O espertar dunha estrela: Levon Kendall

Levon Maxwell Simon Kendall (4 de xullo de 1984 en Vancouver, Canadá), ou simplemente Levon Kendall, é un xogador de baloncesto que milita actualmente no Obradoiro CAB santiagués. Esta é unha explicación para aquel que non é afeccionado ó deporte ou que vive fóra de Santiago de Compostela, pois o canadense leva desde 2010 sendo unhas das caras máis coñecidas no deporte da capital de Galicia e da comunidade galega enteira se nos descoidamos. Os seus 2 metros 9 centímetros de altura veñen acompañados dun gran corazón e unha encandilante persoa que fixo nestes últimos 3 anos de Galicia o seu lugar e Santiago o seu fogar. Apasionado doutras culturas, preocupado polos demais, pianista e idealista, falante dun castelán case perfecto e sempre cun sorriso para todos. É máis que un deportista de elite, é un exemplo para os nenos.

Kendall colaborando durante as súas vacacións en Kenia

Pero o motivo deste artigo vai máis alá da súa belísima persoa. E é que o nivel actual como xogador de baloncesto do bo de Kendall está ó das estrelas ACB. Logrou nestas primeiras xornadas converterse no xogador franquicia do Obradoiro e ser a referencia interior levando ó equipo ó seu mellor comezo histórico na 1ª división española. Comezou así unha xeira de 3 vitorias consecutivas que se cortaría no 4º partido da tempada, onde unha axustada derrota conta Valencia Basket afastou ó equipo galego da fronte da clasificación. Foi a primeira pedra no camiño do Obradoiro, algo máis pequena se temos en conta que Levon Kendall conseguía o MVP da xornada tras rematar o partido con 24 puntos, 7 rebotes, 2 asistencias e un total de 8 faltas recibidas.

Acusado de falto de sangue na súa primeira tempada en Santiago, no 2010-2011, a realidade é que sempre se viu un xogador cun aquel que diríamos en Galicia, un xogador ó que lle faltaba aínda un pasiño por dar. Portador dunha gran clase, con rango de tiro e movementos ó poste, capaz de xogar tanto de costas á canastra como de cara a ela e cun lanzamento de 4 metros letal, a irregularidade e a fraqueza defensiva eran os principais factores que crispaban ó público e que facían que a desconfianza crecese sobre Kendall. Foi o ano pasado, durante a segunda parte da tempada cando o canadense deu un paso á fronte e se converteu nunha das referencias do Obradoiro xunto con Stephane Lasme, quen con Andrés Rodríguez foron os dous artífices principais da salvación. Mais nunca se viu ó canadense como este ano. Ós 28 anos Kendall creu que pode ser a referencia dun equipo. Creu que tiña unha calidade maior que a maioría de ala-pivotes rivais e que pode enfrontarse a calquera. E isto deu os seus froitos. Trala cuarta xornada da Liga Endesa pasa por ser o máis valorado con 22,5 puntos de media por partido, xusto por diante dun tal Nikola Mirotic que promedia 22,3. Non só isto, senón que vai acompañado por unhas medias espectaculares para o que estamos acostumados a ver en Europa: 17,8 puntos; 6,8 rebotes; 2,5 asistencias e 1,3 tapóns por partido en 33 minutos de media.

Levon Kendall coa catedral de Santiago de Compostela de fondo

Chegou o momento de Kendall, a confirmación dun xogador que prometía na Universidade de Pittsburgh e que sen oco como a maioría de baloncestistas de elite na NBA se veu buscar un contrato a Europa. Desde 2007 pasou 3 tempadas no baloncesto grego, en Panionios (2 anos) e Maroussi (1). Alí disputou Euroliga e ULEB Cup, cobadeándose cos mellores de Europa, pero a falta de minutos impedían a súa progresión e veu a España en busca dun mellor rol que o conseguira satisfacer, ó mesmo tempo que unha cultura diferente da que o canadense nunca oíse falar. Tardou en adaptarse á terra da chuvia, da boa comida e da zona vella cautivadora, pero Kendall atópase con 28 anos no espello de Europa e na oportunidade da súa vida como xogador de baloncesto. E en Santiago quedan polo menos 30 partidos de Kendall, 30 semanas de soñar cunha meta maior. Comandado polo capitán Kendall o Obradoiro desembarca nas canchas de toda España para ensinar que na terra do vello Diego Xelmírez volve haber quen quere construír unha catedral desde os cimentos dun pequeno equipo de baloncesto. Dese xeito e apoiándose na súa enorme afección o Obradoiro pode soñar, polo menos mentres soe a melodía do canadense tocando o piano.

Fotos: levonkendall.blogspot.com/