O futuro do fútbol: o poder dos petrodólares
Algúns coñeceredes ós 2 futbolistas que aparecen na foto que acompaña este artigo. Outros non, supoño. Son Hulk e Witsel, recentes fichaxes do Zenit de San Petersburgo ruso. Entre os dous valeron 95 millóns de euros, 55 millóns o brasileiro e 40 o belga. Foi un dos movementos máis espectaculares do verán, dúas fichaxes que escenifican un cambio de orde no fútbol moderno. Aínda así foron dous movementos que pasaron desapercibidos para os medios deportivos maioritarios deste país, preocupados por defender á Liga BBVA como a mellor do mundo e intentando convencer ós espectadores de que non hai nada máis alá de Real Madrid, Barcelona e algo de Atlético de vez en cando.

Hulk e Witsel, quen entre os dous lle valeron 95 millóns ó Zenit San Petersburgo, no banquiño o día do seu debut
Pero a realidade é ben distinta. Os equipos españois, máis alá de Real Madrid e Barcelona levan desde o principio da crise económica e incluso algún ano antes sufrindo un grave problema derivado de anos anteriores de grandes ingresos e polo tanto, grandes inversións. Equipos en lei concursal, equipos a piques de desaparecer e plantillas máis ca limitadas para unha primeira división que sigue sendo “La Mejor Liga del Mundo”. Non hai tantos anos que moitos equipos podían ser a revelación e pelexar polos títulos de liga (Deportivo da Coruña, Valencia, Atlético de Madrid, Real Sociedade, Athletic Club). Os motivos polos que agora non é así son os gastos desmesurados nunha época mellor, o reparto televisivo e o interese cada vez máis focalizado en dous únicos equipos.

Tabóa que expresa o gasto en traspasos dos clubes da Liga BBVA nos últimos anos de forma porcentual. Podemos observar que entre Real Madrid e Barcelona nas últimas 7 tempadas gastan máis do 30% do gasto total da Liga en todas elas. Destaca especialmente o ano 2009/2010 onde gastan máis do 70% do gasto total dos clubes da liga. (Gráfico: elaboración propia a partir de datos de transfermarkt.co.uk)
As principais ligas en nivel de competitividade e igualdade son a inglesa e alemá, que se ben non teñen equipos do nivel actual de Real Madrid e Barcelona o nivel medio e o interese é bastante maior. Así o atesouran os resultados e as dificultades para vencer os grandes e as alternativas que xorden ano tras ano, como o Borussia Dortmund, Schalke 04, Bayer Leverkusen ou Wolfsburgo que lograron vencer ó Bayern en Alemaña nas últimas tempadas ou os grandes ingleses que se deixan puntos en Stoke, Birmingham ou Reading. O principal motivo antóllase económico, xa que os equipos de media táboa teñen unha xestión moito mellor que a que podemos ver en España. Aparte destas dúas ligas aparecen entre as principais Italia, vida a menos a tenor dos últimos escándalos e onde os grandes como Juventus, Milan e Inter non atopan inimigo a pesar de perder gran parte do seu potencial. Nápoles, Roma ou Lazio intentan ser a alternativa mais non o logran. Aínda así, este baixón de nivel dos principais equipos permiten unha maior igualdade e competitividade que en España. Francia, pola súa contra está falta dun dominador, e salvo agora polo PSG, cada vez máis orfo de estrelas. Holanda e Portugal convértense en ligas de 2/3 equipos de segundo escalafón e Escocia, Bélxica ou Grecia desaparecen do primeiro nivel mundial.
O paradigma do fútbol está cambiando e o nivel futbolístico dos países ten en realidade bastante que ver co nivel económico. Partimos de que en España hai un maior desenvolvemento futbolístico ca, por exemplo, en Rusia, por tradición, instalacións e base, pero nun deporte tan mercantilizado como o fútbol isto ten cada vez menos que ver. Porque os fichaxes son o pan de cada día, e unha boa canteira queda desmantelada unha vez tras outra conque o equipo non sexa un dos grandes (p.ex Ajax, Espanyol, Boca Juniors). É así que a liga arxentina pasou a ser unha liga de segundo nivel, ó igual que a grega, belga ou moitas outras.
Coinciden deste xeito que os países que son o futuro do fútbol teñen un interese crecente polo deporte rei ademais dun nivel socioeconómico crecente, polo menos nas clases altas que son á fin e ó cabo quen posúe os equipos. Entre estes países destacamos a Turquía, Ucraína, Brasil, Catar (a que mola escribilo con C), China, México, Emiratos Árabes e sobre todo, Rusia. Ben sabidos son os casos de futbolistas que se ían nos últimos anos buscando un retiro dourado, pero equipos destas ligas comezan a ter por fin un rendemento notorio ó nivel do esperado. Entrando en detalle vemos un crecemento do nivel medio da liga turca, onde equipos como o Kayserispor, Orduspor ou Kasımpaşa contan con xogadores como Fabian Ernst, Pablo Mouche, Andrëas Isaksson ou David Barral, polo que pagaron máis de 2 millóns de euros, cifra que dificilmente pode pagar media liga española. Á larga as inversións acabarán convertendo o nivel da liga nun nivel maior. O resto, Ucraína encabezada polo Shakhtar e Dinamo de Kiev comeza a asustar con equipos de 2ª fila como o Metalist Kharkiv ou o Dnipro de Juande Ramos. Se nos imos a Brasil, vemos como é capaz de manter ás súas estrelas (Neymar, Ganso) ademais de recuperar xogadores válidos para o país á vez que seus clubes son capaces de fichar por primeira vez estranxeiros (D’Alessandro, Bolatti, Seedorf). China, Emiratos Árabes, Catar ou inclusive México nos últimos tempos reúnen xogadores que aceptan ir grazas a un soldo ó que non poden optar en Europa, polo que vemos alí a xente tan dispar como Drogba, Anelka, Darío Conca(7º mellor pagado do mundo no Guanghzou chino), Valdo, Tamudo, Fernando Baiano, Nilmar ou Ricardo Oliveira.
Capítulo aparte merece a liga rusa, a cal incluso neste 2010 a 2011 cambiou o formato de liga, pasando a disputarse co formato habitual europeo de agosto-setembro a maio-xuño no canto de disputarse no ano natural, o que foi un paso importante no seu obxectivo de converterse nunha das mellores ligas do mundo. O nivel actual é alto, se ben este se mantén nos clubes moscovitas (Spartak, CSKA, Lokomotiv e Dinamo), o Rubin Kazan, o Zenit San Petersburgo, o Anzhi ou os incipientes Krylia Sovetov ou Terek Grozny. De aí para abaixo o nivel aínda é o menor, equivalente á parte alta dunha segunda división española. Pero esta liga ten futuro. Desde o CSKA de principios de século levado á victoria na Copa UEFA grazas a Dani Carvalho e Vagner Love numerosos xogadores chegaron a Rusia, o que xunto coa melloría no propio fútbol base posibilitou a chegada a un nivel actual que a converte nunha das principais ligas de Europa.

Táboa que expresa o gasto en traspasos nas distintas Ligas durante os últimos anos. Especialmente destacables o crecemento da Liga Rusa e como a 2ª división inglesa multiplica por máis de 10 o gasto da 2ª división española, chegando incluso a pasar os 100 millóns de euros gastados en traspasos nalgún ano. (Gráfico: elaboración propia a través de datos sacados de transfermarkt.co.uk)
Estrelas do nivel de Eto’o, Lacina Traoré, Zhirkov (Anzhi), Honda, Doumbia, Akinfeev, Mário Fernandes (CSKA), Dzsudzsak, Kuranyi, Misimovic (Dynamo), Corluka, Caicedo, Pavlyuchenko (Lokomotiv), Rondón, Carlos Eduardo (Rubin Kazan), Welliton, McGeady (Spartak) ou Hulk, Kerzhakov e Denisov (Zenit) marcan nomes de 7 equipos distintos ós que só 3 equipos (4 con sorte) da liga española terían oportunidade de fichar. E é que o nivel económico ruso xa é maior que o español. De momento o que mantén ó fútbol español é a base, en constante desenvolvemento tamén no resto de países. E pode que actualmente a Liga BBVA siga estando entre as 3 mellores do mundo, pero o futuro é incerto. Os pufos, intereses ocultos, presidentes nefastos e demais xestións deportivas nefastas nos últimos anos páganse caros e hai outras ligas que veñen por detrás pegando forte. Os resultados destas ligas acabarán chegando en Europa. Polo tanto, confiemos en España nos que día a día xogan na escola e na rúa, pois espéranos un futuro futbolístico onde dependeremos da canteira máis ca nunca se queremos que a Liga BBVA siga entre as mellores do mundo. E sempre coa dúbida do atractiva que pode resultar unha liga bipolar.