O clásico e o xornalismo de bufanda

Por fin pasou o gran día, ese día onde, por enésima vez, detense o mundo porque eses dous grandes equipos da mal chamada “liga das estrelas” vense de novo as caras. E eu direi que por fin pasou o día, pero para outros chega o momento de buscar no calendario o seguinte clásico, a seguinte ocasión de falar de todo menos de fútbol cunha excusa minimamente crible. Aínda que, en realidade, de fútbol acostuman a falar o xusto.

O xornalismo deportivo hai tempo que acostumou a súa audiencia a escoitar a opinión antes que a información. E, por suposto, hai tempo que deixou o fútbol de lado para falar de polémicas arbitrais, de “Villaratos”, de supostas malas relación ou de culebróns deportivos. E todas esas cousas, curiosamente ou non, sempre están relacionadas cos mesmos equipos: F.C. Barcelona e Real Madrid.  A liga de fútbol profesional, que últimamente parece de todo menos profesional, hai tempo que se reduce a estes dous extremos, entre outras cousas, polo “equitativo” reparto televisivo e tamén pola atención que lle confiren os grandes medios de comunicación co seu xornalismo de bufanda a todo o que moven estes dous equipos. Especialmente, a prensa escrita.

Durante toda esta semana, Marca e As falaron máis sobre a camiseta de Özil que levaba por debaixo Sergio Ramos que da boa xeira de equipos como o Málaga ou o Atlético de Madrid. Pero claro, ¿que importan eses para eles?. No bando contrario, Sport e o Mundo Deportivo a parte de falar de política polos catro costados tamén comentaron que quizais Delgado Ferreiro era un árbitro máis propicio para o Real Madrid, todo isto despois de que a semana pasada definiran nos seus propios xornais a Mateu Lahoz como un “chollo” para Medel.  E neste caso máis do mesmo, que lle pregunten a outro equipo “terrestre” como Sevilla se foi un chollo ou non.

Con todo, houbo fútbol de moito nivel no Camp Nou, con Messi e Ronaldo demostrando o seu nivel futbolístico en plan estelar e cun final de partido cargado de emoción. Pero o problema é que durante esta semana falarase de fútbol outra vez o xusto e o importante será a polémica, as declaración, a política, o árbitro e todo aquilo que está máis preto da “salsa rosa”. E por suposto, será difícil enterarse do coliderado do Atlético de Madrid.

Esta é a realidade da “liga das estrelas” ou da “liga que move o mundo” que quizais estaría mellor chamar “liga das diferencias” ou “dos dous e o resto”.