O insulto ao elector

Hai xusto un mes moitos quedamos escandalizados coas polémicas declaracións do candidato republicano Mitt Romney nas que tachaba de pouco menos ca parásitos e traidores á patria aos votantes de Obama. Se ben é certo que isto se producía nun contexto extra-mediático e nunha conversa case privada, non cabe dúbida é un feito radicalmente denunciable. Tendo en conta que o demócrata obtivo os votos do 47% da poboación estadounidense nos pasado comicios as verbas do seu rival, incluso como estratexia electoral, semellan indiscutiblemente desafortunadas, por dicilo dun xeito moderado.

Aínda estaba teimando neste tema cando vivín un episodio similar en primeira persoa. Foi no debate de candidatos na Asemblea celebrada na Facultade de Ciencias Políticas da USC o pasado día 2 deste mes. Carlos Aymerich, número un da lista do BNG por Pontevedra, lanzou unha bomba de reloxería nunha das súas primeiras intervencións: “Xa quedou demostrado que temos unha dereita sádica. O día 21 veremos se tamén temos unha sociedade masoquista”. Non entendín o insulto, como tampouco entendín o aplauso que o seguiu. Antollóuseme unha botada por fóra dun representante de partido pequeno que usa como instrumento a rabecha para que o escoiten. Un bramido absurdo que para os non simpatizantes non podía parecer máis ca un lema doutrinario de autoafirmación sen demasiado contido real. Inmediatamente equiparei o erro a aquel de “Ser gallego en el sentido más peyorativo de la palabra”, salvando todas as distancias que existen entrambas sentencias, pero que tamén foi defendido polos palmeiros máis fervorosos de UpyD.

Creo que o Bloque non necesita iso. Un partido que aspira a ser dono dunha cadeira de poder nun curto ou medio prazo non debe faltarlle ao respecto a ningún espectro de votantes, por ben afastados que poidan parecerlle ideoloxicamente, e menos se este nicho é o do que vai ser a forza máis votada nas eleccións, pois en caso de chegar a gobernar tamén o terán que facer para eles. A obriga co elector é explicarlle o programa e convencelo con argumentos, que lle sobran ao BNG sen recorrer a outras artimañas de peor gusto.

Isto é unha pura cuestión de márketing político e de imaxe. Tema a parte é o insulto ao rival, do que hai exemplos históricos de que pode incluso resultar efectivo, pero coido que iso vai ser fariña doutra muiñada.

 

 

 

P.S (Fe de erros)

De xeito completamente involuntario mesturei no primeiro parágrafo as cifras dos dous colectivos menosprezaods por Romney, co cal quedou a gravación mal explicada pola miña parte. O candidato insinúa que o 47% dos estadounidenses vive do estado e identifícaos como potenciais votantes de Obama, o cal fai que as súas verbas sexan un ataque a un número aínda maior de persoas. Lamento este erro na exposición, agardo que con isto quede aclarado.