, que permite “ter a día de hoxe unha comunidade solvente”. Tamén destacou ao PP como defensor do pequeno comercio, destacando que as grandes áreas comerciais se construíron “con BNG e PSOE no goberno”.

O seguinte en presentarse foi Rubén Cela, candidato do BNG á alcaldía de Compostela nos últimos comicios. Comezou a súa intervención facendo un chamamento a votar o 21-O. “É un dereito e, en certo modo, tamén obriga na situación actual”, puntualizou, “xa que se vai decidir que educación, sanidade e modelo económico queremos”. Alertou de que se está a producir unha “involución do Estado do benestar”, con recortes que pagan “os de abaixo e non os culpábeis da crise”; e unha “recentralización progresiva” no Estado Español. Tamén criticou ao goberno actual por falsear as contas en referencia ao déficit do 2010, afirmando que “así caquera é solvente”. “Imos no coche directos a un cantil”, comentou escenificando a situación actual, “seguimos acelerando ou freamos e cambiamos o rumbo?”.

Economía en tempos de crise

Nas exposicións sobre economía, o primeiro en tomar partido foi Árias, que comezou a súa intervención poñendo o acento sobre a necesidade dunha “fiscalidade progresiva”. Criticou entón ao PP por subir un imposto coma o IVE, gravado a todos por igual, e tras facer “unha forte campaña en contra en época de goberno socialista”. Tamén aportou a proposta de creación dunha banca pública “para non depender da privada”, así como ter control da política monetaria, dar a luz a un parque de vivendas de aluguer… Resumindo, levar a cabo “outras políticas alternativas ao modelo da dereita”.

Paula Prado cargou no tempo dedicado á economía contra os nacionalistas, xa que estes “utilizan o discurso do medo” para botar a Feijóo, e culpou da crise a José Luís Rodríguez Zapatero. Pasou entón a criticar ao BNG porque no seu cartel se din defensores “da nosa terra” e “queren a independencia”, mentres que ela se considera “galega e española por igual”; un discurso que non se achegou demasiado ao asunto sobre o que debían versar as intervencións. Si se centrou máis na economía no turno de réplica, destacando o “logro de PEMEX” e a “solvencia da nosa comunidade”, que non necesita “pedir o rescate” como si fan outras autonomías

“Xa que o PP non quere falar de economía”, apuntou Rubén Cela en clara alusión á intervención anterior, “vouno ter que facer eu”. Comezou tratando a situación de “280000 desempregados”, así como da emigración xuvenil, que “rondou as 60000 mil persoas na última lexislatura”. “Somos un país rico e empobrecido que hai que poñer a producir”, sentenciou. Coincidiu na cuestión de fiscalidade co poñente de AGE, “criticando o 1% de impostos para as SICAVs fronte ao 25-30 % de sociedades” e destacando que hai que “actuar sobre as rendas máis altas”. Cela afirmou que antes de realizar “recortes sociais” hai que falar de “fraude fiscal”, así como de gastos “no Exército, nas deputacións, no Senado, na Igrexa ou no ensino concertado”. Tamén propuxo instaurar un banco público que permita “o fluxo do crédito” e unha Axencia Tributaria propia para o control fiscal a nivel autonómico.

Que facemos co Estado do benestar?

O propio representante do BNG comezou entón o apartado referente a sociedade e política social. “A pesar de ter un Estado do benestar deficitario”, explicou, “hai que pelexar para retelo”, destacando aspectos como a Universidade pública ou a existencia dun sistema sanitario “razoábelmente bo”. Criticou a Paula Prado por falar “dunha Galiza idílica”, explicando que “na realidade hai copago para os pensionistas e xubilación aos 67” así como unha sanidade que “pode deixar de cubrir algo tan básico como as mamografías”. “Isto non mo invento eu”, afirmou dirixíndose á representante dos populares.

Paula Prado, que comezou criticando de novo a xestión do bipartito, respondeu que o PP “non vai demoler o Estado do benestar”, concordando co concelleiro nacionalista en que hai que “loitar por manter os servizos públicos”. “Iso dos recortes en servizos sociais é falso”, apuntou. Acordouse na súa intervención da xente nova, “nunha situación complicada xerada polos gobernos progresistas”, e tamén falou da necesidade de reorganizar competencias administrativas para “loitar contra as duplicidades e triplicidades”.

Pepe Árias destacou na súa intervención que “non estamos en 2009, senón en 2012”, aclaración dirixida a Prado polas súas referencias á xestión da anterior lexislatura. Redundou nas cuestións tratadas por Cela, como o copago para os pensionistas, “que por razóns biolóxicas necesitan máis medicamentos”, ou a necesidade de manter o Estado do benestar e incluso amplialo, incluíndo aspectos como o das peaxes. Tamén criticou á concelleira popular por citar os contratos de PEMEX, “sacados á luz en plena precampaña e que aínda están no aire”.

A voz dos estudantes

Logo abriuse un turno de preguntas moi produtivo, xa que os numerosos estudantes alí presentes formularon as cuestións que máis os preocupan e que en xeral importan á sociedade galega. Unha delas foi a referida ás deputacións, só defendidas por Paula Prado, xa que “permiten axudar a concellos de 2000 ou 3000 habitantes que senón non poderían cubrir servizos básicos”. A propia Prado, moi requerida polo público, tivo que responder a algunha que outra pregunta incómoda. Unha delas comparou a cuestión do jet privado no que viaxou Feijóo por Sudamérica e o iate da fotografía de Quintana no 2009. “O PP baseou a campaña de hai 3 anos nese aspecto. Se o fai Quintana está mal e se o fai Feijóo ben?”, preguntou un dos estudantes. “Non sei a que se refire con iso da campaña”, concluíu ela. Falouse da coalición Anova-IU, das competencias autonómicas, de lingua, de medio ambiente… En definitiva, quedou patente que a mocidade si ten unha visión crítica e un claro interese pola política, algo que destacaron os tres representantes dos partidos. Todos coincidiron en que hai moito en xogo, polo que se despediron animando ao público a intervir no futuro do país non quedando na casa o día 21.