O anonimato da liga Endesa

Presentación Liga Endesa 2012-2013 / Foto: acbmedia.net

Hai unhas semanas estreábase en Zaragoza unha nova campaña para o baloncesto nacional coa Supercopa ACB. Alí, o Real Madrid conquistaba o primeiro torneo oficial do curso e, ao mesmo tempo, tamén coñecíamos a aposta televisiva para esta nova tempada baloncestística.

 Outro ano máis a Liga Endesa sería retransmitida por TVE, pero non a calquera prezo.  Tralos malos datos de audiencia, a ACB viuse obrigada a rebaixar o seu “caché” de oito a dous millóns e medio de euros cando nos atopamos na época das grandes vendas de dereitos televisivos noutros deportes. Sen embargo, o equipo de televisión española coa volta de Manel Comas, a incorporación de Juanma Iturriaga e sobre todo coa aposta por colocar o partido do domingo na súa primeira canle parecía xogar forte para reflotar unhas audiencias que nos últimos tempos foran bastante pobres.

 Porén, a cadea pública non logrou os datos esperados nas primeiras xornadas de liga, alí onde de verdade chegou a reválida para esta nova aposta. Aínda que os datos da campaña pasada se duplicaron,  (250.000-350.000 espectadores conseguía Teledeporte no partido estrela por preto de 500.000 nos primeiros encontros), co paso das xornadas o interese pola Liga Endesa foise perdendo progresivamente. Os partidos do domingo aculuman unha media duns 450.000 espectadores e un 4,5% de share, mentres que o partido do sábado en Teledeporte apenas alcanza os 100.000 espectadores. Uns datos bastante discretos tendo en conta as medias da cadea, e o máis perigoso e que os datos cada semana son máis baixos.

 A FORTA tamén renovou os seus dereitos para emitir o deporte da canasta pagando os seus habituais dous millóns de euros por temporada. Sen embargo, moitas das súas cadeas non apostan polo produto e nin sequera emiten o partido que lles corresponde por xornada, o cal parece bastante desesperanzador e dá conta da pouca rendabilidade do baloncesto en moitos lugares do país. Por sorte, en Galicia, a TVG2 sí que o emite este encontro os domingos e con bastante éxito cando se trata do Obradoiro CAB.

 Por último debemos destacar a compra de parte dos dereitos da Euroliga por parte de MARCA TV, xa que os pertencentes a Barcelona e Caja Laboral xa estaban reservados polas súas autonómicas. Esta aposta parece que de momento tampouco está saíndo demasiado ben nos datos estatísticos para a cadea do TDT que sí que consigue acadar datos importantes co fútbol pero nunca co baloncesto nestas dúas primeiras xornadas de competición

 De todos estes datos concluímos que o produto da liga Endesa vaise devaluando progresivamente sen que ninguén lle poña remedio. Porén, o deporte en sí non perdeu interese como reflexan os datos da pasada campaña da NBA en Cuatro (arredor de 200.000 espectadores e cun share de media do 9% co seu horario de madrugada) ou a grande escala cos datos da final dos xogos olímpicos entre España e USA que congregou a 5.400.000 espectadores diante do televisor.

 En resumo, máis que unha perda de interese neste deporte podemos concluír que o que existe é unha perda de interese na competición, que se pode dar por varias circunstancias: unha liga regular sen alicientes ata os playoffs e a Copa do Rei, a ausencia dun horario habitual televisivo (varía segundo o fútbol ou o resto de programas), a falta de promoción e de noticias nos medios de comunicación complementarios ou a falta dun All Star similar ao americano para captar espectadores (o concurso de mates e triples deste ano realizouse na sede da ACB ás doce da mañá nun claro erro de planificación e marketing).

 O máis preocupante de todo é que parece difícil atopar unha solución para un deporte que segue sen despertar interese na súa competición doméstica, falto dunha aposta televisiva forte e decidida, e que de momento tense que conformar cun seguimento importante nas grandes citas e naqueles lugares onde por sorte se desfruta dun equipo do máximo nivel, coma no noso caso.

 Datos de audiencia: Fórmula TV (orixinais de “Kantar Media”)